Pestanas principais

O Concello de Ames eleva a 1.670.605,35 euros os investimentos reais en obras de pavimentación, accesibilidade e adquisición de diversos materiais durante 2020

Mércores, 13 de xaneiro de 2021

A Concellaría de Obras e Servizos Básicos ven de facer balance dos investimentos reais realizados en obra pública ao longo do pasado ano 2020. A cantidade total en obras, parques e xardíns e servizos básicos ascende a 2.165.741,51 euros, sendo as partidas destinadas a pavimentación, accesibilidade e adquisición de materiais as de maior contía, con máis de 1.670.000 euros. Ademais, realizáronse investimentos reais en servizos por valor de 220.648,92 euros; e en parques e xardíns con 274.487,24 euros. Asemade, a cantidade total licitada en 2020 estivo próxima aos cinco millóns de euros.

A maior partida dos investimentos reais do Concello de Ames en 2020 foi a destinada a obras de pavimentación, accesibilidade e adquisición de materiais, con 1.670.605,35 euros. As actuacións concentráronse nos lugares de Framán-Eirapedriña (Bugallido); Outeiro e de Castelo a Vilar (Ames); o Casaliño e Pedregal e acceso ao cemiterio (Ortoño); Quistiláns-Costoia (Biduído/Bugallido); varias rúas no Milladoiro; o camiño Mercuto-A Folgueira e a senda do Mercurto (A Ameixenda); accesibilidade no Pazo da Peregrina de Bertamiráns e nas Oficinas Xerais do Milladoiro; beirarrúas na rúa Alcalde Lorenzo de Bertamiráns; e as obras de liña de media tensión e CS no centro de saúde do Milladoiro.

Parques e Xardíns
O investimento real en parques e xardíns foi en Ames, durante o pasado ano, de 274.487,24 euros. As principais actuacións realizáronse co novo Anfiteatro do Milladoiro; os biosaudables en Guimaráns (Bugallido); a cubrición do parque infantil de Chavián (Bertamiráns); o parque infantil da Condomiña (Ortoño); bancos e mesas de granito en Agrón; e diferentes arranxos no Pazo da Peregrina de Bertamiráns.

Servizos
Os investimentos reais en servizos ascenderon no Concello de Ames en 2020 a 220.648,92 euros. Centráronse, principalmente, na mellora enerxética no alumeado público do Milladoiro; na mellora e reposición de alumeados públicos; e na adquisición de diferentes materiais, como valos ou xeradores.

Asemade, dende a Concellaría de Obras e Servizos Básicos achégase a cantidade total licitada no ano 2020, que ascende a 4.951.780,38 euros; a cantidade total de obra adxudicada, con 2.720.325,54 euros; e o total executado da obra adxudicada, unha cantidade que se sitúa en 1.370.499,79 euros, o que supón o 50,38%.

O concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Blas García, puxo de manifesto “o esforzo inversor do departamento de Obras e Servizos neste ano, no que a pesares das dificultades e do confinamento conseguiuse, co traballo doutros departamentos municipais, investir un orzamento destacable”. Ademais, destacou “o investimento realizado no rural de Ames, accesibilidade e mellora de parques infantís, o que significa un impulso signifiticativo para este concello, ao que habería que engadir en saneamento, abastecemento e pluviais cunha cantidade de case un millón de euros”.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "El Concello amiense eleva a 1,6 millones la inversión en obras de pavimentación"

parque infantil da condomiña