[17-04-2011] Co fin de mellorar o sector comercial o goberno local encargou a elaboración dun estudo que analizase a situación actual do comercio amiense. O obxectivo principal foi realizar un plan de acción, a través dunha diagnose e unha análise DAFO do comercio amiense, que indique as fortalezas, debilidades, así como os factores que poidan dar lugar a oportunidades e ameazas que presenta a actividade comercial no Concello de Ames. Debullado por sectores este estudio recolle información sobre as características do sector comercial, o asociacionismo, os hábitos de consumo da poboación residente e a valoración da clientela sobre as distintas tipoloxías comerciais. Para iso realizouse un amplo traballo de campo que consistiu na realización de 225 enquisas a comercios, 250 enquisas a clientes e entrevistas en profundidade ás asociacións sectoriais. Trala elaboración do devandito estudio realizouse un Plan de Acción Comercial para determinar as liñas estratéxicas que debe marcar o provir deste sector de cara aos vindeiros anos.
Hoxe en día, o comercio tradicional desempeña un papel fundamental na vida económica, social e cultural das cidades e vilas, pero durante os últimos anos, o comercio retallista estase a enfrontar a un profundo proceso de cambio caracterizado pola aparición de novas fórmulas de distribución comercial caracterizados polo autoservicio, polo maior tamaño dos establecementos e a diversidade de produtos. Ao mesmo tempo estanse producindo unha serie de cambios nos hábitos de compra dos consumidores e cambios no perfil da clientela.
Por outra banda, hai que ter en contan a aparición de novas tecnoloxías de información e comunicación que modifican as relacións comerciais tradicionais; os cambios urbanísticos; os cambios demográficos caracterizados polo envellecemento da poboación e o desprazamento da poboación cara a periferia dos núcleos urbanos.
Neste contexto de fondas transformacións, son varios os problemas aos que o sector comercial se enfronta, como a aparición e implantación de novas fórmulas comerciais, coas que compite de xeito directo e a incorporación de novas tecnoloxías. A falta de incorporación de novas tecnoloxías de comunicación e información supón unha ameaza para o pequeno comercio de perda de competitividade e de cota de mercado.
Para que o pequeno comercio poida manter unha posición competitiva, é necesario que potencie os elementos que o caracterizan como son a atención personalizada, especialización con respecto a outras fórmulas comerciais, maior coñecemento dos produtos e polo tanto a posibilidade dun mellor asesoramento ao cliente, proximidade entre o lugar de residencia e os lugar de compra, etc. Sendo fundamental acadar unha diferenciación competitiva e un posicionamento baseado na calidade do servizo.
O Concello de Ames para facer fronte aos cambios que se están a producir nos últimos anos, veu necesario a elaboración dun diagnóstico e dun plan de acción sobre o comercio e a hostalería que existen no termo municipal amiense. A concelleira de Promoción Económica, Emprego, Turismo e Medio Ambiente, Úrsula Seijas, explica que "a diagnose e o Plan de Acción Comercial de Ames, ten entre outros obxectivos, o de identificar as posibles carencias coas que conta o pequeno comercio do concello, de xeito que se propoñen as solucións máis axeitadas, e que aplicadas dunha forma coherente e progresiva, favorecerán un comercio axeitado á demanda existente, así como se propoñen as mellores medidas para que o comercio de Ames evolucione nas condicións máis vantaxosas".
Traballo de campo
Para a realización da diagnose do sector comercial no concello de Ames, realizáronse un total de 250 enquisas á clientela e 225 enquisas aos comerciantes, divididas entre as dúas zonas comerciais de Bertamiráns e do Milladoiro. Ademais, para a elaboración e deseño das liñas de actuación do Plan de Acción, realizáronse entrevistas aos axentes implicados como son o persoal da Concellaría de Promoción Económica, á Asociación de Comerciantes de Bertamiráns (ACB), á Asociación de Empresarios, Comerciantes e Profesionais do Milladoiro (AEMI) e á Asociación de Empresarios do Parque Empresarial do Milladoiro.
O estudio está elaborado en base a seis puntos principais como son a oferta comercial, a demanda comercial, a problemática comercial, o asociacionismo, a análise DAFO e as liñas estratéxicas. Segundo se desprende deste estudo en Ames existen un total de 749 establecementos comerciais. A zona comercial do Milladoiro é que concentra a maior parte do tecido comercial.
Os comerciantes de Ames adoptan maioritariamente a forma xurídica de autónomo/a. Destes 749 comercios, o 64,4% son autónomos e como máximo dispoñen de dous empregados. Deste xeito, pódese dicir que o comercio de Ames segue a tendencia xeral do comercio en Galicia, xa que do total do comercio galego un 63% opera baixo a forma xurídica de autónomo.
Comercio eminentemente novo
Por outra banda pódese dicir que o comercio polo miúdo de Ames caracterízase por ser un comercio eminentemente novo xa que o 71,1% dos establecementos teñen menos de 10 anos. O 37,8% dos comercios do concello teñen entre 4 e 10 anos e o 23,1% ten entre 1 e 3 anos. A suma destas porcentaxes acada un 60% do total dos comercios enquisados. Dende o ano 2000 pasouse de 288 establecementos comerciais aos 749 que existen na actualidade.
O tamaño medio destes establecementos é de entre 51 e 100 metros cadrados e o 60,9% dispoñen dun local en aluguer. O 60,9% dos establecementos enquisados atópanse en inmobles en réxime de aluguer, mentres que o 33,8% están situados en locais en propiedade. Neste senso a situación en Ames é comparable á doutros núcleos urbanos, onde o réxime de propiedade que destaca é o de aluguer fronte á propiedade. Este réxime de propiedade atópase principalmente en cidades e nos concellos limítrofes ou próximos ás mesmas.
Análise DAFO
A ferramenta básica que se empregou foi a elaboración dun estudo que analizou a situación actual do comercio amiense. O obxectivo principal foi elaborar un plan de acción, a través dunha diagnose e unha análise DAFO do comercio, que indicou as fortalezas, debilidades, así como os factores que poden dar lugar a oportunidades e ameazas que presenta a actividade comercial no Concello de Ames. A través da análise DAFO obtívose unha visión interna e externa da situación do pequeno comercio en Ames respecto aos seu ámbito de actuación, o que ademais facilita a toma de decisións de carácter estratéxico.
O diagnóstico elaborado permite avaliar, de forma global, o estado de actividade comercial, as súas problemáticas, carencias e aspectos positivos e tomar despois medidas ao respecto para contribuír así á mellora do sector comercial en Ames. Con estes datos pódese actualizar e mellorar a información sobre o sector comercial, definir políticas de mellora e liñas estratéxicas de actuación, conclusións todas elas que están incorporadas ao plan de acción.
O plan de acción é un amplo e extenso documento no que se recollen 9 liñas estratéxicas de actuación divididas por entidades impulsoras, que son por tanto as asociacións comerciais, os propios comerciantes e a administración pública. Algunhas das propostas recollidas no Plan de Acción xa foron postas en marcha por parte do Concello e dalgunha asociación de comerciantes, e as outras serán unha boa ferramenta de traballo non só para o Concello senón tamén para todas as partes implicadas, e dicir, para as asociacións e como non, para os protagonistas do estudo: os propios comercios. Ames conta dende este momento cun estudo sobre o sector comercial e cun Plan de Acción, que marcará unha guía de ruta para este sector de cara aos vindeiros anos.
A nova noutros medios dixitais:
Contido relacionado

La Voz de Galicia: "Ames cuenta con un Plan de Acción para mejorar su comercio"
El Correo Gallego: "Ames triplicó en una década el número de sus comercios"




