[21-06-2013] Desde o pasado sábado, 15 de xuño, as piscinas descubertas de Bertamiráns e do Milladoiro e a área recreativa de Tapia están abertas ao público. Para garantir a seguridade dos usuarios/as destas instalacións, o Concello de Ames dotounas cun operativo de seguridade composto por 8 socorristas e 6 vixiantes. Neste servizo posto en marcha polo Concello a través da selección dos vixiantes e da contratación do servizo de socorrismo tamén colabora a Deputación da Coruña, que concedeu unha subvención de 3.700 euros para este operativo.
O servizo de vixilancia e socorrismo do Concello de Ames estará activo ata o 15 de setembro, incluídos os domingos e os festivos. O horario é ininterrompido, pero hai diferencias entre Tapia e as piscinas. Así, na praia fluvial de Tapia hai catro socorristas. O horario de vixilancia de luns a venres é de 15:00 h a 21:00 horas, mentres que os sábados e domingos este servizo préstase en horario de 11:00 h a 21:00 horas.
Por outra banda, nas piscinas municipais descubertas do Milladoiro e de Bertamiráns hai dous socorristas en cada unha das piscinas. O horario de vixilancia é fixo de 10:30 h a 20:30 horas, de luns a domingo.
Para cubrir este servizo, o Concello de Ames sacou a licitación a contratación do servizo de socorrismo e primeiros auxilios na praia fluvial de Tapia e nas piscinas descubertas. Este contrato foi adxudicado, por un importe total de 48.279 euros, á empresa Brétema Ocio e Tempo Libre.
Para completar os labores de vixilancia o Concello de Ames realizou un proceso selectivo para contratar a seis vixiantes que atenden as instalacións das piscinas municipais descubertas do Concello de Ames durante o período estival. Estes vixiantes son os encargados de realizar tarefas relacionadas co funcionamento das piscinas e co control do cumprimentos das normas das dependencias e os medios. Así, encárganse de abrir e pechar as instalacións, limpalas e coidalas, regar as zonas axardinadas, velar por un uso correcto das instalacións, controlar o acceso ás mesmas e comprobar que as augas dos vasos estean dentro dos parámetros químicos establecidos. Cada piscina ten asignados dous vixiantes, que desenvolverán as tarefas por quendas, polo que sempre haberá unha persoa traballando para manter as instalacións.
Características das zonas de baño
A piscina de Bertamiráns dispón dunhas dimensións de 27 metros de longo por 13 metros de ancho e unha profundidade de 1,70 metros. No Milladoiro existen dúas piscinas. Unha delas está dedicada ás persoas adultas cunha profundidade de 2,10 metros, mentres que a outra é para os cativos e conta cunha profundidade de medio metro.
A área recreativa de Tapia abarca unha extensión total de 15.000 metros cadrados. Esta enorme área engloba un gran número de instalacións como son a praia fluvial, con dúas zonas de baño no propio río, unha piscina para nenos, as instalacións do club de piragüismo "Ribeiras do Tambre", un muíño rehabilitado, vestiarios, grellas, e un pequeno bar, todo isto rodeado por amplas zonas verdes, onde poder tomar o sol, e zonas de aparcadoiro. Estas instalacións acollen numerosas iniciativas como son os cursos de natación, de iniciación ao piragüismo, etc.
Contido relacionado

La Voz de Galicia: "La playa fluvial de Tapia tendrá ocho socorristas"




