- Tematica
O alcalde de Ames, Blas García, e a concelleira de Benestar Social, Uxía García, reuníronse na mañá de hoxe con representantes de AGAMUDI (Asociación Galega de Mundos Diversos), unha asociación de familias con fillos e fillas con discapacidade intelectual e do desenvolvemento que buscan un lugar onde socializar, aprender e desenvolver a súa autonomía de maneira segura. Nesa comitiva estiveron presentes a súa presidenta, Katya Rodríguez, o seu tesoureiro, Anxo Rodríguez, e unha das traballadoras do proxecto EVA, Cristina Sánchez.
O Concello de Ames, na súa aposta pola inclusión, mantivo ne mañá de hoxe, a través do alcalde, Blas García, e a concelleira de Benestar Social, Uxía García, un encontro coa Asociación Galega de Mundos Diversos, AGAMUDI. Nesta xuntanza, estudáronse vías de colaboración entre as dúas entidades co obxectivo de consolidar e ampliar os logros en materia de inclusión. Esta relación nace, en certo modo, grazas ás sinerxias xeradas no club da diversidade que vén de crearse recentemente en Ames.
O obxectivo principal da reunión xirou arredor da formación dos mozos e mozas con discapacidade e a axuda á incorporación ao mundo laboral a partir dos 21 anos, que é o período no que comeza para eles unha situación de maior desamparo, xa que é a idade na que o sistema educativo público xa non os acolle.
O alcalde de Ames, Blas García, sinalou tras o encontro que “Ames ten as portas abertas a colaborar con este tipo de iniciativas”, xa que “somos un concello sensible e integrador e entendemos que as persoas deben estar sempre no foco das nosas políticas”. Na mesma liña se mostrou a concelleira de Benestar Social, Uxía García, quen valorou que “dende este concello sempre intentamos darlle apoio ás persoas con discapacidade e ás familias que as teñen ao seu cargo”. Un apoio “para que poidan acadar unha vida autónoma ou o máis independente posible, integrando e ofrecendo oportunidades reais”.
Os representantes de AGAMUDI foron a súa presidenta, Katya Rodríguez, o seu tesoureiro, Anxo Rodíguez, e unha das traballadoras do equipo que realiza o proxecto de investigación e divulgación EVA, Cristina Sánchez. Dende a asociación valoran moi positivamente o respaldo e o apoio recibido polo Concello de Ames.
AGAMUDI
A Asociación Galega de Mundos Diversos é unha iniciativa que naceu dun grupo de familias que buscaban máis oportunidades para os sus fillos e fillos con discapacidade intelectual e do desenvolvemento, podendo ofrecerlles un lugar para socializar, aprender, desenvolver a súa autonomía e favorecer a súa inserción social e laboral.
Dende a asociación realizan diferentes actividades, como obradoiros ocupacionais, actividades da vida diaria, cursos de teatro e demais actividades de socialización e lecer, co obxectivo de potenciar a creatividade, a concentración e o orgullo do traballo ben feito. A máxima de AGAMUDI é que cada pequeno logro no día a día sexa un gran paso cara á independencia.
A asociación tamén organiza encontros abertos para nais, pais e mozos centrados no futuro persoal e profesional das persoas con diversidade intelectual.
Novas relacionadas
El Correo Gallego: "Ames y Agamudi unen fuerzas para la inserción laboral y formación de jóvenes con discapacidad"





