Pestanas principais

O Concello de Ames envíalle á Dirección Xeral de Mobilidade catro propostas para volver a prestar o servizo de transporte á veciñanza de Ortoño, Bugallido e Biduído

Xoves, 25 de febreiro de 2021

O Goberno municipal do Concello de Ames envioulle este mércores, 24 de febreiro, á Dirección Xeral de Mobilidade da Xunta de Galicia, un novo escrito no que se lle dá traslado de catro posibles propostas para volver a prestar o servizo de transporte metropolitano á veciñanza de Ortoño, Bugallido e Buduído. Ditas propostas foron acordadas previamente nunha xuntanza mantida coas asociacións de veciños/as de Ortoño, Bugallido e Biduído. A primeira proposta trátase da modificación da ruta correspondente á liña XG80722 de Extramundi a Santiago. A segunda proposta é a modificación da liña XG80408 de Casalonga 2 a Santiago e da liña XG80722 de Extramundi a Santiago. A terceira proposta é establecer un novo servizo directo a Ortoño (vía convenio ou licitación), mentres que a cuarta proposta recolle un servizo temporal co transporte urbano de Santiago previo compromiso da Xunta. Preme nesta ligazón para ver as catro proposta de xeito completo.

Dende o Goberno municipal explican que “dende o pasado 23 de decembro a situación actual de cobertura de transporte nas parroquias de Ortoño, Bugallido e Biduído é moi distinta da existente ao longo dos últimos anos, onde a cobertura facíase a través da liña municipal de Santiago P2. Coa retirada da mesma por parte do Concello de Santiago, a veciñanza destas parroquias leva dous meses sen o servizo e require de solucións por parte da Administración competente”.

Na actualidade as parroquias afectadas pola desaparición desta liña P2 contan cunha poboación superior aos 2.000 habitantes. O transporte metropolitano de viaxeiros entre áreas de interese metropolitano é o xeito que teñen de estar conectados con Santiago de Compostela. Debido a iso, dende o Concello de Ames trasladóuselle este mércores, 24 de febreiro, á Dirección Xeral de Mobilidade unha serie de propostas para tratar de que se volva a prestar o servizo de transporte metropolitano á veciñanza das parroquias de Ortoño, Bugallido e Biduído.

O obxectivo é prestar unha cobertura óptima de transporte metropolitano para as parroquias afectadas, tal e como se comprometeu o Goberno municipal nunha xuntanza mantida coas asociacións de veciños/as de Ortoño, Bugallido e Biduído, o pasado venres 19 de febreiro. Deste xeito, envíanse catro propostas para que sexan estudadas por parte da Xunta de Galicia que é o Organismo competente no transporte interurbano, tal e como quedou clarificado na última xuntanza coa D.X. de mobilidade.

O documento enviado divídese en dúas propostas diferentes que servirían para prestar dito servizo de maneira inmediata e contempladas nas posibles modificacións contractuais que permiten os contratos actuais. Estas son as proposta 1 e 2, sendo preferente para a veciñanza amesá e Goberno a primeira delas, tal e como se manifestou nunha xuntanza realizada esta semana. Ambas propostas non requirirían de novas licitacións ou convenios e levaríanse a cabo con modificacións sobre liñas xa existentes.

No tocante á terceira das propostas, esta requiriría dun estudo máis detallado por parte da Administración Autonómica. No caso de elixir dita vía, sería necesario implementar de forma inmediata e temporal a cuarta das propostas para prestar o servizo á veciñanza durante os meses que se realice dito estudo.

Modificación da ruta correspondente á liña XG80722 de Extramundi a Santiago
A primeira proposta trátase da modificación da ruta correspondente á liña XG80722 de Extramundi a Santiago. Esta liña entra no concello de Ames pola parroquia de Eirapedriña desde Padrón realizando paradas en Eirapedriña – Guimaráns - Framil e Costoia. Dita liña ten servizo con parada no Hospital Clínico, Campus, O Horreo e Estación de Autobuses, polo que dá cobertura de transporte para algunhas das parroquias afectadas (Bugallido e parte de Biduído). A proposta consiste na modificación do traxecto desta liña desviándose á parroquia de Ortoño desde a parada de Eirapedriña, pola estrada DP-205.

Esta modificación supón un incremento de 3,3 km sobre a ruta actual e permitiría dar cobertura á veciñanza dunha urbanización de máis de 400 vivendas e un centro educativo, así como á parroquia de Ortoño cunha poboación de mais de 1.400 habitantes e numerosas aldeas de elevada densidade poboacional, como son Ortoniño, Punxeiras, Lapido ou Tarroeira, e que na actualidade só contan cunha frecuencia de transporte a Santiago pola mañá (10. 40h) e outra de volta (18.00h).

O desvío da liña por Ortoño tería tres novas paradas en Agro do Muíño, Ortoño (Igrexa) e Ortoniño. No restante do traxecto actual será necesario incrementar novas paradas para dar cobertura ás zonas da parroquia de Bugallido (paradas que xa se están a facer na actualidade pero que non aparecen recollidas en bus.gal). As novas paradas serían: Outeiro e Quistiláns e non suporían desvío ou incremento algún con respecto á actualidade. Ademais, en dita proposta recóllese un incremento das frecuencias de mediodía e noite de cara a dar cobertura a estes horarios nos que non existe ningún servizo de transporte na actualidade. A proposta enviada á Xunta vai detallada coas frecuencias e cambios necesarios de cara a facilitar o traballo e unha rápida resolución.

