[03-10-2012] O Goberno de Ames fixo esta mañá entrega aos representantes dos afectados polo cobro da taxa do lixo o informe remitido pola Deputación da Coruña, no que se ratifica o procedemento iniciado no seu día polo anterior Executivo socialista. No encontro, o rexedor e os concelleiros amosáronse abertos ao diálogo e a buscar unha solución. Ao mesmo tempo, destacaron que o seguinte paso será a contestación das alegacións presentadas ao proceso.
Tras a reunión mantida esta mañá, o Concello de Ames segue aberto ao diálogo cos afectados e, ao mesmo tempo, continúa co seguinte paso do proceso, que é a contestación das alegacións presentadas polos veciños e veciñas. Desde o primeiro momento, o Executivo amiense ten como obxectivo que todas as decisións que se tomen sobre esta cuestión se fagan sempre cumprindo coa legalidade e con seguridade xurídica.
No encontro, o Goberno amiense detectou un cambio de postura por parte da plataforma de afectados, á hora de buscar unha solución a esta cuestión. Na reunión mantida no mes de xuño, a plataforma amosara a súa intención de aportar o informe dun experto, indicando nese momento ao Concello a persoa que habería de emitilo. Pasados tres meses, a plataforma segue sen aportar o referido informe. Desde a pasada reunión do mes de xuño, o Concello solicitou un novo informe, esta vez do servizo de asistencia económica a municipios da Deputación Provincial, que vén de corroborar o xa emitido pola Secretaría, a Intervención e a Tesourería municipais.
Se ben desde un primeiro momento, o Goberno ofreceuse a estudar calquera informe aportado pola plataforma, os que o Concello incorpore ao expediente deben partir dos servizos xurídicos e económicos tanto municipais como provinciais, máxime cando a condición de funcionarios dos técnicos municipais que os asinan garante a obxectividade e imparcialidade do seu contido. Non obstante, nun intento de atender ás cuestións plantexadas pola plataforma, solicitouse á Deputación este informe, que veu corroborar o xa emitido polos servizos municipais.




