[07-11-2011] O alcalde de Ames, Santiago Amor, mantivo unha reunión esta mañá con Xerardo Conde Roa, alcalde de Santiago. A reunión enmárcase dentro do ciclo de encontros que o novo goberno amiense está a manter cos rexedores dos municipios da comarca e nos que se pon sobre a mesa o tratamento de temas en común. Santiago Amor, e Conde Roa coinciden en que a colaboración institucional dende o diálogo é primordial entre concellos próximos, como acontece con Ames e Santiago. Na reunión mantida esta mañá os alcaldes acordaron a creación dunha comisión, composta por dous concelleiros de cada Corporación, que comezará de inmediato a traballar para mancomunar esforzos entre ambos municipios.
Conde Roa avanzou que os dous primeiros temas sobre os que se traballará será a mellora dos accesos peonís de Ames a Santiago e o transporte público entre os dous concellos. Sobre a primeira das cuestións, afirmou a necesidade de actuar para facilitar a conexión dos peóns entre o Milladoiro e Santiago, que actualmente non resulta posible. Respecto ao transporte público, indicou que se realizará un estudo para "saber cantas persoas de Ames se desprazan cada día a Santiago e así determinar a dispoñibilidade de transporte público necesario para atender esta demanda".
Outros temas sobre os que traballarán ambas corporacións serán as melloras en materia de tráfico, os estacionamentos de borde ou os coidados do río Sar. Trátase, segundo Santiago Amor, de avanzar na idea de "mancomunar esforzos", o que redundará nun "abaratamento de custes" que repercutirá así mesmo en "menores impostos " e nunha "mellor conectividade". Nese propósito incidiu tamén Amor resaltando o "achegamento e o diálogo fluído" producido neste campo. O rexedor compostelán tampouco descartou para o futuro, en función da situación dos contratos actuais, colaboracións en servizos como a recollida do lixo ou o abastecemento de auga.
Parque de bombeiros
Unha das cuestións sobre a mesa foi o do parque comarcal de bombeiros. Conde Roa estimouno necesario e apuntou que "o problema non é de ubicación, senón de dar servizo e de optimizar os recursos". Nese sentido, considerou agora prioritario sentarse coas outras dúas administracións implicadas, Xunta e Deputación da Coruña, para coñecer a dispoñibilidade orzamentaria.
Preguntado polo futuro das instalacións paralizadas en Salgueiriños, o alcalde afirmou que "intentaremos que se remate; se pode ser como parque comarcal ben, e se non pode ser, como municipal". Neste punto, o rexedor amiense recordou que a súa Corporación aprobara a cesión dunha parcela como alternativa para o parque comarcal ante a paralización do proxecto inicial de Salgueiriños.
Contido relacionado
La Voz de Galicia: "Santiago y Ames abren contactos para mancomunar servicios"