[17-03-2011] Ante o compromiso mostrado pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, para construír un novo centro de educación infantil e primaria no Milladoiro, o Concello de Ames está traballando co obxectivo de cederlle unha parcela á Xunta de Galicia que conte cunha superficie mínima de 12.150 metros cadrados. O alcalde de Ames, Carlos Fernández, contratou hoxe os traballos para realizar unha modificación no Plan Xeral de Ordenación Municipal co fin de cambiar a cualificación da parcela que está destinada á construción do novo colexio no Milladoiro. O pasado mes de xaneiro, o Concello ofertoulle á Consellería unha parcela de 16.765 metros cadrados. Porén, segundo o Plan Xeral de Ordenación Municipal amiense, esta parcela está cualificada como solo rústico apto para urbanizar, polo que é preciso realizar unha modificación puntual no PXOM. Despois de que a Xunta de Galicia dese o visto bo a esta parcela agora o Concello encargoulle á empresa Oficina de Planeamento SA que elabore a documentación que é necesaria para cambiar a cualificación da devandita parcela.
O Concello de Ames conta na actualidade con dez centros escolares públicos que cobren todo o espectro de idades de escolarización obrigatoria e pos-obrigatoria, é dicir, entre os 3 e os 17 anos. Ademais existen dous centros de educación de 0 a 3 anos de titularidade municipal, unha localizada no núcleo de Bertamiráns e outra no do Milladoiro, que ofertan en conxunto 215 prazas, e unha gardería pertencente a rede da Galiña Azul da Xunta de Galicia, que está situada na rúa Figueiras, no Milladoiro.
Respecto do tramo de idade que comprende o ensino obrigatorio existen actualmente 10 centro escolares, que atenden o segundo ciclo de educación infantil, os 6 ciclos de educación primaria, a ensinanza secundaria obrigatoria e o bacharelato. No seu conxunto atenden na actualidade a 2.420 alumnos. Proximamente será executado un novo instituto de ensinanza secundaria no Milladoiro que contará con ensinanza secundaria obrigatoria e tres liñas de bacharelato. En total, o Concello de Ames ofrece 712 prazas de educación infantil, 1.146 prazas de educación primaria, 427 de ensinanza obrigatoria e 135 prazas de bacharelato.
Segundo figura no estudo demográfico -mapa escolar- realizado polo Concello de Ames a poboación en idade escolar vai seguir medrando nos vindeiros anos polo que é preciso dispor de máis centros educativos en Ames. Para paliar o déficit de dotacións escolares existentes no municipio a Consellería de Educación Universitaria contempla a execución dun novo CEIP no Milladoiro. Neste senso o Concello de Ames está traballando para poñer a disposición do goberno autonómico os terreos necesarios para a construción deste novo equipamento.
Para a execución deste novo colexio a Xunta de Galicia pediulle ao Concello unha parcela que debe dispor de polo menos 12.150 metros cadrados. Debido a que non existe no Plan Xeral de reservas dotacionais axeitada para este equipamento, analizadas as diferentes alternativas considerase necesario impulsar unha modificación puntual no Plan Xeral de Ordenación municipal para poder construír esta infraestrutura no lugar de Cotón (O Milladoiro), que linda co núcleo urbano.
O goberno municipal atopouse co problema de que no núcleo do Milladoiro hai moi poucas parcelas que se poidan dedicar a equipamento públicos. O planeamento urbanístico realizado polo anterior goberno limitou a posibilidade de que o Concello obtivera terreos coa superficie necesaria para equipamentos públicos, que demandan parcelas de grandes dimensións, nos diversos sectores urbanísticos que se foron desenvolvendo, polo que resulta necesario facer unha modificación puntual do PXOM para obter nunha mesma parcela os 12150 metros cadrados que demanda a Xunta de Galicia.
Para poder atopar unha parcela axeitada as características que solicitaba a Xunta de Galicia o Concello de Ames encargoulle un estudo a empresa Oficina de Planeamento SA en decembro de 2010.
Posteriormente, o pasado 21 de xaneiro, o alcalde de Ames, Carlos Fernández, presentoulle ao secretario xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria unha proposta municipal sobre a implantación dun novo CEIP no Milladoiro. A parcela proposta para a implantación do novo CEIP do Milladoiro dispón dunha superficie de 16.765 metros cadrados e está situada nuns terreos que están situados nas inmediacións ao núcleo urbano do Milladoiro (situado a 120 metros do solo urbano clasificado) e colindantes co solo urbanizable do sector S-16 Galdrachán, con Plan Parcial aprobado definitivamente e en execución. O acceso á parcela realizarase non soamente a través da estrada do Milladoiro a Laraño (CP-0206), senón que se vería complementado co acceso a través do camiño de Millalar a Ventín (ao sur da parcela) e coa conformación dun novo acceso que una as anteriores dando continuidade aos viario principal do solo urbanizable en desenvolvemento.
