[15-10-2013] O Concello de Ames, a través da Concellería de Medio Ambiente, levará a iniciativa de hortas urbanas ao núcleo do Milladoiro antes de que remate o ano. Actualmente, estase acondicionando unha parcela para poñer a disposición dos veciños e veciñas do Milladoiro unha iniciativa que xa está en marcha en Bertamiráns, onde se acaban de publicar as listas provisionais de admitidos e excluídos, abrindo un prazo de dez días para que as persoas interesadas poidan completar a información requirida.
Listas provisionais en Bertamiráns
No caso de Bertamiráns, xa está exposta na Casa do Concello e na páxina web a listaxe provisional de solicitudes admitidas e excluídas para as hortas urbanas municipais sostibles e solidarias nas súas tres modalidades de concesión: libre, para maiores de 65 anos e para persoas en risco de exclusión.
As persoas que figuran neste listado como excluídas teñen ata o vindeiro 21 de outubro para subsanar a falta de documentación e aportar os documentos necesarios. Finalizado este prazo, será elaborada unha lista definitiva na que se indicará, de ser o caso, hora, lugar e día para a realización do sorteo de adxudicación das hortas.
En total, puxéronse a disposición nesta convocatoria 34 parcelas cunha superficie media de 35 metros cadrados que están ubicadas no parque municipal do rego do Ameneiral. As parcelas adxudicaranse por prazo dun ano prorrogable por outros doce meses.
A concelleira de Medio Ambiente, María Eugenia Martín, destaca que “as persoas que resulten adxudicatarias das hortas deberán asistir ao curso de formación sobre prácticas sostibles nas hortas urbanas que será impartido polo Concello e, ademais, seguirán o manual de boas prácticas de agricultura sostible que lles será facilitado”. Haberá préstamo de utensilios e ferramentas por parte do Concello de Ames e levarase a cabo un seguimento destas hortas, creando unha comisión de seguimento.
Coa posta a disposición dos espazos hortícolas preténdese que a poboación adopte unha actitude activa na ocupación do seu tempo libre e de ocio. Trátase de facilitar a intervención de cidadáns no desenvolvemento sostible, facilitar a relación de coexistencia xeracional entre os veciños/as, e así mesmo, unha contribución ás economías familiares que se vén favorecidas polos cultivos de autoconsumo.
A parcela que se dedicará a hortas urbanas no Milladoiro está situada entre a Rúa do Xeixo e a Rúa do Francés. En total, a parcela conta cunha superficie de 2.017 metros cadrados e prevese que nela se poidan dispoñer 45 hortas para a súa cesión á veciñanza do Milladoiro. A concelleira de Medio Ambiente, María Eugenia Martín, explica que “neste momento, estanse levando a cabo tarefas de acondicionamento do terreo, movemento de terras, e despois acometerase o peche da parcela ou instalacións de sistemas de drenaxe e rego”.
Unha vez que remate o proceso de acondicionamento da parcela municipal, anunciarase a apertura de prazo de solicitudes para que as persoas interesadas poidan ter a posibilidade de contar cunha horta urbana no Milladoiro.
Contido relacionado
El Correo Gallego: "Ames está acondicionando unha parcela no Milladoiro para poñer a disposición dos veciños hortas urbanas"
La Voz de Galicia: "Ames prevé 45 huertas urbanas en Milladoiro y sortea 34 en Bertamiráns"




