Pestanas principais

O Concello de Ames e a USC colaboran na realización dun estudo sobre a prevención de condutas aditivas no ámbito escolar

Mércores, 17 de abril de 2019

A Concellaría de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade de Ames e a Unidade de Psicoloxía do Consumidor e Usuario da Universidade de Santiago de Compostela (USC-PSICOM) colaboran na realización dun estudo sobre o consumo de drogas e a presencia de condutas aditivas entre a mocidade amesá. Mediante esta iniciativa búscase contribuír á optimización da labor preventiva e a definir unha estratexia de prevención axeitada á contorna social de Ames a través do deseño dun Plan Local de Prevención de Condutas Aditivas no municipio. Neste estudio participan un total de 1750 alumnos e alumnas dos centros escolares de titularidade pública do municipio, divididos en 70 grupos. Este traballo segue a liña do programa de prevención de condutas aditivas no ámbito escolar levados a cabo nos centros públicos de Ames, nos que participaron arredor de 840 alumnos/as e as súas familias, así como un total de 31 docentes.

O consumo de drogas entre a mocidade é un dos principais problemas sociosanitarios a nivel mundial, situación que pese aos esforzos realizados no eido da prevención non parece aminorar o seu impacto na mocidade actual. Segundo o recollido na Estratexia Nacional sobre Adiccións 2017-2024, impulsada polo Ministerio de Sanidade, Consumo e Benestar social; os niveis de consumo das distintas sustancias experimentaron un incremento no 2017/18 con respecto aos dous anos anteriores. Asemade, o mesmo estudo subliña que a precocidade no inicio do seu consumo, un patrón de consumo de alcohol cada vez máis intensivo, o repunte do consumo de cannabis entre os menores e a crecente adición a videoxogos e apostas en liña son algúns dos puntos máis significantes da relación entre as adicións e os mozos e mozas.

Neste contexto, o Concello de Ames e a Unidade de Psicoloxía do Consumidor e Usuario da Universidade de Santiago de Compostela (USC-PSICOM) puxeron en marcha un estudo para obter unha diagnose da situación da mocidade amesá coas drogas e as conductas adictivas. Mediante este traballo buscase conseguir datos obxectivos e fiables dos niveis de consumo, así como información que permita afondar nos escenarios e motivos de consumos, patróns, crenzas e expectativas, perfís de consumo, sustancias emerxentes, prácticas e tendencias de consumo, e novos tipos de adiccións. Para elo incorpóranse parámetros da prevención ambiental como a propia accesibilidade, que axudan a dispoñer dun análise integral da situación de partida.

A finalidade principal deste estudo é a de contribuír á optimización da labor preventiva e ao deseño dun Plan Local de Prevención de Condutas Aditivas en Ames. Dito plan servirá de axuda á hora de sistematizar e dinamizar a actual labor dos equipos de traballo, así como a definir unha estratexia de prevención axeitada e promover un labor preventivo baseado na análise obxectiva da propia contorna social dos mozos e mozas.

Dito estudo conta coa participación dun total de setenta grupos de rapaces e rapazas de cursos comprendidos entre 5º de primaria e 2º de bacharelato, que están a cursar estudos nos centros escolares de titularidade pública de Ames. Destes setenta, cincuenta están formados por mozos/as de secundaria e bacharelato, mentres que os vinte restantes están constituídos por rapazas/es de 5º e 6º de primaria. Así, este traballo engloba a un total de 1750 alumnos e alumnas.

Equipo de traballo
O equipo da USC-PSICOM que participa neste traballo, dirixido por Antonio Rial, conta con máis de 25 anos de experiencia. Un traxectoria marcada polos máis de cen artigos científicos publicados en prestixiosas revistas nacionais e internacionais, así como nos máis de 200 proxectos de investigación aplicada realizados no ámbito das drogas. Na área dos menores e as novas tecnoloxías, o grupo PSICOM levou a cabo o primeiro estudio de “Adolescentes e Internet en Galicia”, promovido polo Valedor do Pobo e a Consellería de Educación, que continuou en 2014 co estudio “Mocidade On Line”, ata hoxe o traballo empírico de maior envergadura feito en España sobre o tema, cunha mostra de máis de 44.000.

Programa de prevención de condutas aditivas no ámbito escolar 2018/19
Por terceiro ano consecutivo, o Concello de Ames, a través da concellaría de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, puxo en marcha unha nova edición do programa de prevención de condutas aditivas e educación afectivo sexual no ámbito escolar no curso 2018/19. Na iniciativa participou o alumnado que está a cursar entre sexto de primaria e cuarto da ESO nas escolas de Barouta, A Maia, Agro do Muiño, Ventin, IES Milladoiro e IES Bertamiráns. No que vai do curso escolar 2018/19, participaron nesta programa un total de 840 alumnos/as e as súas familias e 31 docentes.

No total, os mozos/as participaron nun total de 190 horas de sesións, que estiveron divididas nunha media de cinco sesións por grupo adaptadas á idade dos participantes e ás circunstancias particulares de cada equipo, seguindo o modelo de habilidades para a vida, explorando conceptos como a autoestima, a presión de grupo, as habilidades sociais e as distintas adiccións. Ademais, destinouse unha vintena de horas a sesións con profesores, tanto titores como membros dos equipos directivos e de orientación, un un total de 24 horas de traballo con familias.

Por outra banda, tamén se impartiron 45 sesión dunha hora sobre educación afectivo sexual, con contido e metodoloxía adaptada a cada nivel e idade.

Ligazóns

O Concello de Ames e a USC colaboran na realización dun estudo sobre a prevención de condutas aditivas no ámbito escolar