Pestanas principais

O Concello de Ames e Tecalis presentan o proxecto Tecalis Avatar Identity Technology no evento Innpulso Emprende celebrado en Valencia

Venres, 14 de outubro de 2022

Esta mañá o alcalde de Ames, Blas García, e mailo director xeral de Tecalis, Isidoro Martínez, presentaron o proxecto Tecalis Avatar Identity Technology na sexta edición de Innpulso Emprende que se celebrou en Valencia. Trátase do evento máis representativo da Rede Innpulso, que ten como obxectivo principal facilitar o encontro entre responsables municipais e o tecido emprendedor, á vez que se premian as iniciativas máis innovadoras dos distintos municipios. Tamén acudiron ao evento a concelleira de Promoción Económica do Concello de Ames, Ana Belén Paz; e maila directora de asuntos corporativos e gobernanza de Tecalis, Berta Caro. Dito evento contou coa participación de 53 cidades pertencentes á Rede Innpulso. De Galicia acudiron os Concellos de Ames e da Coruña.

O encontro, promovido pola Rede Innpulso e o Ministerio de Ciencia e Innovación, celebrouse no espazo Veles e Vents, na Mariña de Valencia, e contou coa colaboración do Concello de Valencia, o centro de innovación Las Naves e Valencia Activa.

Innpulso Emprende reúne anualmente a alcaldes e alcaldesas das cidades pertencentes á Rede Innpulso coas pemes, micropemes e startups máis innovadoras que foron seleccionadas por cada unha das cidades. Así, o encontro facilita o achegamento entre pemes innovadoras a nivel nacional, potencia o intercambio de experiencias na promoción e o apoio á innovación desde a administración e, en definitiva, posiciona e impulsa ás pemes innovadoras pertencentes ás cidades Innpulso, dándolles visibilidade para facilitar o seu acceso a mercados potenciais e posibles investimentos.

O Concello de Ames participou no evento xunto coa empresa amesá Tecalis, que ten a súa sede no parque empresarial do Milladoiro e que está especializada no sector tecnolóxico. O director xeral de Tecalis, Isidoro Martínez, e mailo alcalde de Ames, Blas García, presentaron o proxecto Tecalis Avatar Identity Technology. Trátase dun proxecto que está desenvolvendo dita empresa para identificar e verificar a identidade dos avatares nas cidades do metaverso. O obxectivo é certificar calquera perfil dixital no universo virtual.

Presentación do proxecto Tecalis Avatar Identity
O alcalde de Ames, Blas García, foi encargado de abrir a presentación e destacou que “o concello de Ames dispón dun HAB tecnolóxico e innovador humilde pero moi importante, onde ten a súa sede a empresa Tecalis. Isidoro Martínez e Alberto Campos son membros de Tecalis e son dúas persoas que naceron en Ames e que continúan coa súa empresa no noso concello, cando poderían ter a súa sede en cidades como Madrid, A Coruña, Barcelona ou Valencia. Para finalizar quero dicir dúas palabras: metaverso e seguridade”.

A continuación o director xeral de Tecalis, Isidoro Martínez, foi o encargado de presentar o proxecto Tecalis Avatar Identity Technology. “O metaverso vai a transformar as nosas vidas. Hai moitas organizacións e organismo públicos que están facendo grandes investimentos no metaverso dende hai algún tempo. O metaverso ofrécenos grandes oportunidades pero tamén ten grandes riscos. O maior risco que existe no metaverso é a xestión da identidade das persoas. No metaverso podemos facer practicamente calquera cousa: visitar un museo, abrir unha conta bancaria, facer un trámite na administración pública, etc. Pero que sucede se nos suplantan a nosa identidade? Como podemos saber se a persoa coa que estou falando é realmente quen di que é? Tecalis Avatar Identity é a tecnoloxía que resolve estas preguntas. Trátase da primeira solución do mundo de verificación de identidade con DNI para o metaverso”.
 
Isidoro Martínez continuo explicando “simplemente empregando o DNI e escaneando o anverso e reverso do mesmo, ou con un NIE ou pasaporte de calquera dos 193 países cos que temos compatibilidade, vaise a poder facer esta proba para a cal é preciso facer un selfie da persoa. Para iso escanearase o rostro da persoa e farase unha proba biométrica e tamén un mapa morfolóxico da persoa para construír un avatar, unha identidade dixital soberana, que vamos a poder usar en calquera dos metaversos e así poder ofrecer a cidadanía a seguridade necesaria. Todo este proceso vai a ter unha duración de tan só un minuto e tan só necesitamos un teléfono móbil para poder facelo”.  

Premios para as empresas SinapSysTec, SBNClima e Miivo Mobility
O evento estivo composto por tres bloques de presentacións nos que as empresas, acompañadas polo alcalde ou a alcaldesa do seu municipio, tiveron que defender o seu proxecto nun prazo de tempo reducido. Ao final do evento entregáronse dous premios, un deles foi para a peme SynapSysTec, de Almería, que recibiu o premio á empresa máis innovadora na categoría de innovación tecnolóxica, mentres que a empresa SBNClima, de Aranda de Duero, gañou o premio polo proxecto máis innovador no ámbito da innovación social e urbana.

Ademais, entregouse unha mención especial á empresa máis influencer, que recaeu en Miivo Mobility, de Paterna, por xerar a maior difusión e interacción en redes sociais durante os días previos ao encontro.

Como complemento ao evento, as empresas participantes en Innpulso Emprende teñen tamén a oportunidade de participar no VLC Startup Market, un gran escaparate para empresas innovadoras e tecnolóxicas que, promovido por Valencia Activa, celébrase ao longo de toda a fin de semana nas rúas da cidade.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Tecalis presenta su DNI virtual"

El Correo Gallego: "Tecalis mostró en Valencia su proyecto para ‘fijar’ identidades en el metaverso"

AMSGO!: "Presentado o proxecto Avatar Identity Technology da empresa amesá Tecalis"

O Concello de Ames e Tecalis presentan o proxecto Tecalis Avatar Identity Technology no evento Innpulso Emprende celebrado en Valencia

Multimedia

  • O Concello de Ames e Tecalis presentan o proxecto Tecalis Avatar Identity Technology no evento Innpulso Emprende celebrado en Valencia
  • O Concello de Ames e Tecalis presentan o proxecto Tecalis Avatar Identity Technology no evento Innpulso Emprende celebrado en Valencia
  • O Concello de Ames e Tecalis presentan o proxecto Tecalis Avatar Identity Technology no evento Innpulso Emprende celebrado en Valencia
  • Embedded thumbnail for