[15-02-2018] Este pasado luns, 12 de febreiro, a concelleira de Promoción Económica e Turismo, Isabel González, asistiu a unha xuntanza na sala de xuntas de Turismo de Galicia. En dito encontro a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, acompañada polos delegados territoriais da Xunta na Coruña e en Vigo, Ovidio Rodeiro e Ignacio López-Chaves, presentoulle o proxecto de actuacións previstas para este ano no Camiño Portugués aos representantes dos concellos polos que discorre este itinerario xacobeo que entra en Galicia por Tui e percorre outros 17 municipios das provincias de Pontevedra e da Coruña.
O proxecto para esta ruta conta cun investimento superior aos 1,7 millóns euros, que se destinarán a revitalizar, promover e poñer en valor esta ruta xacobea cumprindo así o cronograma previsto polo Plan director do Camiño de Santiago, que avanza en oito liñas estratéxicas simultáneas desde hai máis de dous anos coa vista posta na celebración do Xacobeo 2021.
Ao abeiro deste plan, Turismo de Galicia centra os seus investimentos en diferentes rutas cada ano. Así, e tras ter actuado xa en cinco delas, o Camiño Francés, o Camiño do Norte, o Camiño Primitivo, o Camiño Inglés e o Camiño de Fisterra Muxía -no que se están a executar varios traballos-, Turismo de Galicia dedica este ano ao Camiño Portugués e ao Camiño Portugués da Costa. Nos próximos anos seguirá o mesmo protocolo co resto de itinerarios oficiais existentes para contribuír á súa dinamización.
Mellora do Camiño Portugués ao seu paso por Ames
As actuacións que se van a realizar no Camiño Portugués, ao seu paso polo concello de Ames, van a consistir fundamentalmente en traballos de mantemento, colocación de novas sinais indicativa do itinerario e o pintado dun novo paso de peóns. Ademais, vaise a mellorar a seguridade peonil cun cambio no trazado de dito Camiño. Na actualidade, na contorna da rotonda das Galanas, os/as peregrinos/as teñen que cruzar a autoestrada, co conseguinte perigo que supón isto. Deste xeito, a Xunta de Galicia vai a modificar o trazado do itinerario actual para evitar este perigoso punto (tal e como se pode observar no mapa que acompaña esta información).
Por último, dende o goberno municipal vaise a propor construír unha senda peonil na contorna da Grela (dirección Travesía do Porto), para mellorar a seguridade peonil neste lugar que non dispón de beirarrúas. A idea do Concello de Ames solicitar a colaboración da Xunta de Galicia e da Deputación da Coruña para sufragar esta actuación entre as tres administracións.
A concelleira de Promoción Económica e Turismo, Isabel González, agradece estas actuacións “a través das cales podemos mellorar este tramo importante do Camiño Portugués o seu paso por Ames. Así tamén evitamos un problema de seguridade viaria como era o paso dos peregrinos ao cruzar a autoestrada, xa que son moitos os e as persoas que pasan a diario por el facendo o Camiño”.
2,5 millóns en ambos itinerarios
A xuntanza mantida esta semana serviu para explicar as características dos traballos que se levarán a cabo en cada un dos termos municipais polos que pasa o Camiño Portugués. Este itinerario xacobeo, que entra en Galicia por Tui, percorre outros 17 municipios das provincias de Pontevedra e da Coruña. Esta reunión súmase á celebrada a semana pasada en Vigo con representantes de municipios polos que atravesa o Camiño Portugués da Costa, cuxo proxecto de melloras e sinalización supera, nese caso, os 700.000 euros.
En conxunto, o investimento este ano no Camiño Portugués e o Camiño Portugués da Costa acada os 2,5 millóns de euros, ao que se engade o disposto para outras iniciativas tanto de dinamización sociocultural como de promoción e divulgación entre os máis novos. Estes traballos suporán un impulso aos concellos polos que atravesan estes itinerarios, que no pasado ano, en conxunto superaron os 66.000 camiñantes, cun incremento de preto do 28% en relación ao ano 2016.
Mellora do Camiño Fisterra-Muxía
Cómpre lembrar que a finais de 2017 a Xunta de Galicia sufragou as obras de mellora e acondicionamento do Camiño Fisterra-Muxía ao seu paso polo municipio amesán. A través deste acordo executáronse traballos de mellora e acondicionamento nun tramo de 1.050 metros do Camiño de Fisterra-Muxía que pasa polas parroquias de Ames e Trasmonte. Os traballos consistiron na roza, limpeza e preparación do camiño para poder aplicar un novo firme. Tamén se colocaron pasos en V, fixéronse traballos de limpeza, arranxáronse as taxeas, acequias e mailos regos existentes. Estes traballos tiveron un custo de preto de 50.000 euros.
Contido relacionado
Compostela 24 horas: "Ames y la Xunta colaborarán para mejorar el Camino Portugués a su paso por el concello"
Lindeiros: "A Xunta de Galicia cambiará o trazado do Camiño Portugués en Ames"




