Pestanas principais

O Concello de Ames e Acción contra a Fame renovan un ano máis o programa de axuda á creación de negocios

Martes, 19 de febreiro de 2019

[19-02-2019] Esta mañá o alcalde de Ames, José Miñones, e maila xestora de programas de Inclusión Sociolaboral en Galicia e Asturias, Susana Quintas, asinaron a renovación do convenio subscrito en 2017 entre o Concello e maila organización Acción contra a Fame. Dita sinatura supón a renovación do programa Vives Emprende, que asesora, forma e facilita o acceso a financiamento a persoas desempregadas ou con emprego precario que desexen emprender, especialmente a mulleres. Durante o 2018, un total de 70 persoas recibiron o apoio de Vives Emprende, das cales 42 foron veciñas e veciños de Ames. Delas, 8 amesás xa teñen en marcha o seu negocio.

O acto de sinatura contou tamén coa participación da concelleira de Promoción Económica de Ames, Isabel González, o axente de desenvolvemento local, Jorge Couñago, e maila técnica de emprendemento de Acción contra a Fame, Itziar Villar. Así, o convenio contempla a renovación do programa Vives Emprende. O Fondo Social Europeo, a través do POISES 2014-2020, financia este proxecto, para o que o Concello cede os espazos que o albergarán.

Mediante este programa, as persoas desempregadas ou con emprego precario de Ames que desexen emprender como opción para mellorar a súa situación laboral de forma estable e duradeira poden acceder este ano a unha nova edición de Vives Emprende, un programa gratuíto que lles ofrece asesoramento, formación e acceso a financiamento para facer realidade as súas ideas de negocio. Ao longo do mes de marzo darase a coñecer a programación dos obradoiros que se impartirán durante este ano. O Vives emprende non deixou de funcionar en Ames, xa que dende o pasado mes de xaneiro impartíronse diversas titorías.

Miñones explicou que “xa é o terceiro ano que se desenvolve o programa Vives emprende no Concello de Ames. Nas edicións anteriores tivo unha moi boa acollida entre os veciños e veciñas e Ames, polo que agardamos que este ano, e é posible, se superen as cifras de usuarios/as de anteriores edicións. O pasado ano 70 persoas recibiron o apoio deste programa e 42 foron veciñas e veciños de Ames. Ademais, 8 veciños e veciñas de Ames xa teñen en marcha o seu negocio”.

Por outra banda, a concelleira de Promoción Económica, Isabel González, destacou que “a renovación do convenio con Acción contra a Fame é moi importante porque permite continuar co programa Vives Emprende, que apoiará a aquelas persoas emprendedoras no desenvolvemento do seu proxecto de negocio”. As persoas interesadas en participar poden contactar co departamento municipal de Promoción Económica, a través do enderezo promocioneconomica@concellodeames.gal, ou dirixíndose a Itziar Villar no correo ivillar@accioncontraelhambre.org ou no teléfono 689 869 465.

Terceiro ano consecutivo deste proxecto en Ames
Vives Emprende dota ás persoas emprendedoras de todas as ferramentas que necesitan para poñer en marcha a súa idea de negocio e acompáñalles durante todo o proceso emprendedor. Durante o exercicio 2018, participaron neste programa un total de 70 persoas, 46 mulleres e 24 homes. Hai que sumar outras 20 persoas que participaron en conferencias soltas, polo que non están rexistradas como participantes. Dese total de 70 participantes, 42 foron veciñas/os de Ames, 10 de Teo, 12 de Santiago, 3 de A Coruña,1 de Padrón, 1 de Val do Dubra e 1 de Ordes.

Ademais, houbo un total de 14 negocios creados, dos cales 8 son de persoas residente en Ames, aínda que son 6 negocios os que teñen o domicilio fiscal en Ames (un de deseño, confección e venda online de vestidos para eventos; outra tenda de impresións e produtos de papelería; unha consultoría/auditoría de calidade; un salón de manicura e pedicura; unha empresa de xardinería e un estudio de fotografía). Os negocios restantes son un servizo de alimentos da horta; un salón de manicura; unha tenda outlet de marcas de roupa; dous servizos de solucións inmobiliarias; un servizo de terapia ocupacional; un servizo de animador sociocultural; e un bar de comidas.

Un itinerario completo para axudar a emprender
Vives Emprende consiste nun itinerario que comprende desde a definición da idea de negocio ata a súa posta en marcha, e, se é necesario, a súa consolidación. Comeza cun diagnóstico de competencias e o deseño dun plan individualizado. De seguido, as persoas participan en sesións de grupo e individuais para adestrar competencias necesarias para emprender como a autoconfianza, a creatividade ou a comunicación, así como a construír un modelo de negocio, elaborar un plan de empresa... Ademais, teñen a posibilidade dun microcrédito de ata 25.000 € para a constitución do seu negocio.

Acción contra a fame é unha organización humanitaria internacional que loita contra as causas e os efectos da fame. Salvan a vida de nenos e nenas desnutridos. Garanten ás familias acceso a auga segura, alimentos, formación e coidados básicos de saúde. Tamén traballan para liberar a nenos, mulleres e homes de ameázaa da fame. En España traballan contra o desemprego e pola inclusión sociolaboral de persoas con dificultades de acceso ao mercado de traballo.



Contido relacionado


El Correo Gallego: "Convenio Vives Emprende para os parados amesáns"
Compostela 24 horas: "Ames e Acción contra a Fame renovan o programa de axuda á creación de negocios"