Pestanas principais

O Concello de Ames e JUPEMI inauguran a Casa dos Maiores do Milladoiro

Luns, 16 de setembro de 2019

A Casa dos Maiores xa é unha realidade no Milladoiro. O Concello de Ames e a Asociación de Xubilados e Pensionistas do Milladoiro (JUPEMI) levaron a cabo, este venres, a súa inauguración no baixo do número 3 da rúa Figueiras, no antigo local de JUPEMI. O Concello de Ames procedeu a municipalizar a súa xestión o pasado mes de abril, recollendo unha vella demanda do colectivo. Nun local ateigado para á ocasión, os asistentes puideron gozar dunha pequena merenda con doces elaborados polos socios e socias de JUPEMI.

Froito do acordo alcanzado entre o Concello e JUPEMI, a administración local vén de asumir directamente os custes de alugueiro, suministros, limpeza ou reparación do local. Neste sentido, o Concello de Ames procedeu xa ao pintado do mesmo e ao cambio dos estores e da rotulación. Asemade, vanse poñer en marcha unha serie de actividades de envellecemento saudable. A Asociación de Xubilados e Pensionistas do Milladoiro seguirá a manter as súas actividades propias, como as de ximnasia de mantemento, coro ou baile.

No acto de inauguración da Casa dos Maiores, a presidenta de JUPEMI, Isabel Expósito destacou que “na vida é moi importante querer e ser queridos. Nós aquí aspiramos a ser amigos, a pasalo ben, a aprender cousas, a preocuparnos os uns polos outros e facer piña entre nós. Todos somos conscientes de que non hai unha cuarta idade, polo que temos que aproveitar a terceira a tope. Quero darlle as gracias de forma moi especial á concelleira de Benestar Social, Luísa Feijóo, que non houbo unha soa vez que a chamaramos e non viñera ou que non nos escoitara. E non houbo unha soa vez que nos prometera algo e que non o fixera”.

A concelleira de Benestar Social, Luísa Feijóo, destacou pola súa banda que “Ames é un concello moi novo pero temos unha ampla porcentaxe de persoas dunha idade un pouco máis avanzada e o noso compromiso é ter a esas persoas maiores atendidas e que teñamos unha terceira idade activa, forte, saudable e participativa. Tendes moitísimo que ofrecernos, moitísimo que dar e moito que ensinarnos. Esperemos que durante moitos anos poidamos seguir traballando da man e seguir dando contido a esta Casa dos Maiores”.

Asemade, Luísa Feijóo engadiu que “ás actividades que xa temos en marcha como os obradoiros de memoria, a ximnasia terapéutica, a ximnasia acuática (SANAUGA), as escolas de maiores, os obradoiros de voluntariado, o programa CONECTAD@S, etc., queremos seguir aumentándolle outras en prol do envellecemento saudable e activo. Queremos que este sexa un espazo de referencia para os nosos maiores, un pequeno paso cara a consecución de espazos de xuntanza e de lecer , espazos que poidan sentir como propios e nos que se poidan desenvolver diferentes actividades”.

Ligazóns:

El Correo Gallego: "O Milladoiro cuenta ya con una Casa dos Maiores de gestión municipal"

Imaxe da Casa do Maiores, no Milladoiro

Multimedia

  • Acto de inauguración da Casa do Maiores, no Milladoiro
  • Acto de inauguración da Casa do Maiores, no Milladoiro
  • Acto de inauguración da Casa do Maiores, no Milladoiro
  • Acto de inauguración da Casa do Maiores, no Milladoiro
  • Acto de inauguración da Casa do Maiores, no Milladoiro
  • Acto de inauguración da Casa do Maiores, no Milladoiro