[31-01-2012] O Concello de Ames, a través da Concellaría de Asociacionismo, Igualdade, Muller e Xuventude, está desenvolvendo o programa de coeducación Educar en igualdade. Este programa ten como obxectivo formar o alumnado amiense para que se desenvolva e relacione plenamente sen prexuízos sexistas. Os obradoiros están dirixidos aos nenos e nenas de quinto e sexto de primaria dos centros educativos de Ventín, Agro do Muíño, A Maía e Barouta. Dentro deste programa enmárcanse accións para a promoción da igualdade entre mulleres e homes e actividades dirixidas á poboación infantil e xuvenil para favorecer a coeducación. Este programa sufrágase a través dunha subvención da Deputación da Coruña.
Os procesos de socialización que teñen lugar dende a nosa infancia, a través de diferentes axentes sociais como a familia, a escola, os medios de comunicación, etc., modelan a nosa identidade. Neste proceso de socialización interiorízanse actitudes, apréndense diferentes roles, constrúense atribucións de xénero sobre as persoas e as diferencias que se marcan sobre os dous sexos convértense, a maioría das veces, en desigualdade. O sistema educativo actual ten un papel fundamental nos procesos de socialización a través das relacións entre o alumnado, a interacción profesorado-alumnado, e os materiais educativos.
O programa Educar en igualdade ten como fin formar criticamente o alumnado dos centros de ensino de educación infantil e primaria amienses para desenvolverse e relacionarse plenamente sen prexuízos sexistas, e tamén ás nais e pais. A finalidade é favorecer que na comunidade escolar se incorpore a perspectiva de xénero nas súas prácticas diarias, partindo da premisa de que os centros escolares constitúen un espazo idóneo para facer efectivo o principio de igualdade entre mulleres e homes ao influír nel unha diversidade de axentes socializadores que son clave para a erradicación do sexismo, como son as familias, os grupos de iguais e os sistema educativo como tal, con especial atención ás linguaxes.
A educación é unha das estratexias básicas para acadar a igualdade real entre homes e mulleres, promovendo un sistema educativo baseado na aprendizaxe e desenvolvemento dunha serie de habilidades, capacidades e valores que lle permitan ao alumnado, independentemente do seu sexo, enfrontarse a unha sociedade en continuo cambio, co fin de posibilitar a súa propia integración e participación presente e futura en todos os espazos da sociedade como individuos libres e coas mesmas oportunidades.
Obradoiros de coeducación
Deste xeito, estanse desenvolvendo unha serie de obradoiros de coeducación nos centros educativos de Ventín, Agro do Muíño, A Maía e Barouta. As actividades do programa Educar en igualdade desenvolvéronse os días 23, 25 e 27 de xaneiro no CEP de Ventín, mentres que o 7 de febreiro desenvolveranse no CEIP Agro do Muíño e o 7 de marzo no CEIP de Barouta. Aínda falta por confirmar as datas nas que se desenvolverá este programa no CEIP A Maía.
As actividades propostas consisten no desenvolvemento de tres sesións cunha duración dunha hora hora cada unha co alumnado de quinto e sexto de primaria dos colexios de educación infantil e primaria do Concello de Ames, na que se utiliza unha metodoloxía totalmente práctica e participativa. As dinámicas son de traballo individual e en grupo, primando a participación de todo o alumnado e a posta en común en grupo. Para realizar os obradoiros de coeducación empréganse fichas didácticas e materiais audiovisuais para o desenvolvemento das sesións. Traballarase arredor de tres temáticas: construíndo a nosa identidade; corresponsabilidade; e promoción de relacións igualitarias e prevención da violencia.
Para abordar o obradoiro da socialización diferenciada o alumando debe partir da súa propia experiencia, da realidade que lles é máis próxima xa que forman parte da sociedade que se vai analizar. Só así poderán contribuír a cambiar a realidade na que vivimos e facer posible a igualdade entre homes e mulleres, e polo tanto o pleno desenvolvemento das persoas en todos os ámbitos os que se ven inmersas: persoal, afectivo, social, cultural, económico, político, etc. En canto ao obradoiro de corresponsabilidade, neste bloque vaise traballar sobre o reparto de responsabilidades domésticas e de coidado dos nenos e nenas.
Contido relacionado
La Voz de Galicia: "El Concello de Ames puso en marcha Educar en Igualdade para niños de primaria"