Pestanas principais

O Concello de Ames e a Unión de Consumidores de Galicia organizan unha sesión informativa sobre o pago dos dereitos de autor

Luns, 24 de outubro de 2016

[24-10-2016] Este mércores, 26 de outubro, a Concellaría de Promoción Económica e a Unión de Consumidores de Galicia (UCG) organizan unha sesión informativa denominada “O pago dos dereitos de autor a exame”. Nela trataranse non só os dereitos de autor, senón tamén as entidades que os xestionan, vías para evitar o pagamento e a análise de casos que, por impago, tivesen chegado aos xulgados. Terá lugar no salón de Plenos da Casa do Concello, ás 18:30 horas, e a participación será libre e de balde.

Ante os problemas que distintos sectores en Ames, especialmente o hostaleiro, se atopan en relación coa Sociedade Xeral de Autores e Editores (SGAE) a Concellaría de Promoción Económica e a UCG decidiron organizar este mércores a sesión informativa: “O pago dos dereitos de autor a exame”. Impartirase no salón de Plenos da Casa do Concello, en Bertamiráns, a partir das 18:30 horas.

O obxectivo desta actividade é explicar a regulación de entidades de dereitos de autor, como é a SGAE, en que circunstancias se debe pagar polo emprego de, por exemplo, cancións, textos ou películas suxeitos a este tipo de dereitos. Ademais, analizaranse casos de empresas ou particulares que tiveron que acudir aos xulgados por impago e presentaranse vías alternativas para evitar os pagamentos, como as creacións con licencias Creative Commons ou Copyleft.

A charla estruturarase en catro partes, con distintos puntos a tratar. Comezarase falando dos dereitos de protección das persoas creadoras dunha obra, facendo especial fincapé nos dereitos de autor, e da cesión e xestión deses dereitos. A continuación exporase o funcionamento e funcións das sociedades xestoras dos dereitos como a SGAE, e outras menos coñecidas como CEDRO, Dama, ou VEGAP.

Asemade, analizaranse as áreas de cada unha delas, os seus tipos de tarifas así como as sentenzas que foron emitidas contra algunha destas entidades por tarifas desproporcionadas. Outras sentenzas serán tamén estudadas e, por último, tratarase o tema das licencias, e cales delas permiten a reprodución ou modificación dunha obra -unha canción, unha imaxe ou fotografía- sen pedir a cambio unha remuneración económica.