O alcalde de Ames, José Miñones, a concelleira de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, Luísa Feijóo, e o profesor e investigador da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio Rial, compareceron esta mañá en rolda de prensa no salón de plenos da Casa do Concello para presentar o estudo realizado nos centros de ensino de Ames sobre o consumo de drogas e a presencia de condutas aditivas entre a mocidade amesá. Este traballo, no que participaron un total de 1.263 escolares de Ames, tivo como obxectivo analizar os niveis e patróns de consumo existentes, facer un cribado tanto dos posibles consumos de risco e adiccións como das variables asociadas. Así, a finalidade desta iniciativa é contribuír á optimización da labor preventiva e definir unha estratexia de prevención axeitada á contorna social de Ames a través do deseño dun Plan Local de Prevención de Condutas Aditivas no municipio. Dito estudo é froito da colaboración entre o equipo da Unidade de Psicoloxía do Consumidor e Usuario da Universidade de Santiago de Compostela (USC-PSICOM) e a dirección dos centros de Ames, orientadores/as, ANPAS e técnicos municipais de Ames.
Durante a presentación, que tivo lugar esta mañá no salón de plenos da casa do Concello a partir das 11.30 horas, expuxéronse os distintos resultados acadados despois dun rigoroso estudo realizado durante o pasado mes de abril nos centros educativos de Ames. Na iniciativa participaron un total de 1.263 escolares amesás de entre 10 e 18 anos, dos que 339 foron nenos e nenas matriculados en 5º e 6º de primaria, e 924 foron mozas e mozos de secundaria, bacharelato e Formación Profesional. O traballo foi elaborado polo equipo coordinado por Antonio Rial da Unidade de Psicoloxía do Consumidor e Usuario da Universidade de Santiago de Compostela (USC-PSICOM), en colaboración coa comunidade educativa de Ames e a Concellaría de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade de Ames.
Así, a concelleira Luísa Feijóo explicou durante o acto que "para o noso concello é fundamental a prevención, feito que nos levou a volver a poñer en marcha o programa municipal de prevención de condutas aditivas no ámbito escolar". Por tanto, este estudo realizado no contexto deste programa, "xurdiu co obxectivo de ser unha foto real de como se encontra a nosa mocidade, na que todos e todas se sintan identificados, protagonistas e corresponsables, e adopten un papel activo no deseño e na posta en marcha das políticas de prevención levadas a cabo no concello".
Neste senso, o rexedor, José Miñones, quixo poñer o aceno en que "en Ames sabemos que a mocidade é o noso valor, posto que somos o concello máis novo de toda Galicia. Polo tanto, é aí onde temos que actuar con iniciativas que formen e informen á mocidade. Estudos como este permiten que tanto á administración como ás familias e o profesorado saibamos cara onde debemos dirixir os nosos esforzos".
Pola súa banda, Antonio Rial, coordinador do proxecto, foi o encargado de presentar os resultados acadados polo seu equipo nos centros amesás despois de adicar unhas palabras de agradecementos ao Concello por "destinar recursos, esforzos e persoal en iniciativas de prevención e aos centros, pais e nais e alumnado a súa participación".
Mostra da situación da mocidade amesá no tocante ás condutas aditivas
Se ben o traballo arroxa datos que levan a pensar que "os niveis de consumo de alcohol e outras drogas atopados entre a mocidade amesá son sensiblemente inferiores ao do conxunto do estado español e ao da comunidade galega, ou mesmo do concello de Santiago", Antonio Rial subliña a importancia de "ser moderadamente positivos e non caer na autocomplacencia, posto que os datos seguen sendo alarmantes".
Esta afirmación vese apoiada no traballo por cifras que constatan o descenso progresivo nas idades de inicio de consumos das distintas sustancias, que indican como etapa crítica o intervalo de 13 a 15 anos. Este feito non só ten graves consecuencias para o cerebro nunha etapa na que se atopa en pleno proceso de maduración, senón tamén porque esta realidade incrementa a probabilidade de desenvolver unha adicción a medio prazo, como se indica en dito traballo.
Asemade, outro dos puntos a ter en conta nos datos recollidos polo equipo de psicólogos da USC en Ames é o descenso da práctica do botellón. A pesar de que que 1 de cada 4 xoves afirma telo practicado no último ano, só para o 1,5% é unha práctica habitual que realiza unha ou varias veces á semana. Sen embargo, afloran novas formas de consumo, como é o alcohol combinado con bebidas enerxéticas, o uso de cachimbas para o consumo de tabaco ou cannabis ou o incipiente abuso do "purple drank", elaborado con xarope da tos. Se ben algunhas delas aínda son de orixe recente, o Antonio Rial considera que é necesario coñecelas e telas en conta para levar a cabo accións de prevención neste senso.
