Pestanas principais

O Concello de Ames e Espina & Delfín fomentan o consumo responsable de auga

Xoves, 20 de xullo de 2023

O Concello de Ames e Espina & Delfín, empresa concesionaria do servizo de auga, fomentan o consumo responsable de auga coa campaña Está na túa man, pecha a billa cando toca. O obxectivo desta iniciativa é concienciar aos veciños da importancia de realizar un uso axeitado dos recursos naturais. A través desta iniciativa trátase de concienciar as veciñanza e anticiparse ás posibles situacións de seca.

Esta mensaxe de sensibilización difundirase a través de carteis informativos que se colocarán nos edificios municipais, nas instalacións do servizo municipal de auga e nas redes sociais e páxinas web de ambas entidades.

A escaseza de precipitacións e as elevadas temperaturas que se esperan para os meses de xullo e agosto teñen un impacto nos caudais ecolóxicos dos ríos. Para poder manter as reservas hídricas durante o período vacacional é imprescindible realizar un consumo eficiente da auga potable.

Durante o 2022, no concello de Ames o consumo medio mensual foi de 190.594 metros cúbicos. Esta cifra superouse durante os seis meses centrais do ano (desde maio ata outubro) e alcanzouse o pico dun maior consumo de auga en xullo, con 233.612 m3, e en agosto, 220.915 m3.

Xullo e agosto levan sendo os meses de maior consumo de auga potable nos últimos tres anos.

  • Xullo 2020: 225.711 m3
  • Agosto 2020: 231.513 m3
  • Xullo 2021: 212.400 m3
  • Agosto 2021: 211.157 m3
  • Xullo 2022: 233.612 m3
  • Agosto 2022: 220.915 m3

Pola contra, os meses de menor consumo foron febreiro de 2020 (147.624 m3), marzo de 2021 (151.854 m3) e febreiro de 2022 (163.920 m3).

Neste primeiro semestre de 2023 o consumo medio mensual foi de 192.480 m3 e o mes con menor consumo foi febreiro, con 159.191 m3.

O alcalde, Blas García, indica que “o verán é a época na que maior cantidade de auga se gasta, tal e como demostran os datos achegados por Espina & Delfín, polo que é moi importante facer un consumo moderado. O consumo de auga, imprescindible nas nosas vidas, aumenta en exceso na época estival o que, acompañado de condicións meteorolóxicas adversas, pode provocar unha diminución nos caudais e as conseguintes medidas restritivas e correctoras de auga”.

Augaconsellos para reducir o consumo de auga
O Concello de Ames xa realizou en 2022 unha campaña para reducir o consumo de auga que volve a publicar este ano. A través de dita campaña achéganse varios “augaconsellos” como ducharse en lugar de darse un baño; utilizar a lavadora e o lavalouzas con cargas completas; limitar o enchido de piscinas; non empregar o retrete como papeleira; racionar a auga para o rego; optimizar o lavado de vehículos; revisar posibles fugas de auga; pechar a billa mentres cepillamos os dentes; e limitar o baldeo e limpeza das rúas. Ademais, un bo consello para as persoas que marchan uns días de vacacións é pechar a chave de paso de auga da vivenda.

Deste xeito, dende o propio Concello tamén se adoptan unha serie de medidas para reducir o consumo de auga como son controlar e reducir o rego dos xardíns e das zonas verdes municipais públicas. Ademais, a empresa Urbaser, concesionaria do servizo municipal de limpeza viaria, reduce a cantidade de auga potable que gasta nos baldeos e servizos de limpeza que realiza polas rúas, beirarrúas e nas prazas municipais.

Todas estas accións e medidas están encamiñadas para reducir o consumo de auga durante está época estival. A auga é un ben colectivo e está en mans de todos e todas garantir o seu subministro na cantidade e calidade axeitada.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Ames repite la campaña que invita al ahorro de agua en los meses de mayor consumo"

Cartaz sobre o consumo responsable de auga

Multimedia

  • Cartaz sobre o consumo responsable de auga
  • Cartaz sobre os augaconsellos