[07-11-2015] O alcalde de Ames, José Miñones, e o concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, reuníronse esta semana co conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, e co secretario xeral, Jesús Oitavén, para tratar varios temas relacionados co eido educativo en Ames. Neste encontro de traballo acordouse que proximamente comezarán as obras para reparar as cubertas do pavillón e do colexio do CEIP de Barouta. Ademais, presentouse un proxecto para a ampliación da Casa da Cultura do Milladoiro para dotala de máis espazos de uso público.
Nesta reunión acordouse formalizar un protocolo de colaboración entre o Concello de Ames e a consellería de Educación para realizar obras na cuberta do pavillón polideportivo do CEIP de Barouta. A través deste acordo estes traballos sufragaranse de xeito compartido entre a Xunta de Galicia, que achegará a contía de 25.000 euros, e a Administración local, que porá 15.000 euros. Durante a vindeira semana procederase á contratación da empresa que executará estas obras de reparación da cuberta do pavillón deste colexio.
Ademais, o goberno municipal chegou a un acordo co conselleiro de Educación para que sexa o Concello o que realice unha obra de urxencia para tratar de solucionar as filtracións de auga que se están producindo no edificio do colexio de Barouta. Deste xeito, a Administración local fará un investimento de fondos propios superior aos 4.000 euros para reparar estas deficiencias. No caso de que esta medida de urxencia non solucione de xeito definitivo este problema, existe o compromiso da consellería de Educación para executar unha actuación mediante a cal se arranxe de xeito definitivo a cuberta do edificio do CEIP de Barouta.
Por outra banda, o goberno municipal tamén lle solicitou ao conselleiro que, tal e como se comprometeu a Xunta de Galicia no pasado mes de xuño, se realicen as correspondentes obras para dotar ao CEIP de Barouta dun novo comedor escolar de cara ao inicio do curso 2016-2017. Segundo explica o concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, “xa existe un proxecto para realizar o novo comedor deste centro escolar. Agora só falta que haxa unha dotación orzamentaria para poder executalo”. Por último, no que se refire ao CEIP de Barouta, o goberno municipal solicitou que se inclúa á praza de Chavián como nova parada para o autobús que leva aos escolares a este colexio.
O alcalde de Ames, José Miñones, destacou o esforzo que vai a asumir a Administración local ante as necesidades acontecidas e engadiu que “o noso compromiso dende o primeiro momento foi asumir as promesas do anterior goberno e executalas, poñendo os cartos a disposición para o arranxo do pavillón deportivo, e por iso non aceptamos a proposta da Xunta de derivar fondos desta obra a outras actuacións necesarias no centro. Entendemos necesario que as dúas partes esteamos colaborando para solucionar os problemas que existen no ámbito educativo no concello de Ames”.
IES do Milladoiro
No tocante ao IES do Milladoiro, o goberno municipal solicitou unha achega de 15.000 euros para incrementar o orzamento xeral deste centro escolar. Dende a consellería viron pouco factible esta solicitude xa que segundo indican este ano xa se abriu a cafetería deste instituto e tamén se dotou do material solicitado polo centro para o correcto desenvolvemento das clases e actividades impartidas polo persoal docente.
Tanto o rexedor municipal como o concelleiro de Educación e Cultura trasladáronlle ao conselleiro que se está elaborando un mapa escolar de necesidades educativas. Trátase dunha ferramentas de planificación con datos demográficos, cartografía e división por zonas para valorar a ampliación ou construción de novos centros de ensino. Así, o Concello dotarase cunha ferramenta para coñecer as necesidades de ampliación de cada un dos centros de ensino, algo que se entende de primeira necesidade no Concello que máis medra de toda Galicia e que conta coa poboación máis nova da Autonomía.
Ampliación da Casa da Cultura do Milladoiro
No eido cultural, presentouse un proxecto para a ampliación da Casa da Cultura do Milladoiro para dotala de máis espazos de uso público. Esta mesma proposta xa se lle fixo á vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, cando realizou a comezos do mes de outubro unha visita institucional ao Concello de Ames.
O concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, destacou que “a importancia desta ampliación ven motivada polas necesidades desde hai anos de darlle un maior contido ao único espazo situado no Milladoiro, onde se realizan a maior parte das actividades culturais e de formación levadas a cabo polo Concello e as distintas asociacións. Consideramos de vital importancia a creación de máis espazos físicos para poder desenvolver proxectos culturais ou de outro tipo, xa que O Milladoiro está considerado como o núcleo con máis poboación do concello, e os seus servizos deberían estar en equilibrio co número de habitantes”.
Contido relacionado

El Correo Gallego: "La Xunta colaborará en las mejoras del CEIP de Barouta"
La Voz de Galicia: "Xunta y Concello financiarán obras en el colegio de Barouta"




