Pestanas principais

O Concello de Ames e Espina y Delfín promoven a facturación sen papel no servizo de abastecemento e saneamento

Luns, 05 de agosto de 2019

O Concello de Ames e Espina & Delfín, empresa xestora do ciclo da auga, veñen de lanzar unha campaña para promover a facturación sen papel no servizo municipal de abastecemento e saneamento. O obxectivo é concienciar a todos os habitantes do municipio dos beneficios para o medio ambiente asociados ao sistema do recibo dixital.

Dos 17.643 abonados que ten o servizo de augas de Ames, só 896, un 5,1 % do total, son usuarios da facturación electrónica. É dicir, 16.747 clientes aínda reciben nos seus fogares e negocios trimestralmente, dentro do correspondente sobre, cadansúa folla de gasto.

Isto implica un consumo anual conxunto de 787 quilos de papel, aproximadamente, un volume en cuxa produción, grosso modo, se consumen 255.000 litros de auga, se emiten 2,36 toneladas de dióxido de carbono e se talan 13 árbores. Estes datos figuran no reverso do recibo que nos próximos días chegará aos domicilios dos abonados.

O paso á facturación dixital pode tramitarse de maneira sinxela accedendo á paxina web https://clientes.espinaydelfin.com e aportando aí unha serie de datos que figuran no último recibo en papel emitido. Unha vez que o usuario se dá de alta no sistema recibe unha clave e deixa de gastar papel. Pode entón empezar a consultar a través de Internet os seus consumos históricos e facturas, así como formular reclamacións ou suxestións e facer preguntas, todo sen necesidade de acudir en persoa a ningunha oficina de atención.

A esta campaña conxunta de promoción da facturación sen papel téñense referido nas últimas horas tanto o concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Blas García, como Rosa Blanca Rodríguez, administradora solidaria de Espina & Delfín. “É moi importante que os e as usuarias deste servizo se conciencien da importancia do uso da facturación sen papel, polo enorme beneficio medioambiental que supón e polo aforro que ocasiona”, manifestou o edil, quen engadiu: “Esta é unha aposta moi importante que facemos desde o Concello de Ames conxuntamente coa empresa Espina & Delfín, coa que colaboramos xa noutras campaña de sensibilización, como pode ser a que fixemos sobre o mal uso das toalliñas”.

“Traballar da man do Concello de Ames pola sostibilidade do noso entorno -dixo Rosa Blanca Rodríguez- é unha honra. Viñámolo facendo na xestión do ciclo da auga, aplicando criterios de eficiencia, e agora estendemos esa colaboración en pro dun menor consumo de papel”.

Ligazóns:

Compostela 24 horas: "Ames e Espina & Delfín promoven a facturación sen papel no servizo de auga"

La Voz de Galicia: "Retirar las facturas en papel del agua de Ames salvaría 13 árboles y ahorraría 255.00 litros de agua"

Campaña “Pásate ao recibo sostible”

Multimedia

  • Campaña “Pásate ao recibo sostible”