Pestanas principais

O Concello de Ames e a Federación Autismo Galicia colaboran na colocación de máis de 500 pictogramas en dependencias municipais de Bertamiráns e do Milladoiro

Venres, 19 de maio de 2017

[19-05-2017] Esta semana o persoal da Federación Autismo Galicia, en colaboración co Concello de Ames, estivo colocando uns 521 pictogramas en varios edificios e dependencias municipais de Bertamiráns e do Milladoiro. Con esta iniciativa búscase axudar a superar as barreiras cognitivas que afrontan persoas con dificultades cognitivas, como aquelas diagnosticadas cun Trastorno de Espectro de Autismo (TEA), ou, por exemplo, estranxeiras que non lean con fluidez os idiomas galego ou castelán. Anteriormente, en outubro de 2016 colocáronse 70 pictogramas no centro de saúde do Milladoiro.

Os edificios públicos do concello de Ames son, a partir de hoxe, máis comprensibles para as persoas con Trastorno do Espectro do Autismo (TEA) grazas ao programa de accesibilidade cognitiva promovido pola Federación Autismo Galicia e que suma máis de 2.000 pictogramas colocados en toda a Comunidade. Desta forma os dous principais núcleos de poboación de Ames, O Milladoiro e Bertamiráns contan desde esta semana con 521 pictogramas en diferentes edificios públicos e instalacións municipais.

A concelleira de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, Luísa Feijóo, explica que “cando se fala de accesibilidade o primeiro no que pensamos é en temas estruturais e arquitectónicos, accesibilidade física, pero este é só un aspecto dun concepto global e universal que está conformado polas características físicas pero tamén polas sensoriais e cognitivas. Para poder falar dunha sociedade plenamente accesible temos que prestar atención a estes tres aspectos co obxectivo de desenvolvelos e conseguir unha inclusión plena”.

As persoas con Trastornos do Espectro do Autismo (TEA) son pensadores visuais, polo que comprenden mellor a información que se presenta de forma visual. Por iso, para facer a súa contorna máis accesible utilízanse os pictogramas, que son debuxos sinxelos que representan obxectos e accións de maneira simplificada. Ademais, esta anticipación con imaxes favorece a comprensión tamén de persoas con dificultades cognitivas como persoas maiores, estranxeiros e a calquera persoa que poida ter dificultades de comunicación.

Mellora en materia de accesibilidade
Luísa Feijóo sinala que “instalando estes pictogramas grazas á colaboración da Federación Autismo Galicia nas instalacións municipais damos un paso cara adiante en materia de accesibilidade, reducindo a incerteza e ansiedade de un colectivo que se sinte na maioría das veces perdido e excluído. Deste xeito, a comprensión do entorno vólvese estruturado eliminando factores de estrés. O obxectivo final é beneficiar non só a persoas con TEA, senón tamén a persoas maiores, estranxeiras ou poboación que poida ter problemas de comunicación favorecendo a creación dun entorno comprensible que fomente a participación e a autonomía das persoas”.

Cristina Couto, responsable da área de programas, e dúas técnicas da Federación Autismo Galicia foron as encargadas da colocación destes pictogramas que remata este venres, contando en todo momento co apoio e a implicación do Concello de Ames. Os pictogramas foron colocados na Casa do Concello; Casa da Cultura; departamento de Servizos Sociais; biblioteca municipal; piscina municipal A Telleira, pavillón polideportivo (Bertamiráns), así como nas Oficinas Xerais; no departamento de Servizos Sociais; Casa da Cultura; pavillón polideportivo e biblioteca municipal (Milladoiro).

Xornada formativa sobre o TEA
Por outra banda, este sábado, 20 de maio, o auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns acolle a primeira xornada formativa sobre o Trastorno do Espectro Autista (TEA), na que se darán a coñecer os resultados dun estudo, levado a cabo polo investigador da Universidade de Santiago de Compostela, Marcos Pinaque, sobre o grao de implicación socioeducativa das persoas con TEA na provincia da Coruña. Nesta xornada, que organiza a Concellaría de Educación e Cultura, colaboran a Deputación da Coruña, as Universidades de Santiago e A Coruña, O Colexio de educadoras e educadores sociais de Galicia, Nova escola Galega, Autismo Galicia, Grupo de Investigación Stellae, Arcea Adames e a Rede de investigación en educación e formación para a cidadanía e a sociedade do coñecemento.

Os obxectivos desta xornada son informar sobre o grao de coñecemento que os traballadores das institucións culturais teñen sobre o TEA; promover a sensibilización e formación de ditos traballadores para a inclusión social das persoas con TEA; crear un espazo de intercambio de información sobre boas experiencias e recursos para a inclusión das persoas con TEA nas bibliotecas, os museos, os centros educativos e a universidade entre diferentes profesionais; e favorecer un encontro entre diferentes institucións (bibliotecas, centro educativos, universidades e museos), procurando, en conxunto, formular propostas de inclusión, equidade e igualdade.



Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Instalan 541 pictogramas para autistas en edificios"