Pestanas principais

O Concello de Ames e Acción contra a Fame organizan unha nova edición do programa Vives Emprende

Mércores, 27 de marzo de 2019

O Concello de Ames e maila organización Acción contra a Fame poñen en marcha unha nova edición do programa Vives Emprende, que asesora, forma e facilita o acceso a financiamento a persoas desempregadas ou con emprego precario que desexen emprender, especialmente a mulleres. Deste xeito, durante o mes de abril impartiranse un total de 7 talleres formativos. O primeiro impartirase o vindeiro mércores, 3 de abril, cunha xornada sobre novidades laborais e axudas para emprender. Durante o 2018, un total de 70 persoas recibiron o apoio de Vives Emprende, das cales 42 foron veciñas e veciños de Ames. Delas, 8 amesás xa teñen en marcha o seu negocio. Esta nova edición realizase trala sinatura do convenio do programa de axuda á creación de negocio o pasado 19 de febreiro.

A través deste programa, as persoas desempregadas inscritas como demandantes de emprego, que desexen emprender como opción para mellorar a súa situación laboral de forma estable e duradeira poden acceder este ano a unha nova edición de Vives Emprende, un programa gratuíto que lles ofrece asesoramento, formación e acceso a financiamento para facer realidade as súas ideas de negocio. Vives Emprende dota ás persoas emprendedoras de todas as ferramentas que necesitan para poñer en marcha a súa idea de negocio e acompáñaos durante todo o proceso emprendedor.

Así, por terceiro ano consecutivo, o Concello de Ames e Acción contra a Fame poñen en marcha unha nova edición de dito programa que constará dun total de 7 obradoiros grupais impartidos ao longo do mes de abril e unha ampla programación de titorías individualizadas. Estas titorías teñen como finalidade ofrecerlle aos participantes unha diagnose individualizada e acompañalos no desenvolvemento do proxecto empresarial. Estas sesións comezaron o pasado 1 de xaneiro e estarán a disposicións dos participantes ata o 31 de decembro.

A concelleira de Promoción Económica, Isabel González, destaca que “a formación que recibirán as persoas desempregadas que desexen emprender, a través do programa Vives Emprende, permitirá crear empresas máis fortes e con maiores garantías de éxito. Animo a todos os veciños e veciñas de Ames, que estean nestes intres inscritos/as como demandantes de emprego, que se inscriban neste obradoiros que imparte Acción contra a Fame en colaboración co Concello de Ames”.

Obradoiros que se imparten no mes de abril
Por outra banda, o primeiro dos talleres grupais terá lugar o vindeiro mércores, 3 de abril, e xirará en torno as novidades laborais e ás axudas para emprender. Ao día seguinte realizarase un taller sobre a análise da idea de negocio a través do xogo Lego, e os participantes coñeceran como deseñar a súa proposta de valor. A continuación, o día 10, o obradoiro tratará sobre os estudos de mercado e clientela, a través dos que aprenderá a realizar a análise de posible competencia e unha segmentación de clientes co obxectivo de achegarse da mellor maneira posible ao público ao que se dirixe o seu proxecto.

O xoves 11 falarase sobre o plan de marketing e as alternativas de comercialización, así como do pricing ou estratexia para a fixación de prezo. Á semana seguinte os participantes achegaranse ás competencias emprendedoras necesarias para poñer en marcha un negocio na sesión do día 24 de abril, que deberán poñer en práctica a través do xogo ACTIO. A última semana dos obradoiros deste primeiro semestre do ano estará destinada á rede e a como vender unha idea. Así, o mércores 29 a sesión abordará as redes sociais e o comercio electrónico co obxectivo de darse a coñecer e comprender como se vende a través de Internet.

Estes obradoiros rematarán o xoves 30 cun taller que terá como obxecto a comunicación da empresa, polo que se ofrecerán pautas para realizar unha presentación eficaz enfocada a vender unha idea. Para elo, seguirase o recurso do Elevator Pitch, que consiste en transmitir a idea do proxecto no que se está traballando no tempo que dura un viaxe de ascensor. Durante esta presentación no se busca vender unha idea, senón despertar un profundo interese no receptor para conseguir acceder a unha futura reunión na que se poida profundar de forma minuciosa en dito proxecto.

Ditas actividades serán impartidas en horario de 9:30 a 13:30 horas, a excepción do primeiro taller que terá lugar entre as 10.00 e as 12.30 horas. A encargada de coordinar ditos talleres e de impartir as asesorías individuais será, ao igual que en anteriores edicións, a técnica de emprendemento de Acción contra a Fame, Itziar Villar.

Vives Emprende consiste nun itinerario que comprende desde a definición da idea de negocio ata a súa posta en marcha, e, se é necesario, a súa consolidación. Comeza cun diagnóstico de competencias e o deseño dun plan individualizado. De seguido, as persoas participan en sesións de grupo e individuais para adestrar competencias necesarias para emprender como a autoconfianza, a creatividade ou a comunicación, así como a construír un modelo de negocio, elaborar un plan de empresa... Ademais, teñen a posibilidade dun microcrédito de ata 25.000 € para a constitución do seu negocio.

Terceiro ano consecutivo deste proxecto en Ames
Vives Emprende dota ás persoas emprendedoras de todas as ferramentas que necesitan para poñer en marcha a súa idea de negocio e acompáñalles durante todo o proceso emprendedor. Durante o exercicio 2018, participaron neste programa un total de 70 persoas, 46 mulleres e 24 homes. Hai que sumar outras 20 persoas que participaron en conferencias soltas, polo que non están rexistradas como participantes. Dese total de 70 participantes, 42 foron veciñas/os de Ames, 10 de Teo, 12 de Santiago, 3 de A Coruña,1 de Padrón, 1 de Val do Dubra e 1 de Ordes.

Ademais, houbo un total de 14 negocios creados, dos cales 8 son de persoas residente en Ames, aínda que son 6 negocios os que teñen o domicilio fiscal en Ames (un de deseño, confección e venda online de vestidos para eventos; outra tenda de impresións e produtos de papelería; unha consultoría/auditoría de calidade; un salón de manicura e pedicura; unha empresa de xardinería e un estudio de fotografía). Os negocios restantes son un servizo de alimentos da horta; un salón de manicura; unha tenda outlet de marcas de roupa; dous servizos de solucións inmobiliarias; un servizo de terapia ocupacional; un servizo de animador sociocultural; e un bar de comidas.

As persoas interesadas en participar poden contactar co departamento municipal de Promoción Económica, a través do enderezo promocioneconomica@concellodeames.gal, ou dirixíndose a Itziar Villar no correo ivillar@accioncontraelhambre.org ou no teléfono 689 869 465. Tamén poden entrar na web http://vivesemprende.org/galego/ onde se pode realizar a inscrición ou atopar máis información sobre o programa.

Ligazóns

O Concello de Ames e Acción contra a Fame organizan unha nova edición do programa Vives Emprende

Multimedia

  • O Concello de Ames e Acción contra a Fame organizan unha nova edición do programa Vives Emprende