Pestanas principais

O Concello de Ames en colaboración coa Deputación da Coruña investirán máis de 116.000 euros en acometer melloras viarias en Ortoño e obras en colexios, escolas unitarias e no Pavillón do Milladoiro

Luns, 03 de xuño de 2013

[03-06-2013] A Deputación da Coruña aprobou no pleno celebrado o pasado venres a sinatura de catro convenios de colaboración co Concello de Ames para financiar actuacións que suman, en total, 116.153,15 euros. En virtude destes convenios, acometeranse melloras viarias en Ortoño, nas instalacións do Pavillón do Milladoiro e nos colexios e comedores de Barouta, A Maía e Agro do Muíño, así como nas escolas unitarias de Guimaráns, Tarroeira e Agrón.

O alcalde de Ames, Santiago Amor, agradeceu o compromiso da Deputación con Ames e destacou a importancia destes investimentos “que permitirán levar a cabo obras viarias e introducir melloras significativas en instalacións deportivas, centros educativos amienses e nos seus comedores”. O rexedor amiense destacou a sensibilidade do organismo provincial coas necesidades do municipio, unha aposta que se materializou o pasado xoves na sinatura do convenio para introducir melloras no campo de fútbol de Bertamiráns e no feito de que nos últimos meses a institución provincial rematou obras por valor de máis de 321.127 euros”.

O primeiro convenio servirá para levar a cabo as obras de reparación interior en Ortoñiño, na parroquia de Ortoño. O investimento da Deputación para estas actuacións será de 53.600,89 euros, o que supón un 78,06% dun orzamento que alcanzará os 68.664,97% euros.

Outro dos acordos aprobados dirixirase a financiar as obras de pintado interior do pavillón de Milladoiro, nas que a institución provincial investirá un total de 11.950,73 euros, cantidade que supón o 78,061% do orzamento total que ascende a 15.309,38 euros. Trátase dunha instalación deportiva moi utilizada pola xuventude amiense e que presenta deterioro no pintado, derivado do seu uso e de que ata o momento non se acometera ningún traballo deste tipo.

Melloras nos centros educativos
Tamén grazas aos acordos aprobados na sesión plenaria financiaranse as actuacións nos colexios e comedores do concello. Neste caso, a achega provincial será de 38.452,82 euros, o 78,061% dun orzamento total de 49.225,07 euros. Neste convenio inclúense actuacións no CEIP Barouta, o CEIP A Maía, o CEIP Agro do Muíño e nas escolas unitarias de Guimaráns, Tarroeira e Agrón.

No CEIP de Barouta arranxarase a baranda do porche utilizado polos/as alumnos/as de Infantil, instalarase un automatismo para o portalón de acceso de vehículos, levarase a cabo a colocación de pasamáns nas escaleiras interiores ou introduciranse melloras na aula de música e no almacén. Pola súa banda, no CEIP de A Maía tomaranse medidas para evitar a entrada de auga no edificio de Infantil, mentres que no inmoble de Primaria se instalará un almacén e no patio procederase á reposición de baldosas e se mellorará o canal de pluviais. No comedor, colocaranse pavemento vinilíco e introduciranse melloras no sistemas de tubarías.

No CEIP Agro do Muíño repoñeranse as luminarias do ximnasio e modificarase a apertura do portal de entrada de vehículos, que pasará a ser corredeira. Mentres, no comedor introduciranse melloras na zona de lavado de vaixelas. No tocante ás escolas unitarias, substituíranse os radiadores de aceite por emisores térmicos no centro educativo de Guimaráns, introduciranse melloras eléctricas e na fachada da escola da Tarroeira e na de Agrón procederase ao retellado.

Por último, a institución provincial investirá 12.148,71 euros nas obras de mantemento e mellora enerxética na escola infantil municipal O Bosque, asumindo o 78,061% do custe total, que ascende a 15.563 euros. As actuacións servirán para resolver algunhas deficiencias existentes nesta escola, cambiando o teito no patio central de xogos, modificando a instalación de calefacción e colocación de termostatos, controladores ou reguladores dixitais e, tamén, o pintado de fachadas.


Contido relacionado


El Correo Gallego: "Financiación para arreglar tres colegios y las unitarias amienses"
El Correo Gallego: "Ames inicia melloras en Ortoño, nos colexios, escolas unitarias e no Pavillón do Milladoiro"