Dos 16.765 metros cadrados totais, 13.800 refírense á superficie neta da parcela dotacional e 2.965 a superficie destinada a ampliación do viario existente, novos accesos e aparcamento. Deste xeito cúmprese os requisitos demandados pola Consellería de Educación sobre a superficie e características que deben cumprir os terreos destinados á implantación da nova dotación escolar. Ademais esta finca atópase a unha distancia de 120 metros de solo urbano clasificado e colindante co solo urbanizable S-16 Galdrachán.
Dada a cualificación urbanística que presentan os terreos nos que se prevé a localización do novo centro de ensino, a modificación puntual do Plan Xeral de Ordenación Municipal, terá por obxecto acomodar a cualificación e, de ser o caso, a clasificación do solo necesario para dar acollida á nova dotación escolar. No prazo aproximado de dous meses esta empresa comprometese a ter todo a documentación necesaria para poder seguir coa tramitación administrativa e cambiar a cualificación da devandita parcela.
Ampliación do parque empresarial
Ademais, esta mesma empresa realizou un estudo para buscar alternativas para a delimitación dun ámbito de reserva de solo empresarial no municipio de Ames. Neste momento no municipio de Ames está practicamente esgotada a capacidade de acollida do parque industrial e empresarial do Milladoiro. Co obxecto de dar cabida a distintas posibilidades para a implantación de novas áreas de actividade de carácter industrial e empresarial cómpre as áreas do termo municipal máis axeitadas para albergalas, así como definir as condicións deste tipo de áreas, tanto no que se refire á súa dimensión, como ás condicións necesarias para o seu desenvolvemento.
Para iso terase en conta as posibilidades de desenvolvemento total ou parcial da área prevista no Plan Xeral de Ordenación Municipal para estes usos, constituída polo sector de solo urbanizable S-22 de Portanxil- Pegariños. Ademais avaliáronse outras alternativas atendendo ás condicións topográficas e paisaxísticas, ás posibilidades de interacción ambiental, e aos condicionamentos dos usos existentes e a realidade catastral. Para a avaliación de localización das distintas áreas en relación á proximidade as infraestruturas de comunicacións e á existencia ou necesidade de execución de infraestruturas de servizos básicos (abastecemento de auga, saneamento, enerxía eléctrica, gasística, e telecomunicacións) e conexións exteriores coas existentes.
Parque ambiental e deportivo do Milladoiro
Por outra banda estase realizando outro estudo para modificar o plan xeral de ordenación municipal e a redacción do plan especial de ordenación do parque ambiental e deportivo do Milladoiro. O PXOM delimita unha importante reserva de solo rústico de protección de infraestruturas nas proximidades o núcleo urbano do Milladoiro, concibida como unha reserva viaria para a implantación dunha futura variable da estrada nacional 550, que acompañe o trazado da autoestrada A Coruña-Vigo (AP-9).
Toda vez que o Ministerio de Fomento está nestes momentos estudando a conformación dos corredores viarios para a implantación dunha variante de trazado da N-550 entre Sigüeiro e Padrón (estudos nos que se consideran inicialmente alternativas de máis longo alcance que as contempladas no PXOM) ábrese a porta á posibilidade de acoutar a magnitude da reserva prevista, destinando parte do solo inicialmente delimitado no Plan Xeral para albergar outros usos dotacionais.
O obxecto da modificación do Plan Xeral de Ordenación Municipal e a redacción do Plan Especial de Ordenación do Parque Ambiental e Deportivo do Milladoiro, vai dirixido a acometer as actuación administrativas necesarias para reaxutar o planeamento municipal coa redacción dunha modificación puntual no PXOM no ámbito do solo rústico de protección de infraestruturas atendendo ao previsto na LOUGA, co obxecto de que sobre dito ámbito poidan localizarse outros usos complementarios da infraestrutura viaria.
Por outra banda preténdese axustar o ámbito de reserva viaria ao necesario para permitir unha futura ampliación da autoestrada AP-9 ou mesmo unha vía de circunvalación, compatible coas solucións plantexadas no estudo que realiza o Ministerio de Fomento para a definición dos corredores viarios.
O ámbito de solo restante (aproximadamente unhas 11,6 hectáreas) destinarase a conformación dunha importante reserva de solo para albergar zonas verdes e dotacionais que poidan paliar o déficit que presenta na actualidade o núcleo do Milladoiro.
Por último, abordarase a redacción dun Plan Especial de Ordenación, que estableza as condicións de ordenación urbanística e integración topográfica, paisaxística e ambiental para a implantación do futuro parque ambiental, definindo a zona do ámbito e establecendo ademais as condicións para a súa implantación, integradas no mesmo, das dotacións públicas de carácter deportivo e das restantes que están previstas.
A nova noutros medios dixitais:
Contido relacionado

La Voz de Galicia: "Ames encarga los cambios en el Plan Xeral para el futuro colegio"
La Voz de Galicia: "El Concello promueve más estudios para aprovechar más terrenos"
El Correo Gallego: "Ames modifica su PXOM para otro colegio, un parque e iglesia"




