Pestanas principais

O Concello de Ames elabora un Plan de Emerxencias Municipal

Domingo, 08 de maio de 2011

[08-05-2011] O Concello de Ames encomendoulle ao Laboratorio do Territorio da Universidade de Santiago a elaboración dun Plan de Emerxencias Municipal, que recolle todas as posibles zonas de risco de Ames e determina aquelas que ás que se lle debe dar prioridade en caso de emerxencia. Con estes datos deseñouse un plan específico con medidas de prevención e autoproteción para evitar ou paliar as consecuencias das emerxencias no territorio. Trala súa aprobación en Xunta de Goberno Local esta semana, terá que ser remitido á Comisión Galega de Protección Civil para a súa homologación. Este documento marcará un antes e un despois, xa que a partir do momento en que este plan sexa aprobado de xeito definitivo polo Pleno do Concello, disporase dun plan que marcará os mecanismos e pautas que hai que seguir para abordar diferentes situación de emerxencia. O PEMU pretende ser un documento vivo e no que poderán participar os diferentes axentes sociais co fin de que non quede anticuado e se manteña actualizado constantemente.

As inundacións, as xeadas e os incendios son algunhas das principais situacións de emerxencia que se poden producir no Concello de Ames. Os habitantes de Ames lembrarán a imaxe da ponte de Ponte Maceira totalmente cuberta polas augas, as crecidas dos ríos e os asolagamentos. Tampouco deberon esquecer os incendios forestais que foron especialmente brutais no ano 2006 cando o lume se achegaba ás casas poñendo en perigo aos veciños e veciñas de numerosos lugares do concello. Para establecer unha estrutura de coordinación dos recursos propios e alleos co obxectivo de dar resposta a unha emerxencia o Concello de Ames elaborou un Plan de Emerxencias Municipal (PEMU).

Para a elaboración deste documento a Administración local de Ames contou co apoio e asesoramento da Universidade de Santiago, a través dun convenio de colaboración que foi asinado o pasado 24 de abril de 2008. Para a súa elaboración, tívose en conta o disposto polo Plan Territorial de Protección Civil da Comunidade Autónoma de Galicia (PLATERGA) no relativo á elaboración da planificación ó nivel local e a súa coordinación con instrumentos de planificación de ámbito superior. Todos os concellos teñen a obriga de dispor dun Plan de Emerxencias Municipal polo que coa elaboración deste documento dáse cumprimento a normativa legal. O PEMU identifica os riscos e determina que medidas de prevención se poden establecer. Este proxecto constitúe un instrumento técnico por medio do cal se establece, mediante un conxunto de análises, normas e procedementos operativos, o sistema de resposta da Administración local fronte a calquera tipo de emerxencia que teña lugar no termo municipal de Ames.

O PEMU de Ames cobre dous aspectos principalmente. Por unha banda é un plan preventivo e de autoproteción, destinado ó aumento do coñecemento sobre os riscos naturais e antrópicos que se poden dar no territorio municipal, e por outra banda establece as correspondentes medidas preventivas e de divulgación á poboación para minimizar o seu posible impacto. Pódese dicir que establece a estrutura para coordinar os recursos propios e alleos co obxectivo de dar resposta a unha emerxencia.

Elaboración do PEMU

A tarefa da USC comezou coa realización do traballo de campo que serviu de base para a elaboración da análise de riscos e o catálogo de medios e recursos. Para iso precisou da colaboración do Concello, que achegou todos os datos que solicitou a Universidade sobre o persoal e os recursos dos que se dispoñen neste momento e os datos actuais e históricos do municipio. É importante sinalar a utilización dun sistema de información xeográfica (SIX) para a sistematización da enorme cantidade de información que houbo que xestionar.

Debido ás tendencias actuais na xestión corporativa da información, e as necesidades impostas polas últimas disposicións normativas en canto á xestión de emerxencias, completouse o PEMU cun Sistema de Información Xeográfica (SIX). A información procesada e almacenada en formatos dixitais comúns permite a súa explotación e exportación a calquera plataforma e soporte utilizado por outras Administracións, Organismos, e público en xeral.

O equipo da USC estudio todas as posibles zonas de risco que existan en Ames, tanto natural como industrial ou de infraestrutura. Analizáronse as consecuencias de cada un dos posibles eventos derivados das fontes de risco e dóuselle prioridade aos que entrañan un alto perigo. O primeiro paso foi facer un estudio pormenorizado do medio físico tendo en conta diferentes elementos como a climatoloxía, a xeomorfoloxía, a xeoloxía, a hidroloxía, etc. Ademais, realizáronse outro estudos para coñecer a caracterización socio-económica e os núcleos, infraestruturas e equipamentos básicos dos que dispón o concello de Ames.

