Pestanas principais

O Concello de Ames e o Sergas analizan in situ os traballos que hai que realizar no centro de saúde do Milladoiro

Venres, 22 de agosto de 2014

[22-08-2014] Nos últimos días os técnicos municipais do Concello de Ames mantiveron unha reunión cos técnicos do Sergas para analizar e planificar os traballos que hai que executar para reformar a cuberta do centro de saúde do Milladoiro. O alcalde de Ames, Santiago Amor, o concelleiro de Obras e Urbanismo, Alfredo Taboada, visitaron xunto cos técnicos municipais e do Sergas o centro de saúde do Milladoiro, para comprobar de primeira man as obras que son necesarias para reformar o tellado deste edificio. O Concello de Ames valora en preto de 50.000 euros o custo dos traballos que habería que realizar.

Os servizos técnicos de Urbanismo do Concello de Ames realizaron unha memoria valorada sobre as obras de reparación que habería que executar para reformar o tellado do centro de saúde do Milladoiro. Nos últimos días os técnicos municipais reuníronse con técnicos do Sergas para darlle traslado desta memoria de obras e para visitar o centro de saúde do Milladoiro, onde puideron ver de primeira man o estado actual da cuberta deste edificio. Nesta visita tamén participaron o alcalde de Ames, Santiago Amor, e o concelleiro de Obras e Urbanismo, Alfredo Taboada.

Na devandita memoria recóllese que hai que realizar varias actuacións encamiñadas a solucionar os problemas de entrada de auga neste edificio. Para solucionar estes problemas o Concello de Ames pretende levar a cabo varias obras no centro de saúde do Milladoiro. Primeiro haberá que desmontar as tellas do tellado e as placas de fibrocemento dos bordes dos canelóns, para poder limpar con auga a presión o canelón interior, as placas de fibrocemento, as zonas de babeiro co edificio colindante e a fachada do edificio. De seguido, procederase á demolición do peche de pavés e a impermeabilización do canelón interior.

Outros traballos que haberá que realizar serán a reparación de gretas das placas de fibrocemento con impermeabilización; o selado da entrega de babeiro de plomo co edificio colindante; a execución de encontros con chemineas e paramentos; e a colocación de tella cerámica curva con ganchos de aceiro inoxidable e tomada con espuma de poliuretano.

Por último, a memoria de obras tamén contempla traballos de carpintería exterior de aluminio lacado negro e dobre cristal con cámara de seguridade; a substitución de vidros con roturas, do lucernario de patio; o revestimento de fachada con pintura; e a reposición do falso teito de escaiola, e posterior pintado. A contía destas obras ascende a un importe de 47.183,18 euros.



Contido relacionado


El Correo Gallego: "Sergas y Concello arreglan el centro de salud de O Milladoiro"
La Voz de Galicia: "Técnicos del Sergas planifican los trabajos en el centro de salud de Milladoiro"