Pestanas principais

O Concello de Ames dota aos usuarios/as da Rede de Comedores Escolares de axendas nas que se informa aos pais e nais da alimentación diaria dos alumnos/as

Luns, 28 de outubro de 2013

[28-10-2013] O Concello de Ames, a través da Concellería de Educación e Servizos Complementarios, distribuíu entre os 1.072 usuarios/as da Rede Municipal de Comedores Escolares axendas nas que se informa aos pais e nais de todo o relacionado coa alimentación diaria dos rapaces. O obxectivo destas axendas é facilitar que os pais e nais poidan facer un seguimento nutricional dos seus fillos e fillas, coñecendo os menús diarios e as posibles observacións dos monitores do comedor.

Na axenda de comedores escolares de Ames inclúense os datos de contacto do alumno/a e dos seus pais, así como as posibles intolerancias alimentarias que presenta. Cada día do curso ten a súa propia folla na axenda, na que se detalla por parte dos monitores do comedor o menú do día (primeiro prato, segundo prato e sobremesa). Tamén se inclúen as observacións do monitor/a e hai un espazo reservado para as indicacións que desexen facer os pais e nais dos alumnos.

Nas axendas, das que dispoñen os usuarios/as da rede municipal de comedores, tamén se inclúe unha proposta pedagóxica para o curso 2013-2014. Esta proposta está organizada en diferentes bloques temáticos distribuídos por meses, que inclúen obxectivos a alcanzar e as actividades que se realizan. O obxectivo destas actividades é que os nenos e nenas adquiran bos hábitos alimenticios, aprendendo a coidar o seu corpo e o seu entorno. O Concello de Ames apostou neste curso 2013-2014 por dar continuidade ás axendas de papel, debido ás dificultades técnicas e para os monitores que implicaba a posta en marcha de axendas electrónicas e á importante implantación que ten este sistema entre os pais e nais amienses.

Rede de comedores
O servizo da rede de comedores escolares, un servizo xestionado directamente polo Concello, está dirixido ao alumnado de infantil e primaria, funcionando actualmente no CEIP A Maía, no CEIP Agro do Muíño, no CEIP de Barouta, no CEP de Ventín e na Escola de Educación Infantil do Milladoiro. Con este programa realízase por unha parte un servizo público, facilitando aos cidadáns a conciliación da vida laboral e familiar e por outra, un proxecto educativo no que o obxectivo é que o alumnado aprenda hábitos alimentario sans e un correcto comportamento na mesa, así como as normas básicas de hixiene, respecto, tolerancia, convivencia e educación en igualdade. A elaboración dos menús faise semanalmente de xeito que non se repiten e á vez empréganse ao máximo os produtos de tempada. Ademais, aténdense os casos de tratamentos alimentarios especiais.

O Concello de Ames fai unha importante aposta polos servizos de conciliación da vida laboral e familiar, mantendo durante todo o curso os programas Bos Días Coles e Tardes Divertidas. Deste xeito, os centros educativos están abertos toda a xornada, entre as 7:30 horas da mañá e as 21:00 horas da tarde, facilitando a conciliación. Durante este curso, participan nestes programas de conciliación un total de 400 nenos e nenas.

Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Los usuarios de los comedores escolares de Ames reciben agendas sobre la alimentación"