Pestanas principais

O Concello de Ames emitiu no que vai de ano un total de 33 ordes para a limpeza de fincas debido ao estado de abandono no que se atopaban

Mércores, 05 de xuño de 2013

[05-06-2013] Nos cinco primeiros meses de 2013, o Concello de Ames emitiu un total de 33 ordes de execución a propietarios de parcelas para que acometan a súa limpeza e as manteñan en condicións de seguridade, salubridade e ornato público. Do total de ordes de execución, 17 foron emitidas de oficio polo Concello, tras a detección de parcelas que se atopaban en estado de abandono, mentres que as 16 restantes foron motivadas por instancias presentadas por veciños e veciñas. Durante o pasado ano, abríronse un total de 80 expedientes por estas cuestións.

As fincas obxecto destas ordes de execución están repartidas por todo o municipio amiense, tanto na zona rural como na urbana. A maior parte das ordes de execución, un total de 24, corresponden a parcelas situadas en diferentes parroquias do rural amiense, mentres que as 9 restantes repártense entre os núcleos de Bertamiráns e Milladoiro. No rural, emitíronse ordes de execución para a limpeza de fincas en Agrón, Guimaráns, Tapia, Barouta, Bugallido, Lamas, Sisalde, Tarrío, Covas, Framil ou Biduído. Mentres, en Bertamiráns as ordes de execución de limpeza corresponden con fincas situadas na rúa Rueiro e no Milladoiro nas rúas Seixo, Pardiñeiros e Castelao.

Con estas actuacións, o Concello de Ames busca mellorar a conservación do medio ambiente do municipio, evitar as molestias que o abandono destas parcelas supón para os veciños/as de Ames e rebaixar nalgunhas zonas o risco de incendios.

Para a limpeza de parcelas urbanas aplícase o disposto nos artigos 9 e 199 da Lei 9/2002 de 30 de decembro de Ordenación Urbanística e Protección do Medio Rural de Galicia, e nos artigos 24 e seguintes do Regulamento de Disciplina Urbanística de Galicia (RDU) nos que se establece que os propietarios de terreos, construcións, edificios, e instalacións deberán mantelos en condicións de seguridade, salubridade, ornato público e de habitabilidade segundo o seu destino, e de acordo coas normas de protección do medio ambiente, de patrimonio histórico e de rehabilitación. No artigo 26 do RDU tamén se establece que os concellos ordenarán de oficio ou por instancia de calquera interesado, a execución das actuacións necesarias para conservar esas condicións.

Bando informativo
Co obxectivo de reducir a incidencia dos incendios, o Concello de Ames tamén publicou un bando informativo como recordatorio das obrigas que teñen os responsables de terreos forestais contempladas na Lei 3/2007 de prevención de incendios forestais de Galicia modificada pola Lei 7/2012 de Montes de Galicia. Esta normativa establece nos seus artigos 21 e 22 as obrigas dos responsables das parcelas incluídas nas faixas de especial protección de núcleos, que deberán cumprir coas obrigas de xestión do combustible vexetal (tala e roza) antes do 30 de xuño de cada ano.

Segundo esta normativa, os responsables deberán xestionar a biomasa forestal nunha franxa de 50 metros perimetral ó solo urbano, de núcleo rural e urbanizable delimitado, así como o redor de edificacións, vivendas illadas e urbanizacións, depósitos de lixo, parques e instalacións industriais situadas a menos de 400 metros do monte.


Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Ames ordenó desde enero 33 limpiezas de fincas, frente a las ochenta del 2012"
El Correo Gallego: "Ames emitiu no que vai de ano un total de 33 ordes para a limpeza de fincas"