Modificación da liña XG80408 de Casalonga 2 a Santiago e da liña XG80722 de Extramundi a Santiago
A segunda proposta é a combinación de uso das liñas XG80408 de Casalonga 2 a Santiago e XG80722 de Extramundi a Santiago. A primeira delas chega a Bertamiráns pola estrada de Deputación e atravesa Ortoniño e Ortoño, saíndo á Tarroeira desde Casalonga. A proposta de desvío sería no cruce da Igrexa de Ortoño para baixar á outra estrada da Deputación DP-205 á urbanización e o CEIP Agro do Muíño para continuar ata a Tarroeira con entrada no núcleo de Bertamiráns. Con este desvío, e tal e como se argumentou na proposta número 1, conseguiríase dar servizo a unha urbanización con mais de 400 vivendas, ademais de eliminar o transporte de autobús por unha estrada estreita polo interior de Ortoño e con elevado risco de seguridade ao non existir beirarrúas.

O desvío proposto supón un incremento de percorrido de 900 metros con respecto ao actual. Sería necesario implementar unha nova parada en Agro do Muíño. Deste xeito a liña quedaría coas seguintes paradas dentro do término municipal de Ames: Guimaráns-Bugallido (Buceleiras) – Ortoniño - Ortoño (Igrexa) - Urbanización Agro do Muíño – Tarroeira – Bertamiráns - Bertamiráns (paseo fluvial) - Bertamiráns 1 - Aldea Nova. No que atinxe a esta proposta tamén sería necesario un importante incremento de frecuencias.

O problema que presenta esta liña na actualidade é que tan só conta cunha frecuencia en todo o día, o que resulta totalmente insuficiente. É por isto que se entende que cunha boa reestruturación de frecuencias e traxectos desta liña poderíase lograr o obxectivo de cobertura necesario. Desde o Concello trasladáronse os novos horarios para as diferentes necesidades en días laborais e fins de semana.

No tocante ás parroquias de Bugallido e Biduído, a modificación da liña XG80408 de Casalonga tería que vir acompañada de certas modificacións da liña XG80722 xa recollidas na primeira proposta e para unha boa cobertura de servizo nos diferentes horarios. Deste xeito, conseguiríase a cobertura de transporte metropolitano completo para todas as parroquias, recorrendo a modificacións dos contratos actuais, recollido nos pregos de licitación.

Novo servizo directo a Ortoño (vía convenio ou licitación)
Esta proposta consistiría na posta en funcionamento dun novo servizo de transporte metropolitano entre Santiago e Ortoño (Tarroeira) coas seguintes paradas: Tarroeira - Agro do Muíño - Ortoño (Igrexa) – Ortoniño - Guimaráns – Outeiro – Quistiláns – Framil-Costoia - Hospital Clínico - Campus Sur – Horreo - Estación de autobuses de Santiago.

As frecuencias para este novo servizo deberían ir na mesma liña do xa comentado nas anteriores propostas con reforzo de cobertura na primeira hora do día, para o desprazamento aos postos de traballo, media mañá, mediodía antes das 15.00h, tarde e noite, con volta despois das 21.00 horas, á saída da universidade e peche de comercios.

No caso de decidirse a Dirección Xeral de Mobilidade por esta alternativa, para o estudo da mesma e a fórmula a empregar, sería necesario implementar de forma inmediata e temporal a cuarta das propostas para prestar o servizo á veciñanza durante os meses que se realice dito estudo.

Servizo temporal co transporte urbano de Santiago
O Concello de Ames estudaría co Concello de Santiago a viabilidade dun acordo por período de 6 meses (1 de marzo ao 31 de agosto) para a extensión da liña urbana de Santiago nas frecuencias horarias sen cobertura actual, baixo o compromiso da Xunta de Galicia de prestar o servizo a partir do 1 de setembro do presente ano e a modificación inmediata da ruta correspondente á liña XG80722, de Extramundi a Santiago, pola parroquia de Ortoño, tal e como se recolle na primeira proposta e cos horarios actuais.

Durante estes 6 meses a Dirección Xeral de Mobilidade estudaría a fórmula de implantación de dito servizo de xeito permanente. O desvío desta liña que xa presta servizo na actualidade, permitiría achegar dito transporte a Ortoño sen necesidade de modificación de horarios, nin implantación de novas frecuencias, mais alá das necesarias paradas xa explicadas anteriormente. Aqueles horarios nos que a liña de Extramundi non prestase servizo, serían cubertos por medio da liña de transporte urbano de Santiago a través do acordo temporal entre Concellos.

O alcalde de Ames, Jose Miñones, insiste "na necesidade dun compromiso firme da Xunta de Galicia para prestar un servizo de transporte interurbano con Santiago para estas parroquias afectadas, ao igual que se fai noutros concellos ou noutras parroquias do noso término municipal, sen que se siga discriminando á veciñanza de Ames".

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Ames plantea servicio directo, desvío de las líneas de Extramundi y Casalonga o el bus urbano para Ortoño".

El Correo Gallego: "Ames plantea servicio directo, desvío de las líneas de Extramundi y Casalonga o el bus urbano para Ortoño"

imaxe autobus