Pestanas principais

O Concello de Ames e a asociación Rutasapie organizan unha andaina polo Camiño de Santiago a Fisterra-Muxía

Venres, 28 de abril de 2017

[28-04-2017] O Concello de Ames e maila a asociación deportiva Rutasapie organizaron unha ruta polo Camiño de Santiago a Fisterra-Muxía. Deste xeito, o sábado, 6 de maio, realizarase o primeiro tramo deste Camiño, que discorre dende Santiago de Compostela ata Negreira. A saída farase ás 9:00 horas dende a praza do obradoiro. Trátase dunha actividade gratuíta. Para inscribirse ou solicitar máis información pódese enviar un correo electrónico ao enderezo clubrutasapie@gmail.com ou chamar aos teléfonos 628 287 957 ou 675 680 159.


O Concello de Ames e a asociación deportiva Rutasapie veñen colaborando dende o 2016 na organización de diversas rutas e andainas por diferentes lugares de Galicia e de España. Nesta ocasión organizaron unha andaina polo Camiño de Santiago a Fisterra e Muxía que se desenvolverá o sábado 6 de maio. Durante a xornada do vindeiro sábado realizarase o primeiro tramo deste Camiño, entre Santiago de Compostela e Negreira. A saída está prevista para as 9:00 horas dende a praza do Obradoiro.

O remate da andaina un autobús recollerá aos participantes para regresar a Santiago. Na metade do camiño haberá un punto de avituallamento. Cada participante deberá levar a súa propia comida. Haberá vehículos de apoio ao longo da etapa. Trátase dunha actividade gratuíta. Para inscribirse ou solicitar máis información pódese enviar un correo electrónico ao enderezo clubrutasapie@gmail.com ou chamar aos teléfonos 628 287 957 ou 675 680 159.

A concelleira de Participación e Atención Veciñal e Promoción Económica, Isabel González, anima a todos os veciños e veciñas a participar nesta andaina xa que parte dela transcorre polo termo municipal de Ames. “Ademais, vamos a convidar aos concellos polos que pasa este ruta para que, se así o desexan, se sumen a esta iniciativa. A idea é ir completando o Camiño de Santiago a Fisterra-Muxía por etapas”, apunta Isabel González.

Ruta pola peña Trevinca
Ademais, para esta fin de semana (29 e 30 de abril e 1 de maio) a asociación deportiva Rutasapie organizou unha ruta pola Peña Trevinca na que participarán 23 persoas. O sábado 29 farase unha andaina de 12 quilómetros por Teixadal de Casaio; o domingo 30 percorrerase unha ruta de 18 quilómetros pola Peña Trevinca dende A Ponte; e o luns 1 de maio desenvolverase a última ruta de 14 quilómetros pola Lagoa da Serpe. A saída realizarase o sábado, 29 de abril, ás 06:45 horas, dende a estación de autobuses de Santiago de Compostela. Este mesmo autobús pasará pola estación de tren, ás 06:50 horas, e ás 07:00 horas polo aparcamento de Santa Marta.