Pestanas principais

O Concello de Ames e Acción contra a Fame renovan o programa de axuda á creación de negocios

Venres, 20 de abril de 2018

[20-04-2018] Esta mañá o alcalde de Ames, José Miñones, e maila xestora de programas de Inclusión Sociolaboral en Galicia e Asturias, Susana Quintas, asinaron a renovación do convenio subscrito en 2017 entre o Concello e maila organización Acción contra a Fame. Deste xeito, ponse en marcha unha nova edición do programa Vives Emprende, que asesora, forma e facilita o acceso a financiamento a persoas desempregadas ou con emprego precario que desexen emprender, especialmente a mulleres. Un total de 39 veciños de Ames recibiron o apoio de Vives Emprende dende outubro de 2017. Deles, dúas mulleres xa teñen en marcha o seu negocio. Trátase dun servizo de asesoramento en decoración de inmobles e un salón de manicura creativa.

As persoas desempregadas ou con emprego precario de Ames que desexen emprender como opción para mellorar a súa situación laboral de forma estable e duradeira poderán acceder este ano a unha nova edición de Vives Emprende, un programa gratuíto que lles ofrece asesoramento, formación e acceso a financiamento para facer realidade as súas ideas de negocio. Un total de 39 veciños de Ames recibiron o apoio de Vives Emprende en 2017. Deles, dúas mulleres xa teñen en marcha o seu negocio. Trátase dun salón de manicura creativa e un servizo de asesoramento en decoración a base de pezas dunha coñecida marca sueca de mobiliario que inclúe o transporte e montaxe dos mobles.

O alcalde de Ames, José Miñones, e a xestora de programas de Inclusión Sociolaboral de Acción contra a fame en Galicia e Asturias, Susana Quintas, asinaron hoxe o convenio de colaboración que fai posible a renovación de Vives Emprende. O Fondo Social Europeo, a través do POISES 2014-2020, financia este proxecto, para o que o Concello cede os espazos que o albergarán.

Miñones explicou que o programa poñerá especial atención durante o primeiro semestre ás mulleres desempregadas ou en situación de precariedade laboral dado que é a muller quen padece maior taxa de desemprego, contratación temporal, etc. “Esperamos que este ano o programa Vives Emprende teña o mesmo éxito, ou máis se é posible, que en 2017. No último trimestre do ano pasado, a través deste proxecto, creouse en Ames un servizo de asesoramento en decoración de inmobles e un salón de manicura creativa”, engadiu.

Segundo ano consecutivo deste proxecto en Ames
No acto de firma do convenio tamén participaron a concelleira de Promoción Económica, Isabel González, o axente de desenvolvemento local, Jorge Couñago, e maila técnica de emprendemento de Acción contra a Fame, Itziar Villar. Isabel González destacou a posta en marcha por segundo ano consecutivo deste proxecto en Ames. “A renovación deste convenio de colaboración coa organización Acción contra a fame, volverá permitir que o programa Vives Emprende chegue de novo ao noso concello, o que é moi importante, xa que apoiará a aquelas persoas emprendedoras no desenvolvemento do seu proxecto de negocio”.

Vives Emprende dota ás persoas emprendedoras de todas as ferramentas que necesitan para poñer en marcha a súa idea de negocio e acompáñalles durante todo o proceso emprendedor. “Analizamos a súa idea, estudamos a súa viabilidade, desenvolvemos xuntos o seu plan de negocio…, e á vez axudámoslles a dotarse das competencias que necesitan como para ser emprendedoras, por exemplo, tomar decisións, ter capacidade de liderado ou ser flexibles”, expresou Susana Quintas.

En Galicia, 225 persoas xa participaron no programa Vives Emprende e constituíronse 22 negocios. As persoas interesadas en participar poden contactar co departamento municipal de Promoción Económica, a través do enderezo promocioneconomica@concellodeames.gal, ou dirixíndose a Itziar Villar no correo ivillar@accioncontraelhambre.org ou no teléfono 689 869 465.

Un itinerario completo para axudar a emprender
Vives Emprende consiste nun itinerario que comprende desde a definición da idea de negocio ata a súa posta en marcha, e, se é necesario, a súa consolidación. Comeza cun diagnóstico de competencias e o deseño dun plan individualizado. De seguido, as persoas participan en sesións de grupo e individuais para adestrar competencias necesarias para emprender como a autoconfianza, a creatividade ou a comunicación, así como a construír un modelo de negocio, elaborar un plan de empresa... Ademais, teñen a posibilidade dun microcrédito de ata 25.000 € para a constitución do seu negocio.

Acción contra a fame é unha organización humanitaria internacional que loita contra as causas e os efectos da fame. Salvan a vida de nenos e nenas desnutridos. Garanten ás familias acceso a auga segura, alimentos, formación e coidados básicos de saúde. Tamén traballan para liberar a nenos, mulleres e homes de ameázaa da fame. En España traballan contra o desemprego e pola inclusión sociolaboral de persoas con dificultades de acceso ao mercado de traballo.


Contido relacionado


Compostela 24 Horas: "El consistorio local y Acción contra el Hambre renuevan el programa de ayuda a la creación de negocios"