Pestanas principais

O Concello de Ames e a Xunta de Galicia avanzan na tramitación para a construción do novo centro de saúde do Milladoiro

Venres, 11 de marzo de 2016

[11-03-2016] O alcalde de Ames, José Miñones, e a concelleira de Sanidade, Luísa Feijóo, mantiveron este xoves pola tarde unha xuntanza co conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, e co xerente do Sergas, Antonio Fernández-Campa, para tratar de avanzar na tramitación necesaria para poñer a disposición da Xunta de Galicia a parcela do S-15 na que se pretende construír o novo centro de saúde do Milladoiro. Dende a Consellería de Sanidade confirmaron a recepción da documentación enviada polo Concello de Ames cun informe xurídico, elaborado por un asesor externo, e pola arquitecta municipal validando a parcela do S-15. Ademais, Patrimonio deulle o visto bo á solicitude que fixo o goberno municipal a finais de 2015.

José Miñones destacou que “se tratou dunha xuntanza cordial na que o conselleiro mostrou un compromiso claro e decidido coa execución do novo centro de saúde do Milladoiro. Esperamos que este paso dado por parte da Xunta de Galicia sexa definitivo. Dende o goberno comprometémonos a enviarlle a comezos da próxima semana a información que nos solicitaron. Este proxecto xa estivo moito tempo paralizado, polo que agardamos que dunha vez por todas se poida tramitar a licitación desta infraestrutura, que é unha prioridade para este goberno. Nesta reunión deuse un paso definitivo e agardamos que nas vindeiras semanas se fixe xa a data definitiva de inicio”.

Dende o goberno municipal estase levando a cabo diversos trámites cos propietarios desta zona para a cesión anticipada dos terreos que segundo indica Miñones “sería o impulso definitivo para poder executar o proxecto do novo centro de saúde do Milladoiro”. O rexedor municipal adiantou que “este mesmo luns manterei unha reunión neste sentido para remitirlle á Consellería de Sanidade toda a documentación que me solicitaron referente a estes procesos xurídicos”. Ademais, o alcalde trasladoulle ao conselleiro a súa intención de asinar, nas vindeiras semanas, a cesión adiantada destes terreos, de xeito que a seguridade xurídica quedaría garantida.

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, confirmoulle a Miñones a recepción da documentación enviada por parte do departamento de municipal de Urbanismo no que se recolle un informe elaborado por un asesor xurídico externo e pola arquitecta municipal validando a parcela do S-15. Ademais, tamén se lle enviou un informe de Patrimonio no que tamén se dá o visto e prace á parcela que se cede ao Sergas para a execución desta futura instalación sanitaria.

Unha vez recibida esta documentación dende a Consellería de Sanidade comprometéronse a estudar o proxecto redactado en 2010 para comprobar se está ben dimensionado e no prazo dun mes darlle o visto bo ao mesmo co obxectivo de comezar co proceso de licitación o antes posible. Neste intres, o Servizo Galego de Saúde está procedendo a revisar toda a documentación recentemente recibida, coa fin de certificar que está completa, e que permita iniciar novas actuacións.

A concelleira de Sanidade, Luísa Feijóo, destacou que “coa construción do novo centro de saúde melloraríase moito a calidade de atención aos pacientes xa que na actualidade os traballadores non poden desenvolver o seu traballo do mellor xeito. Tamén se melloraría moito no apartado de accesibilidade, xa que nestes intres as persoas con dificultades de mobilidade non dan accedido á segunda planta do edificio, onde se atopa a matrona e unha consulta. Para atender a estas persoas os profesionais teñen que baixar a primeira planta, onde ten que haber unha sala dispoñible para poder atendelos. Ademais, os aseos da primeira planta tampouco son accesibles”.

Reorganización do centro de saúde de Bertamiráns
Dende o goberno municipal tamén lle trasladaron ao conselleiro de sanidade a necesidade de reorganizar o centro de saúde de Bertamiráns e solicitáronlle ao xerente do Sergas que se execute unha actuación de xeito inmediato. Dende a Consellería indicaron que se van a poñer en contacto co responsable do centro de saúde de Bertamiráns, ao que dende o goberno municipal lle trasladaron hoxe o contido da solicitude feita.

O alcalde de Ames, José Miñones, remata dicindo que “dende o goberno entendemos que os pasos dados garanten a viabilidade e o desbloqueo do centro de saúde do Milladoiro. Confíamos que non sexa unha campaña propagandística porque non sería entendida nin pola cidadanía nin polo goberno municipal, tendo en conta que se trata dunha infraestrutura e servizo tan necesaria para a veciñanza do Milladoiro”.

Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Xunta y Concello desbloquean la obra del centro del salud de Milladoiro"
El Correo Gallego: "Sanidade da un paso máis na creación do centro de saúde de Ames"
El Correo Gallego: "Avanzan en la cesión de la parcela del centro de salud"