Pestanas principais

O Concello de Ames e a organización Acción contra a Fame colaboran nun programa de apoio ás persoas emprendedoras

Sábado, 14 de outubro de 2017

[14-10-2017] O vindeiro xoves, 19 de outubro, dará comezo o programa de apoio ao emprendemento Vives Emprende, que procura facilitar o acceso ao mundo laboral ás persoas desempregadas en situación de vulnerabilidade, a través da adquisición e mellora de competencias emprendedoras. Organizado polo Concello de Ames, en colaboración coa delegación de Acción contra a Fame de Galicia, o proxecto desenvolverase ata finais de 2017.

O programa Vives Emprende está dirixido a persoas do concello de Ames desempregadas ou con empregos precarios, que teñan unha idea emprendedora e que estean a pensar en levala a cabo. Neste proxecto abordaranse fundamentalmente dúas áreas, que se consideran chave á hora de desenvolver unha iniciativa emprendedora con éxito. Por unha banda, estarán os contidos de carácter técnico vinculados ao desenvolvemento da idea, ao plan de negocio, á análise económica e financeira, aos aspectos xurídicos e legais e ao acceso ao financiamento. Pola outra banda, estarán os contidos competenciais, que incluirán o desenvolvemento de habilidades emprendedoras que axuden ás persoas a afrontar o proceso de forma eficiente e eficaz.

A concelleira de Promoción Económica, Isabel González, considera fundamental a posta en marcha deste proxecto en Ames: “O convenio de colaboración coa organización Acción contra a Fame, permitirá que o programa Vives Emprende chegue ao noso concello, o que é moi importante, xa que apoiará a aquelas persoas emprendedoras no desenvolvemento do seu proxecto de negocio”.

Os contidos traballaranse en obradoiros grupais, que serán acompañados de titorías individualizadas nas que se fará unha diagnose e un acompañamento do desenvolvemento do proxecto empresarial de cada persoa. O obxectivo principal do Vives Emprende é o de fomentar o espírito emprendedor entre as persoas participantes, coa finalidade de facilitar o seu acceso ao mundo laboral, a través do emprego por conta allea ou do autoemprego. O primeiro dos obradoiros que conforman o proxecto desenvolverase o vindeiro xoves, 19 de outubro, no Centro de Formación e Emprego do Concello de Ames, situado na urbanización Aldea Nova. Nel, traballaranse as nocións básicas para dar os primeiros pasos e transformar unha idea nun modelo de negocio.

As persoas interesadas pódense pór en contacto coa técnica de emprendemento, María Lloves, a través do enderezo de correo electrónico mlloves@accioncontraelhambre.org ou do número de teléfono 689 869 465, así como a través deste formulario https://goo.gl/Efb14L


Contido relacionado


El Correo Gallego: "Achegamento ao traballo para os desempregados amesáns en risco"