Pestanas principais

O Concello de Ames elabora un proxecto que recolle a execución dun novo aparcadoiro para O Milladoiro

Domingo, 24 de abril de 2011

[24-04-2011] O goberno municipal está traballando para dotar de novas bolsas de aparcamento á localidade do Milladoiro. Actualmente xa se dispón dun proxecto onde se recolle á construción dun novo aparcadoiro en superficie de 154 prazas de aparcamento das cales catro estarán adaptadas para persoas con mobilidade reducida. Este proxecto tamén contempla a dotación de novas luminarias de baixo consumo que irán conectadas á rede xa existente. Para sufragar este proxecto a Mesa Local de Comercio aprobou a solicitude dunha subvención que se enmarca no Plan Ágora, agora Re-comercia 2010-2013, para a potenciación do eixo comercial do Milladoiro coa adecuación do seu espazo urbano. Este novo aparcadoiro situarase no contorno da rúa Agro do Medio, unha zona moi céntrica desta localidade, que se atopa entre o sector parcial S-14 e o S-15.

O pequeno comercio instalado no termo municipal de Ames ten un papel fundamental no desenvolvemento do tecido económico e social. Desempeña un papel de relevancia dentro da economía local como xerador de riqueza e emprego, ademais de xogar unha importante función social de cohesión, vertebración e dinamización das rúas e prazas, tornándoas máis atraentes para a veciñanza e fomentando as relacións de convivencia tanto para a cidadanía amiense como para as persoas que chegan de fóra do concello.

O goberno municipal é consciente de que Ames posúe un comercio de calidade e debido a iso elaborou un proxecto para potenciar o eixo comercial de Bertamiráns e do Milladoiro coa adecuación do seu espazo urbano. Este plan ten por obxecto impulsar o desenvolvemento económico e estimular unha mellor actividade comercial, mediante a dotación de novos equipamentos para facer máis atractiva a oferta do comercio polo miúdo. Deste xeito vaise potenciar o eixo comercial de Ames coa creación de novas bolsas de aparcamento.

No mes de decembro de 2010 habilitouse un novo aparcadoiro público na rúa Lodeiro, en Bertamiráns, que dispón de 122 prazas das que 4 son prazas de aparcamento adaptadas a persoas con mobilidade reducida. Este aparcamento tamén dispón de prazas para motocicletas. Esta obra enmarcouse dentro do proxecto de potenciación do eixo comercial de Bertamiráns coa adecuación do seu espazo urbano. O novo aparcadoiro executouse sobre dúas parcelas de dominio público que dispoñen dunha superficie total de 3.336 metros cadrados.

Espazo urbano do Milladoiro

Agora tócalle a quenda ao espazo urbano do Milladoiro. Para ter unha oferta comercial variada e suficiente, é necesario adecuala ás necesidades de todos os posibles clientes, polo que non se pode deixar ningún nicho de mercado sen cubrir. A dinamización das zonas comerciais constitúese como un dos aspectos fundamentais para garantir o seu éxito. O Concello de Ames xa adoptou varias medidas para mellorar o espazo urbano do Milladoiro, como poden ser a reurbanización das rúas Travesa e Anxeriz. Estas obras comprenderon a peonalización da rúa Travesa e aumento da anchura das beirarrúas da rúa Anxeriz co fin de dar prioridade aos peóns sobre o tránsito rodado.

Seguindo esta mesma liña de actuación o goberno municipal elaborou un proxecto de "potenciación do eixo comercial do Milladoiro coa adecuación do espazo urbano", que dotará ó Milladoiro de 154 prazas de aparcamento das cales catro estarán adaptadas para persoas con mobilidade reducida. Este proxecto tamén recolle a colocación de tres luminarias de baixo consumo que irán conectadas á rede xa existente. Tendo en conta os criterios de comodidade e accesibilidade, preténdese crear un hábitat máis racional e adaptado aos hábitos da veciñanza desta localidade e de consumo da clientela.