O seguinte paso que se dou para a elaboración do PEMU foi a descrición dos riscos dos que se analizou posteriormente a súa incidencia sobre o territorio municipal e os seus habitantes. Con tal fin, realizouse unha análise previa dos posibles riscos existentes no municipio, baseado ben na análise dos rexistros históricos de sucesos asociados a cada un dos riscos, ben do resultado da análise preliminar feita para cada un deles cando tales rexistros eran inexistentes.

Así, elaborouse un estudo no que se determina o risco de sufrir inundacións, temporais, nevaradas, secas, sismos, incendios forestais, incendios urbanos, incendio de interface, posibles accidentes polo transporte de mercadorías perigosas, risco químico, aglomeracións, restricións de servizos públicos ou epidemias. Os principais riscos que se identificaron no municipio foron os de inundacións, temporais, riscos ligados ao frío como xeadas, risco sísmico, incendio urbano e forestal, transporte de mercadorías perigosas, aglomeracións e desabastecemento de auga.

O traballo desenvolvido pola USC permitiu a elaboración dun documento fundamentalmente preventivo e de autoproteción co obxectivo de organizar as funcións básicas dos recursos humanos e materiais a nivel local, promover as actividades de autoproteción corporativa e cidadá e identificar os distintos riscos. Recóllense tamén as medidas de prevención fronte aos riscos detectados, para informar e concienciar á poboación e coordinar todos os recursos municipais para proceder a dar unha resposta rápida en caso de emerxencia. Todas as medidas deseñadas axeitaranse ao Plan Territorial de Protección Civil de Galicia, o PLATERGA.

Operativo de actuación

O PEMU establece que independentemente do tipo de emerxencia e do procedemento operativo activado para a súa xestión, desenvolveranse unha serie de medidas de protección e actuación comúns cos obxectivos de protexer ás persoas e bens, prestar servizo de socorro e rescate, intervir para intentar combater os sucesos ocorridos e medidas reparadoras para a volta á normalidade. Nas diferentes fases das emerxencias, procederase a dar os avisos pertinentes á poboación, co fin de mantela informada sobre a situación de risco e a súa evolución, e de transmitir instrucións ou recomendacións que contribúan á colaboración das persoas e á súa autoproteción.

O PEMU tamén contén unha base de datos onde se detallan todos os medios e recursos humanos e técnicos, tanto propios como alleos, dos que se poden botar man no caso de que se produza unha emerxencia. Nesta base de datos figuran espertos en protección civil ou en hidroloxía ata grupos de intervención subacuáticos, helicópteros de extinción, autobombas forestais, motobombas, vestiario ignífugo, e outro tipo de material.

Información xeográfica e alfanumérica

Para que o Plan de Emerxencias Municipal resulte operativo realizouse combinando información xeográfica (mapas) e alfanumérica (bases de datos), o acceso inmediato a información espacial de forma visual e sintética almacenada ó traveso de análises interactivos, a partir dos mencionados datos gráficos ou alfanuméricos; a recompilación integradora da información relativa a medios, recursos e equipamentos dispoñibles a nivel local, así como das características do medio físico e socioeconómico existentes no municipio; a posibilidade de actualización da información existente, e de incorporación de nova información, a análise, estudio, modelización, simulación, e integración con outras ferramentas informáticas que posibiliten en tempo real a explotación das comunicacións e as novas tecnoloxías da información. O Plan de Emerxencias Municipal dispón de máis de 80 mapas onde se identifican os posibles riscos con códigos alfanuméricos (risco de xeadas, incendios, inundacións, accidente por transporte de mercadorías, etc.).

Tramitación legal e o seu carácter transversal

Trala súa toma de razón en Xunta de Goberno Local esta semana, será remitido nos vindeiros días á Comisión Galega de Protección Civil para a súa homologación. Posteriormente, abrirase un proceso participativo onde se presentará á Xunta Local de Seguridade, así como aos distintos departamentos municipais con competencias na materia, facendo explícita a transversalidade do documento. Antas da súa aprobación definitiva polo Pleno do Concello tamén se abrirá un período de información pública.

A nova noutros medios dixitais:

Contido relacionado


El Correo Gallego: "Elaboran un plan de emergencias amiense"
El Correo Gallego: "Elaboran un plan de emergencias amiense"
El Correo Gallego: "Elaboran un plan de emergencias amiense"