Pestanas principais

O Concello de Ames e Augas de Ames analizan con AEOPAS posibles vías de colaboración no ámbito do abastecemento e saneamento

Sábado, 10 de outubro de 2026

O Concello de Ames e Augas de Ames reúnense cos representantes da Asociación Española de Operadores Públicos de Abastecemento e Saneamento (AEOPAS) para abordan fórmulas de cooperación para a mellora dos servizos públicos da auga e saneamento.

Representantes da Asociación Española de Operadores Públicos de Abastecemento e Saneamento (AEOPAS) realizaron o pasado mércores, 1 de outubro, unha visita institucional ao Concello de Ames co obxectivo de manter unha reunión de traballo co Concello de Ames e coa Empresa Pública Empresarial Local Augas de Ames EPEL.

Na reunión, celebrada na Casa Consistorial, estiveron presentes por parte do Concello e da EPEL, o presidente da EPEL e alcalde de Ames, Blas García; o concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Gustavo Nieto, área da que depende a EPEL; a xerente de Augas de Ames, Genma Otero e a técnica xefa de servizo da EPEL, Verónica Castro. Por parte de AEOPAS estiveron o xerente de AEOPAS, Luis Babiano; o vicepresidente da asociación, Josep Lluís Henarejos; e o técnico Antonio Ramírez. 

Durante o encontro abordáronse diferentes cuestións relacionadas cos servizos que AEOPAS presta ás entidades asociadas, entre elas Augas de Ames EPEL, así como as necesidades e retos vinculados á xestión dos servizos públicos de abastecemento e saneamento.

A reunión serviu tamén para analizar posibles fórmulas de colaboración e cooperación mutua entre AEOPAS, o Concello de Ames e Augas de Ames, especialmente no desenvolvemento de actividades relacionadas co ámbito de actuación e as competencias da entidade pública.

Blas García, alcalde e presidente de Augas de Ames EPEL, expón que “para o Concello de Ames é importante contar con espazos de diálogo con entidades que traballan directamente na defensa e no fortalecemento da xestión pública da auga, así como explorar novas vías de cooperación que poidan ser de interese para Augas de Ames e para o propio municipio”.

Desde o Concello de Ames e Augas de Ames salientouse a importancia deste tipo de encontros para compartir coñecementos e experiencias, coñecer outras formas de xestión pública e explorar novas vías de cooperación que poidan contribuír á mellora dos servizos públicos relacionados co ciclo integral da auga.

Gustavo Nieto, concelleiro de Obras e Servizos Básicos, indica que “esta reunión con AEOPAS foi unha oportunidade para coñecer outras experiencias, intercambiar puntos de vista e analizar posibles colaboracións que nos permitan seguir avanzando na prestación dos servizos públicos de abastecemento e saneamento”.

A visita enmárcase así na relación de colaboración entre AEOPAS e os seus socios e permite continuar avanzando no intercambio de coñecemento e experiencias arredor da xestión pública dos servizos de abastecemento e saneamento. 

Por parte de Augas de Ames EPEL, Genma Otero, xerente da entidade, manifesta “a relación con AEOPAS é especialmente interesante para Augas de Ames porque nos permite formar parte dun espazo de intercambio entre operadores públicos e compartir experiencias, coñecementos e boas prácticas. Durante a reunión puidemos abordar diferentes cuestións relacionadas coa actividade da EPEL e identificar posibles ámbitos nos que desenvolver unha colaboración máis estreita”.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Augas de Ames explora junto a la asociación de operadores públicos del agua potable fórmulas de cooperación técnica"

O Concello de Ames e Augas de Ames analizan con AEOPAS posibles vías de colaboración no ámbito do abastecemento e saneamento

Multimedia

  • O Concello de Ames e Augas de Ames analizan con AEOPAS posibles vías de colaboración no ámbito do abastecemento e saneamento
  • O Concello de Ames e Augas de Ames analizan con AEOPAS posibles vías de colaboración no ámbito do abastecemento e saneamento