[10-03-2015] O alcalde de Ames, Santiago Amor, o concelleiro de Obras, Alfredo Taboada, a concelleira de Deportes, Ana Ruso, e o presidente do Milladoiro SD, Vicente González, visitaron recentemente o campo de fútbol do Milladoiro, para ver de primeira man as obras acometidas na contorna desta instalación deportiva. A través destes traballos mellorouse o camiño de acceso ata o campo de fútbol e habilitouse unha zona de aparcadoiro. Os traballos, que tiveron un custo de 40.000 euros, foron sufragados con cargo ao Plan de Obras e Servizos da Deputación Provincial da Coruña.
O alcalde, Santiago Amor, destacou que Ames aposta decididamente polo deporte base e federado. Amor sinalou que estes traballos estaban pendentes de execución “practicamente dende o día da inauguración desta instalación municipal”. O rexedor local engadiu que esta obra “foi un compromiso adquirido cos clubs de fútbol que utilizan estas instalacións”.
A actuación realizouse nunha superficie de 2.170 metros cadrados e as melloras consistiron, fundamentalmente, na explanación, nivelación e rasanteo do terreo, así como na aplicación de grava e tratamento de asfalto. Ademais, pavimentouse o acceso ao campo de fútbol e tamén se colocaron 305 metros de bordo de formigón e baldosa de formigón vibrado.
Contido relacionado

La Voz de Galicia: "Termina la obra del aparcamiento del campo de fútbol de Milladoiro"




