Pestanas principais

O Concello de Ames elabora un plan de mantemento e acondicionamento das instalacións deportivas municipais

Xoves, 20 de agosto de 2015

[20-08-2015] O Concello de Ames, a través da concellaría de Deportes, vén de rematar a elaboración dun informe sobre o estado dos espazos deportivos municipais. A través deste estudo avaliouse o estado dun total de 23 pistas polideportivas descubertas que están repartidas por todo o termo municipal de Ames. O obxectivo do goberno municipal é coñecer o estado actual destas instalación, para poder elaborar un plan de mantemento e acondicionamento de ditas pistas polideportivas. As actuacións máis urxentes e de primeira necesidade levaranse a cabo nos vindeiros meses.

A superficie do concello conta con multitude de espazos deportivos que necesitan dun mantemento necesario para a perfecta conservación dos mesmos. Algúns destes espazos como son as instalacións deportivas cubertas conta con persoal de mantemento específico, pero non sucede o mesmo cos espazos e pistas polideportivas descubertas que se van deteriorando co paso do tempo e as inclemencias meteorolóxicas.

Debido a iso, dende a concellaría de Deportes elaboraron un informe que recolle as deficiencias e necesidades dos espazos deportivos que se atopan ao aire libre e que non contan cun plan de mantemento programado. Segundo se detalla neste informe os principais traballos que hai que realizar nas pistas polideportivas descubertas son o pintado de liñas, canastras e porterías; a reparación, limpeza e pintado do pavimento das pistas; a reparación dos pechamentos metálicos; a limpeza do pavimento das instalacións e dos muros dos pechamentos exteriores; a reposición de elementos dos equipamentos (redes de porterías e canastras); a fixación das porterías; e a limpeza da maleza existente no peche perimetral das pistas.

A través destes traballos preténdese propiciar a práctica deportiva nunhas condicións óptimas, eliminar os posibles riscos e previr as lesións na práctica deportiva, e eliminar o mal aspecto visual que presenta o entorno destas pistas polideprotivas. O obxectivo do goberno municipal é coñecer o estado actual destas instalación, para poder elaborar un plan de mantemento e acondicionamento de ditas pistas polideportivas. As actuacións máis urxentes e de primeira necesidade levaranse a cabo nos vindeiros meses.

Segundo explica o alcalde e concelleiro de Deportes, José Miñones, “vaise elaborar un plan mensual de mantemento e acondicionamento das pistas polideportivas descubertas. O noso obxectivo é que algúns dos traballos de mantementos destas instalacións sexan executados pola brigada municipal de obras, mentres que outras labores serán contratadas. Ademais, vaise a facer unha programación anual de investimentos para arranxar as instalación que teñan maior necesidade”.

Os espazos deportivos nos que se vai actuar están repartidos entre as localidades de Bertamiráns e do Milladoiro, as urbanización de Aldea Nova e As Mimosas, e pola zona rural (Ameixenda, Castiñeiro do Lobo, Costoia, Covas, Guimaráns, Lapido, Ortoño, Piñeiro, Proupín, Tapia, Tarrío e Ventín). Deste xeito, os traballos de mantemento e acondicionamento levaranse a cabo nun total de 23 pistas polideportivas.


Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Ames elaborará un plan de mantenimiento de las instalaciones deportivas"
El Correo Gallego: "Ames examina o estado das súas pistas polideportivas"