Pestanas principais

O Concello de Ames e XEA premian aos gañadores de Enfoca Ames

Mércores, 06 de setembro de 2023

O Salón de Plenos do Concello de Ames acolleu onte a entrega de premios da terceira edición do concurso de fotografía Enfoca Ames.

O alcalde de Ames, Blas García, resaltou a “boa sintonía existente entre a Xuntanza de Empresarios e o Concello”, que colaboraron e colaboran en distintas iniciativas, mentres que Jorge López, de XEA, agradeceu “a colaboración tanto do Concello como dos xurados como da xente que participa e apoia o concurso”. 

O certame púxose en marcha por terceiro ano consecutivo da man de XEA, coa colaboración do Concello de Ames, a través dos departamentos de Medio ambiente e Turismo. Poden participar neste certame todas as persoas residentes en España, maiores de 18 anos, con independencia do seu lugar de orixe. As fotografías teñen que ser orixinais e inéditas, presentando só unha fotografía por categoría. A inscrición no concurso é gratuíta.

As bases recollen a concesión de tres premios en cada unha das tres categorías. O primeiro de 100 euros, o segundo de 50 euros e o terceiro de 25 euros. Os nove premios son cheques para gastar nos comercios asociados á XEA, algo que quixo destacar o rexedor amesán pois “os premios repercuten directamente nos negocios de Ames, favorecendo e promovendo o comercio local”.

Categorías e gañadores
As persoas participantes presentaron fotografías nas que se recolleu o patrimonio natural, artístico e/ou cultural do concello de Ames, sendo admitida tan só unha fotografía por categoría. Existen tres categorías diferentes: paisaxe, macro e artística. Na categoría paisaxe a fotografía debía mostrar os espazos do mundo que adoitan captar a presenza da natureza, pero tamén poden centrarse en características creadas polo home ou perturbacións das paisaxes. Na categoría macro a fotografía debía permitir amplificar as cousas que son pequenas a simple vista e, por último, na categoría artística permitíase a posibilidade de editar e manipular a captura orixinal.

Na categoría Macro a gañadora foi María Cristina Valdés, en segundo lugar Lupe Ferro e, en terceiro lugar Leticia Nieto. Fixéronse cos accésits da categoría Pablo Blanco, María Elisa Gómez e Ainhoa Conde.

Por outra banda, na categoría Paisaxe, a gañadora foi Candela Conde, con Ainhoa Conde en segunda posición e Alicia Sánchez en terceira. Os accésits foron para Lara Lozano, José Luís Gigirey e María Cristina Valdés.

Por último, na categoría Artística quen acadou o primeiro posto foi José Luís Gigirey, con Lucía Muñoz en segundo posto e, completando o podio, Amparo Portabales. Os accésits da categoría leváronos Lucía Mallo, María Elisa Gómez e Lara Lozano.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Ganadores del premio fotográfico en Ames"

Imaxe grupal da entrega de premios Enfoca Ames