[14-04-2015] O Concello de Ames dotará de cinco paneis interpretativos con información da ruta que se inicia na praia de Tapia. Esta actuación, enmarcada no proxecto de acondicionamento da senda que discorre paralela ao río Tambre e que chega á localidade de Piñeiro, será sufragada con fondos da Deputación da Coruña. O ente provincial vén de adxudicarlle ao consistorio amesán unha axuda de 8.600 euros. O prazo de execución dos traballos remata en decembro.
A denominada como Ruta do Anduriña percorre a contorna da capela da Madalena, varios muíños, os restos do Castro de Piñeiro, o conxunto parroquial de San Mamede e as fervenzas que forma o regato do Anduriña. O itinerario, duns seis quilómetros de lonxitude, segue un percorrido circular con inicio e fin na praia fluvial de Tapia e foi acondicionado polo obradoiro municipal de emprego Entre Ríos.
O alcalde de Ames, Santiago Amor, indica que a axuda provincial permitirá dar continuidade a unha senda chamada a ser moi percorrida pola súa beleza e dificultade baixa. “Acondicionada por un obradoiro de emprego, sinalizada proximamente con paneis informativos que falan da riqueza natural e arquitectónica da zona e posta en valor definitivo polo uso dos sendeiristas e paseantes, son argumentos que inciden na explotación respectuosa dos nosos recursos físicos e paisaxísticos”, destaca o rexedor.
Contido relacionado

La Voz de Galicia: "La Diputación financia las señales de una ruta senderista desde Tapia"




