[11-01-2017] Dende a Concellaría de Educación e Cultura fan balance do investimento feito no período que vai dende setembro de 2015 a outubro de 2016 en diversas obras de reparación e mellora das instalacións, mantemento e subministración nos centros educativos públicos do concello de Ames. En total investíronse 541.301,84 euros, dos cales 182.904,51 euros atinxen a obras de reparacións e mellora de instalacións (albanelería, carpintería, fontanería, electricidade, etc); 260.856,10 euros corresponden a servizos de mantemento periódico (limpeza, mantemento de ascensores e xardinería entre outros); e 96.541,23 euros de pago de diversos tipos de subministración como electricidade, gas, gasóleo e telefonía. As contías de investimentos e as obras realizadas están recollidas nun informe anual que recompila os datos de 12 meses.
As actuacións realizáronse nun total de 11 centros educativos: nas 4 escolas infantís (2 municipais e outras 2 pertencentes á Rede da Galiña Azul da Xunta de Galicia), na Escola de Educación Infantil do Milladoiro, no CEP de Ventín, nos CEIP de Barouta, A Maía e Agro do Muíño, así como nas escolas unitarias da Igrexa (na Tarroeira) e de Covas. No caso do ensino secundario este tipo de custos son asumidos directamente pola Xunta de Galicia.
O concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, explica que “o Concello ten que afrontar diversos gastos correspondentes a pequenas reparacións e mellora das instalacións dos centros de ensino de infantil e primaria, así como os servizos de mantemento periódico e subministración. Todos estes gastos suman unha importante contía para as arcas municipais. Deste xeito, de setembro de 2015 a outubro de 2016 investíronse neste eido máis de medio millón de euros co obxectivo de manter en bo estado once centros escolares públicos. Este informe manifesta que incrementamos nun 50% o investimento anual nos centros escolares públicos en relación ao anterior goberno”.
Durante o período que vai de setembro de 2015 a outubro de 2016 investíronse 541.301,84 euros en diversas obras de reparación e mellora das instalacións, mantemento e subministración nos centros educativos públicos do concello de Ames. Así, 182.904,51 euros atinxen a obras de reparacións e mellora de instalacións: albanelería, carpintería, fontanería e electricidade (estes catro conceptos supoñen o 75% deste importe), entre outros. A contía de 260.856,10 euros corresponde a servizos de mantemento periódico, tales como limpeza (que supón o 82% deste concepto con 214.210,23 euros) ou o mantemento de ascensores e xardinería, entre outros. Por último, 96.541,23 euros aboáronse en concepto de subministración como electricidade (o 70% deste concepto, con 68.459,01euros), gas, gasóleos e telefonía.
Reparacións e mellora das instalacións
Debullando os datos por centro, no CEIP de Barouta investíronse 35.120 euros na reparación do tellado do pavillón, na reparación do parque infantil e na nova área de xogos. Asemade, realizáronse diversos traballos de albanelería, electricidade e fontanería. No CEIP da Maía o gasto foi de 24.933 euros. Neste caso as actuacións máis importantes corresponderon a reforma dos aseos do patio do edificio de primaria, diversas reparacións das instalacións eléctricas e a reparación do parque infantil e da área de xogos.
Á mellora das instalacións do CEIP Agro do Muíño dedicáronse 7.695 euros en diferentes traballos de fontanería e de carpintería de madeira, aluminio e metálica. O investimento feito no CEP de Ventín foi de 32.787 euros e dedicouse a diversos traballos de albanelería, carpintería de madeira e metálica, electricidade, fontanería e traballos de pintado. Na EEI Milladoiro gastáronse 13.009 euros en melloras de carpintería, calefacción, electricidade, fontanería e na instalación de xogos e do pavimento no parque infantil.
Nas escolas unitaria da Igrexa (A Tarroeira) e de Covas o investimento feito ascende á contía de 6.463 euros. Neste caso os traballos corresponderon a melloras da carpintería, calefacción, electricidade, fontanería e pintado. Mentres que nas escolas infantís municipais O Bosque e A Madalena executáronse melloras de albanelería, carpintería, electricidade, entre outras, por valor de 52.405 euros. Neste caso cómpre salientar a substitución do pavimento de caucho no patio exterior do Bosque (11.955 euros) e a substitución da secadora (1.421 euros) e a instalación dunha caldeira de gas, a regularización do chan radiante, a instalación de termóstatos e a legalización da acometida de gas na Madalena que tivo un custo de 27.237 euros.
Nas escolas infantís pertencentes á Rede da Galiña Azul, investíronse 12.520 euros no centro do Milladoiro, para executar melloras na carpintería, calefacción, fontanería, maquinaria, seguridade, así como para realizar traballos de pintado e xardinería. Por outra banda, no centro de Bertamiráns, que abriu as súas portas no mes de setembro de 2016, gastáronse 6.252 euros para instalar un sistema de alarma e diferentes traballos de electricidade, carpintería e instalación de maquinaria. A estas contías hai que sumarlle 2.260 euros de gastos feitos en concepto de ferretería para todos os centros, así como o traballo desenvolvido pola brigada municipal de obras con persoal propio.
Contido relacionado

El Correo Gallego: "Ames destinó medio millón a mantener los centros educativos"
La Voz de Galicia: "El Concello destinó 541.000 euros a obras en 11 centros escolares"




