Pestanas principais

O Concello de Ames encarga unha modificación puntual do PXOM para regularizar a parcela actual do aparcamento da Telleira

Venres, 22 de xaneiro de 2021

O Concello de Ames acaba de contratar os traballos para levar a cabo unha nova modificación puntual do Plan Xeral de Ordenación Municipal de cara a regularizar a situación actual da parcela que se sitúa no aparcamento da Telleira entre as rúas Lodeiro e Cómaro. A Concellaría de Urbanismo busca a reordenación deste espazo de equipamentos, espazos libres e viario públicos na xa desenvolvida URO B4-11 en confluencia co ámbito APE B4-03. Nesta parcela actualmente existe unha edificación en desuso cun mal estado de conservación, ao igual que unha pequena zona verde que se atopan fóra de ordenación non sendo posible ningún tipo de actuación urbanística, ben sexa de rehabilitación ou derribo. Ademais neste entorno atópase un hórreo que é necesario inscribir para a súa regulación.

Desde o Goberno municipal infórmase que son varias as ocasións nas que diferentes veciños e entidades teñen trasladada a súa solicitude de mellora deste espazo co obxectivo de ubicar novas instalacións para o Concello. Na actualidade esta casa está a ser utilizada como almacén de diverso material da Concellaría de Obras e Servizos Básicos, sendo varios os proxectos para os que se propuxo a súa mellora.

Na referida parcela no PXOM actual estaba prevista a construción da nova Casa do Concello cunha conformación en "L" xunto con espazos libres nunha praza pública. O uso como aparcamento que temporalmente se lle deu xa hai mais dunha década atópase na actualidade asentado cunha alta demanda actuando como desconxestión do núcleo urbano, especialmente para o mercado de rúa que se realiza os sábados en Bertamiráns.

Os traballos desta modificación do PXOM foron contratados á empresa Arquyur S.L. da Coruña que presentou a mellor oferta económica. Na pasada semana o concelleiro de Urbanismo e alcalde de Ames, Jose Miñones, xunto coa arquitecta municipal mantiveron unha xuntanza co representante encargado de levar a cabo a modificación urbanística. Na reunión aclaráronse aspectos técnicos, así como planificáronse as datas para o inicio dos traballos e documentación necesaria.

Os traballos ocasionarán a presentación da documentación correspondente á solicitude de inicio da AAES sobre a cartografía elaborada de acordo co establecido nas NNTTPP, así como a presentación da documentación da modificación puntual para aprobación inicial definitiva pola DXOTU. Ademais a empresa prestará asesoramento durante a tramitación da documentación aos servizos técnicos de urbanismo en todo o proceso.

O alcalde sinala que "o obxectivo do Concello é poder contar neste 2021 coa modificación aprobada, para no ano 2022 poder xa ter unha alternativa para este espazo tan céntrico e darlle un uso a dito edificio".

Desde o Concello adiantan que o obxectivo é que esta parcela manteña o espazo dotacional que ten na actualidade para calquera uso posible final sen limitación dun uso administrativo de ningún tipo de cara a deixar máis aberta as posibles alternativas futuras. Igualmente manterase o hórreo actual como reserva patrimonial mellorando o entorno do mesmo e xunto a zonas verdes e libres nas que o Concello busca manter os usos de aparcamento baixo a fórmula de espazo subterráneo unha vez se urbanice".

Anteriores modificacións puntuais do PXOM

Con anterioridade e por diversos motivos, téñense feito outras modificacións puntuais do PXOM. Concretamente, en setembro de 2016iniciáronse os trámites para unha modificación urbanística que permitiu dispor de terreos na zona lindeira ao IES de Ames. O obxectivo era poder dedicar a aparcadoiro unha parcela de 10.000 metros cadrados que fora adquirida recentemente polo concello.

No Pleno do 22 de marzo de 2018, a corporación municipal deulle luz verde á aprobación definitiva da modificación do plan parcial do sector de solo urbanizable S-15 (As Cortes-A Condomiña) co obxectivo de cederlle dito terreo á Consellería de Educación da Xunta de Galicia para a ampliación do CEIP Agro do Muíño.

En setembro de 2018 a Xunta de Goberno Local aprobou o proxecto de expropiación, polo procedemento de taxación conxunta, para poder executar o Plan Especial de Infraestruturas e Dotacións (PEID) para construír un novo CEIP na localidade do Milladoiro. As parcelas expropiadas puxéronse a disposición da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, da Xunta da Galicia. A superficie, afectada polo Plan Especial, para a dotación de infraestruturas escolares, é de 20.000 metros cadrados, repartidos en 13 parcelas.

Tamén o Centro de Saúde do Milladoiro precisou dunha modificación que afectou ao proxecto de urbanización do sector de solo urbanizable S-15 "Travesía do Porto Sur" do PXOM. O proxecto aprobarase de xeito provisional en decembro de 2016. Após superar o trámite de exposición pública, a aprobación definitiva permitiu ao goberno municipal conceder a licencia de obra para a construción definitiva do novo Centro de Saúde do Milladoiro.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Modificarán o Plan Xeral para buscarlle uso á Telleira amesá"

La Voz de Galicia: "Ames modificará el PXOM en Bertamiráns sin descartar un aparcamiento subterráneo"

Casa no aparcadoiro da Telleria

Multimedia

  • Plano
  • reunión coa empresa
  • terreo