- Tematica
Esta mañá o alcalde de Ames, Blas García, e maila cofundadora e xerente de Territorios Latentes, Natalia Alvaredo López, abordaron a análise do Big Data aplicado ao territorio na oitava edición de Innpulso Emprende que se celebrou en Gijón. Trátase do evento máis representativo da Rede Innpulso, que ten como obxectivo principal facilitar o encontro entre responsables municipais e o tecido emprendedor, á vez que se premian as iniciativas máis innovadoras dos distintos municipios. Tamén acudiu ao evento a concelleira de Promoción Económica do Concello de Ames, Ana Belén Paz. Dito evento contou coa participación de 42 concellos pertencentes á Rede Innpulso. Ames foi o único concello galego que participou en dito evento.
O encontro, promovido pola Rede de Cidades da Ciencia e a Innovación e o Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, celebrouse no LABoral Centro de Arte e Creación Industrial de Gijón e contou coa colaboración do Concello desta localidade.
Innpulso Emprende reúne anualmente a alcaldes e alcaldesas das cidades pertencentes á Rede Innpulso coas pemes, micropemes e startups ou proxectos máis innovadores que foron seleccionadas por cada un dos concellos. Así, o encontro facilita o achegamento entre pemes innovadoras a nivel nacional, potencia o intercambio de experiencias na promoción e o apoio á innovación desde a administración e, en definitiva, posiciona e impulsa ás pemes innovadoras pertencentes ás cidades Innpulso, dándolles visibilidade para facilitar o seu acceso a mercados potenciais e posibles investimentos.
Esta oitava edición de Innpulso Emprende xirou ao redor da innovación e experimentación no ámbito local. Neste sentido, propúxose que as start-up, pemes ou ideas empresariais presentasen un proxecto innovador e/o disruptivo en desenvolvemento que puidese impactar e dar resposta a retos económicos, sociais e ambientais do seu territorio.
Neste senso o Concello de Ames participou no evento xunto coa empresa amesá Territorios Latentes, que ten a súa sede no parque empresarial do Milladoiro. Territorios Latentes é un laboratorio de investigación espacial, que utiliza tecnoloxías de información xeográfica para recoñecer os valores latentes dos territorios e identificar oportunidades.
O alcalde de Ames, Blas García, e maila cofundadora e xerente de Territorios Latentes, Natalia Alvaredo López, presentaron un proxecto que consiste en deseñar, construír e rexenerar o noso hábitat en función, non só dos coñecementos e métodos tradicionais, senón tamén en función de patróns que habitualmente son invisibles.
Análise do Big Data aplicado ao territorio
O alcalde de Ames, Blas García, foi o encargado de abrir a presentación. Dixo “desde Ames presentámosvos Espazos Latentes, unha empresa formada por Natalia e Javi, dúas persoas mozas que como moitos outros tiveron que emigrar para poder aprender e traballar. Anos despois regresaron a Ames para poñer en práctica todo o seu coñecemento e comezar a emprender. Desde o Concello axudámoslles cedéndolle un espazo no noso coworking no que poder desenvolver o seu proxecto empresarial”.
Durante a súa intervención, Natalia Alvaredo López, explicou que “dende Territorios Latentes propoñemos unha nova metodoloxía de traballo que consiste na análise do Big Data aplicado ao territorio. Isto axúdanos a abordar os retos concretos de cada lugar con máis información. Habitualmente estas ferramentas quedan na fase de recompilación e análise. No noso caso, que vimos dunha disciplina propositiva tratamos de levalas un paso máis aló e poñer os datos ao dispor da proposta. Poñereivos un exemplo que realizamos con esta metodoloxía da man do municipio de Ames e que denominamos Un Xiro de 90 graos”.
“Nós vivimos nun núcleo chamado O Milladoiro. É un sitio magnífico en canto a parámetros urbanísticos, gran densidade e diversidade, xente nova, con moita oferta de servizos e equipamentos. Con todo, a percepción dos nosos veciños é que o espazo público é pouco habitable. Tras unha primeira análise de datos sociais, económicos, morfolóxicos, de servizos, de elementos naturais, vimos que seguía existindo unha segregación poboacional forte acentuada pola estrada que nos une con Santiago e que foi o eixo vertebrador do núcleo desde os seus inicios”.
“A análise levounos a entender que era necesario potenciar as conexións transversais de maneira que se podía crear unha rede de espazos libres destinada a mellorar o núcleo ambiental e socialmente; proporcionar espazos habitables de gran calidade arquitectónica e ambiental, mitigar os efectos do cambio climático, promover a mobilidade peonil, impulsar a actividade económica local e, o máis importante, dotar de identidade a Milladoiro”.
“Cando chegou o momento de deseñar unha das prazas que se situaban nesta rede, esta análise tan detallada e a unha escala tan ampla permitiunos contar con variables determinantes. O Big Data encamiñounos cara a unha proposta que sen dúbida sería moi distinta nun exercicio tradicional. Por exemplo, soubemos cales eran os novos percorridos relevantes, o que nos levou a eliminar algúns elementos que actuaban de tapón, soubemos que espazos eran máis confortables, o que nos axudou a colocar o mobiliario máis adecuado, soubemos que baixos había que poñer en valor para dotar de actividade á praza, o que nos axudou a xerar espazos que os fixesen máis atractivos, soubemos entender a praza como un elemento importante en diferentes roteiros (como o camiño de Santiago), o que nos levou a colocar elementos ao servizo dos camiñantes etc”.
“En definitiva, esta metodoloxía innovadora e escalable axúdanos a entender unha realidade cada vez máis complexa, discernir o relevante e sen dúbida ir da intuición á certeza. Desta maneira podemos poñer ao dispor das persoas os datos, para crear espazos máis confortables, e máis respectuosos cos nosos hábitats”.
Premios para empresas de Mataró, Avilés e Santomera
O evento estivo composto por tres bloques de presentacións nos que as empresas, acompañadas polo alcalde ou a alcaldesa do seu municipio, tiveron que defender o seu proxecto nun prazo de tempo reducido. Ao final do evento realizouse a entrega de premios e mailo peche do evento. O premio á innovación tecnolóxica foi para a empresa Sialtrónica, do Concello de Avilés, mentres que o premio á innovación social e urbana recaeu na empresa White Jacket Global, do Concello de Mataró. Ademais, houbo unha mención especial ao proxecto máis influencer, que foi para a empresa Kuarex-Perciber, do Concello de Santomera.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "Territorios Latentes presenta un proxecto que utiliza Big Data para potenciar os núcleos locais"

