Este aparcamento habilitará novas prazas de aparcamento tanto para os comerciantes como para a clientela. Hai que destacar que un de cada cinco traballadores utiliza o seu vehículo propio, sen ter en conta o alto porcentaxe de residentes na area de influencia. Dos usuarios dos servizos estimase que o 50% utilizan o vehículo propio. O total de establecementos na zona que corresponden a comercio polo miúdo son 118. Isto supón un total de 1.227 usuarios de aparcamento, sen ter en conta residentes nin traballadores doutros sectores de actividade diferente ó comercio. Debido a iso faise imprescindible habilitar novas áreas de aparcamento.

Para evitar a masificación de vehículos, que saturan as prazas de aparcamento en superficie, o Concello de Ames realizará de novo unha campaña para que os propietarios con praza de garaxe nos sotos dos edificios empreguen a súa praza de garaxe e non deixen o seu vehículo estacionado na vía pública, xa que entre os comerciantes e os veciños/as desta localidade chegan a colapsar, en moitas ocasións, as prazas de aparcamento existentes.

O novo aparcadoiro público estará situado entre as rúas Agro do Medio e Curuxa, ao lado do centro comercial SuperCor. Deste xeito vaise facer un novo aparcadoiro nunha zona moi céntrica desta localidade, que estará situado entre o sector parcial S-14 e o S-15. Este aparcadoiro será temporal xa que nesta zona está previsto desenvolver unha rotonda de grandes dimensións. Fernández destaca que "mentres non se desenvolve este proxecto está zona pódese usar para habilitar unha bolsa de estacionamento".

Ademais, está previsto que nesta zona, onde actualmente se están executando este proxecto, se constrúa un aparcadoiro subterráneo. Mentres non se pode desenvolver este proxecto o aparcadoiro ao aire libre ofrecerá novas zonas para os vehículos. Dende a Alcaldía manifestan que xa se iniciaron as xestión para poder construír o devandito aparcadoiro subterráneo, pero ata o de agora non existe ningunha iniciativa privada que o execute.

Preto de 600 prazas de estacionamento

As 154 prazas deste novo aparcadoiro súmanse ás máis de 400 prazas de aparcamento que existen na zona norte desta localidade. Neste momento O Milladoiro dispón de máis de 400 prazas de aparcamento gratuítas, que están repartidas entre o contorno da Casa da Cultura, o aparcamento que linda coa travesía do Porto e que está enfronte da Escola de Educación Infantil do Milladoiro, e as prazas de aparcamento que hai ao longo da Travesía do Porto e na rúa Palmeiras.

Nesta zona hai dúas grandes zonas de aparcamento. Por unha banda está o aparcamento da Casa da Cultura con 92 prazas, das cales 3 están reservadas para persoas con mobilidade reducida, e por outro lado pódese estacionar no aparcamento que se atopa enfronte da Escola Infantil Milladoiro que conta con 231 prazas, das cales 4 están reservadas para persoas con mobilidade reducida. Ademais ao longo da Travesía do Porto hai arredor de 30 prazas e na rúa Palmeiras hai arredor de 50 prazas para aparcar en batería e e en liña.

A nova noutros medios dixitais:

Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Ames busca fondos para habilitar en Milladoiro 150 plazas de aparcamiento"
La Voz de Galicia: "Ames busca fondos para habilitar en Milladoiro 150 plazas de aparcamiento"
La Voz de Galicia: "Ames busca fondos para habilitar en Milladoiro 150 plazas de aparcamiento"
El Correo Gallego: "Proyecto para dotar a O Milladoiro con 154 plazas de estacionamiento"
El Correo Gallego: "Proyecto para dotar a O Milladoiro con 154 plazas de estacionamiento"
El Correo Gallego: "Proyecto para dotar a O Milladoiro con 154 plazas de estacionamiento"