Pestanas principais

O Concello de Ames e Acción contra a Fame poñen en marcha o programa Vives Emprende que inclúe oito talleres formativos para maio

Mércores, 02 de maio de 2018

[02-05-2018] O Concello de Ames e maila organización Acción contra a Fame renovaron o pasado 20 de abril o convenio do programa de axuda á creación de negocio. A través deste acordo ponse en marcha unha nova edición do programa Vives Emprende, que asesora, forma e facilita o acceso a financiamento a persoas desempregadas ou con emprego precario que desexen emprender, especialmente a mulleres. Deste xeito, durante o mes de maio impartiranse un total de 8 talleres formativos. O primeiro impartirase este xoves, 3 de maio, sobre as ferramentas de construción de modelos de negocio. Estas actividades serán impartidas pola técnica de emprendemento de Acción contra a Fame, Itziar Villar, nas oficinas municipais situadas na rúa Viorneira , número 6.


As persoas desempregadas ou con emprego precario de Ames que desexen emprender como opción para mellorar a súa situación laboral de forma estable e duradeira poderán acceder este ano a unha nova edición de Vives Emprende, un programa gratuíto que lles ofrece asesoramento, formación e acceso a financiamento para facer realidade as súas ideas de negocio. O Fondo Social Europeo, a través do POISES 2014-2020, e a Xunta de Galicia a través subvencións destinadas a realizar programas de interese xeral para fins de carácter social con cargo á asignación tributaria do 0,7 % do imposto sobre a renda das persoas físicas, financian este proxecto, para o que o Concello cede os espazos que o albergarán. Vives Emprende dota ás persoas emprendedoras de todas as ferramentas que necesitan para poñer en marcha a súa idea de negocio e acompáñalles durante todo o proceso emprendedor.  

Deste xeito, durante o mes de maio impartiranse un total de 8 talleres formativos. O primeiro impartirase este xoves, 3 de maio, sobre as ferramentas de construción de modelos de negocio. As persoas asistentes poderán coñecer e aplicar ferramentas técnicas para obter unha primeira definición do seu modelo de negocio como base para o desenvolvemento dun plan de empresa. Tamén se falará de como traballar de xeito práctico e sinxelo a idea emprendedora e definirase o proxecto nun lenzo que permitirá entendelo dunha soa ollada. Este taller gratuíto desenvolverase en horario de 9:30 a 13:30 horas.

O segundo obradoiro formativo desenvolverase o 8 de maio e tratará sobre o marketing: estudos de mercado e clientela (técnicas de investigación, recollida de datos e coñecer á clientela obxectivo desde todas as perspectivas posibles). O 16 de maio continuarase co plan de marketing e comercialización. Neste caso para coñecer os aspectos e variables básicas do marketing e a súa aplicación a un proxecto empresarial. Os participantes poderán obter un primeiro borrador resumen do plan de marketing. O 22 de maio tratarse de coñecer as competencias emprendedoras a través dunha ferramenta de gamificación. 

Comunicación e estudo de viabilidade
Para o 24 de maio está previsto o taller denominado a miña empresa na Internet: RRSS e comercio electrónico, onde se aprenderá a comunicar e vender un determinado produto/servizo a través da rede, redes sociais, páxinas web e o seu posicionamento. O 29 de maio abordarase o estudo de viabilidade: plan económico. Os participantes neste taller farán unha análise económica e financeira do seu proxecto. Tamén se falará da presentación de informes, estudo de liquidez e alternativas de financiamento. Por último, o 31 de maio tratarse o traballo en equipo e maila comunicación (adestramento da capacidade de relación, a comunicación e o traballo en equipo. Tratarase de facerlles ver aos participantes a importancia da escoita activa, da comunicación non verbal e da asertividade).

Estes talleres serán impartidos pola técnica de emprendemento de Acción contra a Fame, Itziar Villar, e profesionais especialistas en cada tema, nas oficinas municipais situadas na rúa Viorneira, número 6, en horario de mañá, de 09:30 a 13:30 horas.

Novo regulamento europeo de protección de datos
Ademais, para o 15 de maio vaise organizar outro taller sobre o novo regulamento europeo de protección de datos no que se falará das principais novidades do regulamento e de como adaptarse ao novo regulamento. O 25 de maio de 2016 entrou en vigor o Regulamento Xeral de Protección de Datos que substituirá á actual normativa vixente e que comezará a aplicarse o 25 de maio de 2018. Esta actividade, a diferencia das restantes, impartirase en horario de tarde, de 20:00 a 22:00 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro.

As persoas interesadas en participar poden contactar co departamento municipal de Promoción Económica, a través do enderezo promocioneconomica@concellodeames.gal, ou dirixíndose a Itziar Villar no correo ivillar@accioncontraelhambre.org ou no teléfono 689 869 465.

Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Arranca el plan Vives Emprende de Ames con ocho talleres"
Compostela 24 Horas: "El Concello de Ames y Acción contra el Hambre ponen en marcha el programa Vives Emprende"