Por outra banda, mediante a utilización de escalas especificas de screening, o equipo da USC detectou que un 6,7% dos adolescentes amesás que participaron no estudo presenta un problema co consumo do cannabis. Do mesmo xeito, segundo os resultados, conclúese que "os consumos de risco son sensiblemente máis habituais entre os adolescentes que fan con regularidade botellón, os que chegan a casa de madrugada e os que dispoñen de máis cartos para saír", así mesmo, a probabilidade de que un adolescente beba multiplicase por dez cando as súas amizades beben, mentres que no caso de pais/nais consumidores a probabilidade duplícase e no caso dos irmáns vese triplicada.
No tocante a relación que mantén a mocidade coas novas tecnoloxías, e que o coordinador do traballo califica como "problema serio", o estudo é claro ao afirmar que practicamente a totalidade dos adolescentes de 12 a 18 anos, un 93,4%, dispón de teléfono móbil con conexión a Internet, e o uso que fai del "é masivo, sen supervisión e interfire na convivencia familiar". Por ende, o uso de redes sociais e ferramentas de mensaxería é tamén xeralizado e vai en aumento, posto que o 95,9% dos mozos/as enquisados están rexistrados a lo menos nunha rede social, mentres que o 59,1% estao en tres ou máis. Ademais, o 57,7% recoñece que posúe máis dun perfil dentro da mesma rede social, que soen corresponder a "un perfil "branco" para os proxenitores, e outro máis "persoal" para relacionarse cos pares". Youtube, Instagram e Snapchat son as redes sociais que máis consume a mocidade.
Outro dos resultados preocupantes que arroxa dito estudo é que o 24,4% de mozas e mozos estaran comezando a desenvolver unha adicción á rede, unha porcentaxe sensiblemente maior cando se fala de xoves de 14 e 15 anos. Seguindo coas TIC, se ben é habitual que os menores adiquen arredor de 5h semanais aos videoxogos, xa hai un 1,5% que lle dedica máis de 40 horas. Ademais, o 81,5% dos que xogan habitualmente faino de modo online, "o que pon de manifesto o carácter "social" destas actividades e os novos riscos que iso implica". Un 22,8% dos adolescentes residentes no concello de Ames manifesta ter apostado cartos en máquinas de apostas deportivas, comecartos, loterías ou outras modalidades de xogo, de xeito presencial, mentres que un 7,7% manifesta ter realizado apostas online.
No tocante á convivencia entre a mocidade, durante a presentación adiantouse que arredor dun 25,8% dos/as estudantes que participaron no traballo son vítimas de Bullying e un 6% de Cyberbullying. Estes resultados foron acadados a través da inclusión de ferramentas de screening específicas, como EBIP-Q e ECIP-Q.
Trasladar os datos acadados aos centros escolares
Despois da presentación oficial realizada esta mañá, o estudo trasladarase tamén ao IES do Milladoiro mediante unha xornada de prevención destinada aos protagonistas do traballo, a comunidade educativa de Ames. A iniciativa terá lugar o mércores 15 de maio, no salón de actos do centro en horario de 16.00 a 20.00 horas, e terá como obxectivo trasladar os datos acadados aos pais, nais, titores, equipos directivos de orientación, profesorado de Ames e todo aquel que se queira achegar, posibilitando que varios especialistas lles ofrezan información de primeira man sobre un tema sobre o que levan traballando nos tres último cursos ao abeiro do programa de prevención de condutas aditivas e educación afectivo sexual no ámbito escolar.
Así, a xornada comezará ás 16.00h cun acto de apertura a cargo das técnicas municipais de Servizos Sociais e Sanidade, tralo que comezará un ciclo de tres relatorios sobre as adiccións e a prevención. A primeira delas será ofrecida polo profesor da Universidade de Santiago de Compostela Antonio Rial, coordinador á súa vez do Estudo sobre Condutas aditivas e convivencia na mocidade amesá realizado entre o alumnado de 5º de primaria a 2º de bacharelato dos centros escolares de Ames. Dita charla xirará arredor das Adiccións tecnolóxicas e os adolescentes ¿é para preocuparse?
A continuación, entre as 17.00 e as 17.45h, será a quenda de Manuel Isorna, profesor da Universidade de Vigo e responsable da área de prevención do Concello de Catoira, que conducirá unha charla sobre Drogas emerxentes e sumisión química ¿mito ou realidade?. A última das intervencións correrá a cargo de Belén Montesa, psicóloga experta en adicción e prevención familiar, que falará sobre como facer prevención, tanto dende un enfoque ambiental ata o traballo de campo en aulas e fogares.
Entre as 19.00 e as 19.30h realizarase a presentación ante os mozos e mozas dos resultados do Estudo sobre Condutas aditivas e convivencia na mocidade amesá, elaborado polo equipo da Unidade de Psicoloxía do Consumidor e Usuario da Universidade de Santiago de Compostela (USC-PSICOM) e o Concello de Ames. A xornada pecharase cun coloquio sobre ditos resultados, que se estenderá entre as 19.30 e as 20.00h.
Enlaces relacionados:







