Pestanas principais

O Concello de Ames emitiu en 2013 un total de 65 ordes para a limpeza de fincas debido ao estado de abandono no que se atopaban e fará un seguimento durante este ano

Martes, 04 de marzo de 2014

[04-03-2014] Durante o ano pasado o Concello de Ames emitiu un total de 65 ordes de execución a propietarios de parcelas para que acometan a súa limpeza e as manteñan en condicións de seguridade, salubridade e ornato público. Do total de ordes de execución, 29 foron emitidas de oficio polo Concello, tras a detección de parcelas que se atopaban en estado de abandono, mentres que as 36 restantes foron motivadas por instancias presentadas por veciños e veciñas. No que levamos de ano emitíronse un total de 8 expedientes por estas cuestións. Ademais, este ano levarase a cabo unha revisión das parcelas que tiveron unha orde de limpeza, para comprobar que están en perfectas condicións de seguridade, salubridade e ornato público.

Os propietarios de parcelas teñen a obriga de mantelas limpas e en correctas condicións de seguridade, salubridade e ornato público. Cando isto non sucede tanto o propio Concello coma os veciños/as se se senten prexudicados por esta situación interpoñen unha denuncia co obxectivo de que a devandita finca sexa limpada. Estas denuncian poden ser tramitadas de oficio por parte do departamento de Urbanismo ou interpostas por persoas particulares.

Durante o 2013 emitíronse un total de 65 ordes para a limpeza de fincas, das cales 9 foron emitidas de oficio polo Concello, tras a detección de parcelas que se atopaban en estado de abandono, mentres que as 36 restantes foron motivadas por instancias presentadas por veciños e veciñas.

As fincas obxecto destas ordes de execución están repartidas por todo o municipio amiense, tanto na zona rural como na urbana. A maior parte das ordes de execución, un total de 39, corresponden a parcelas situadas en diferentes parroquias do rural amiense, mentres que as 26 restantes repártense entre os núcleos de Bertamiráns, O Milladoiro e a urbanización de Aldea Nova.

No rural, emitíronse ordes de execución para a limpeza de fincas en Agrón, Guimaráns, Tapia, Barouta, Bugallido, Eirapedriña, Lamas, Sisalde, Tarrío, Covas, Framil, Biduído, Lapido, Ventín, As Cortes, Maguxe, entre outros lugares. Mentres, en Bertamiráns as ordes de execución de limpeza corresponden con fincas situadas nas rúas Rueiro, Alcalde Lorenzo, travesía do Pedregal ou na avenida Azcárraga; mentres que no Milladoiro emitíronse ordes que corresponden a diversas fincas que están nas rúas Seixo, Pardiñeiros, Castelao, Anxeriz e Rosalía de Castro. Ademais, emitiuse unha orde correspondente a unha parcela situada na urbanización de Aldea Nova.

Con estas actuacións, o Concello de Ames busca mellorar a conservación do medio ambiente do municipio, evitar as molestias que o abandono destas parcelas supón para os veciños/as de Ames e rebaixar nalgunhas zonas o risco de incendios.

Para a limpeza de parcelas urbanas aplícase o disposto nos artigos 9 e 199 da Lei 9/2002 de 30 de decembro de Ordenación Urbanística e Protección do Medio Rural de Galicia, e nos artigos 24 e seguintes do Regulamento de Disciplina Urbanística de Galicia (RDU) nos que se establece que os propietarios de terreos, construcións, edificios, e instalacións deberán mantelos en condicións de seguridade, salubridade, ornato público e de habitabilidade segundo o seu destino, e de acordo coas normas de protección do medio ambiente, de patrimonio histórico e de rehabilitación. No artigo 26 do RDU tamén se establece que os concellos ordenarán de oficio ou por instancia de calquera interesado, a execución das actuacións necesarias para conservar esas condicións.


Contido relacionado


El Correo Gallego: "Ames emitiu en 2013 un total de 65 ordes para a limpeza de fincas"