Pestanas principais

O Concello de Ames destinou 1.559.376 euros aos distintos programas sociais

Domingo, 23 de xaneiro de 2011

[23-01-2011] O alcalde de Ames, Carlos Fernández, e a concelleira de Benestar Social e Igualdade, Isabel González, compareceron onte pola mañá en rolda de prensa para facer balance de todas as actividades e programas de servizos sociais que se desenvolveron durante o pasado ano. Durante o 2010 a Concellaría de Benestar Social e Igualdade destinou 1.559.376 euros para financiar todas estas actividades. Destes programas puidéronse beneficiar un total de 2.032 persoas. Todos os servizos sociais ofertados polo Concello de Ames están destinados a mellorar as posibilidades e as condicións de vida de todos os amienses, sobre todo de aqueles con necesidades especiais.

A concellaría de Benestar Social e Igualdade desenvolve ano tras ano un conxunto de actividades e programas para a prestación de servizos sociais, a maior parte dirixidos á atención primaria. Axudas económicas para familias numerosas, actividades de envellecemento activo para os maiores, o servizo de transporte adaptado, a mellora de infravivendas, axuda a domicilio, son algún dos servizos que se veñen levando a cabo dende este departamento e que están dirixidos á poboación do concello de Ames, que na actualidade conta con preto de 29.000 habitantes. Poboación que se encontra en continuo crecemento, polo que o número de persoas atendidas cada ano polos servizos sociais vai incrementándose.

Todos os servizos sociais ofertados pola Concellaría de Benestar Social e Igualdade están destinados a mellorar as posibilidades e as condicións de vida de todos os amienses, sobre todo aqueles con necesidades especiais e falta de recursos. Así, no concello de Ames desenvólvese unha serie de servizos sociais de atención primaria entre os que podemos encontrar un programa de información, orientación e asesoramento. A información que recibe cada veciño é persoal, directa e moi próxima a eles mesmos, coñecendo moito mellor a canle de acceso aos recursos sociais existentes e mellorando así a súa calidade de vida. Para desenvolver este programa contouse coa axuda de catro traballadores sociais, así como con dous auxiliares administrativos, unha educadora familiar, unha avogada e unha psicóloga.

Durante o 2010 os gastos de persoal ascenderon a 389.123,32 euros. A concellaría de Servizos Sociais e Igualdade conta con 19 persoas dividas en diferentes departamento (Servizo de Atención á Muller, Oficina de Voluntariado, Servizo de Atención ao Migrante...). O goberno municipal fai un enorme esforzo xa que a maior parte destes programas son sufragados con fondos propios do Concello. Ademais disponse de diferentes achegas de outras administracións dedicadas ao financiamento de diversas actividades e programas sociais.

As mulleres e os migrantes de Ames tamén teñen un servizo de atención dirixido a eles. Ás primeiras, a través do Servizo Municipal de Atención á Muller, e os migrantes, a través do Servizo de Atención a persoas Migrantes (SAMI).

O servizo de Atención á Muller está composto por unha traballadora social, unha auxiliar administrativa, unha asesora xurídica e unha psicóloga. Este servizo ofrece información e asesoramento a todas aquelas persoas que o reclaman. Tamén ofrecen asistencia xurídica a todas as mulleres que non dispoñen de recursos e realizan un importante traballo no eido da violencia de xénero organizando diferentes campañas co fin de concienciar á cidadanía na erradicación desta lacra social.

O SAMI está composto por un mediador intercultural e un asesora xurídica. Mediante este servizo búscase axudar ao asentamento da poboación inmigrante e retornada no noso concello nas mellores condicións para a súa integración social, así como facilitarlles a aprendizaxe da lingua galega e castelá, ademais de apoiar psicolóxica e emocionalmente a estas persoas para facerlles menos traumático o seu proceso migratorio. Dende o SAMI realízanse diferentes actividades, como poden ser clases de español, obradoiros de lingua e cultura galegas e de teatro intercultural.

Actualmente este servizo atende de forma directa e personalizada a preto de 1.800 estranxeiros que están empadroados no concello, ademais dos retornados, que tamén son considerados emigrantes. Dende a asesoría xurídica deste servizo atendeuse durante o 2010 a un total de 298 inmigrantes e retornados. Estas persoas realizaron 597 consultas para resolver diversas cuestións. Ademais, a asesora xurídica abriu 173 expedientes novos de 159 inmigrantes que pasaron por primeira vez pola oficina e 14 retornados que acudiron por primeira vez a este servizo.

A Oficina Municipal de Voluntariado

Dende a concellaría de Benestar Social e Igualdade tamén se xestiona a Oficina de Voluntariado de Ames que está composto por un coordinador de voluntariado. Así, de xeito desinteresado, moitas persoas axudan aos máis necesitados ou desfavorecidos, tanto do concello como dos países máis pobres. Dende a OVA levan a cabo un programa de acompañamento a persoas maiores ou con algunha discapacidade. Tamén para maiores, leva sete anos funcionando a Escola Integral de Maiores, na que os nosos maiores aprenden as nocións máis básicas de lectoescritura ou afianzan os coñecementos que xa tiñan. Clases nas que no ano 2010 participaron un total de 48 alumnos, repartidos entre Bertamiráns e O Milladoiro.

Dende a OVA tamén se desenvolve un programa de apoio escolar e actividades complementarias para nenos e nenas en risco de exclusión social. Para levar a cabo este proxecto é fundamental a colaboración de cinco voluntarias. Este servizo ofrécese en Bertamiráns, onde participaron 8 nenos/as de entre 8 e 14 anos, e no Milladoiro, onde asistiron 18 nenos/as que tiñan entre 7 e 15 anos.

O roupeiro municipal é outra das actividades que desenvolve a OVA, no que este ano recibiron un total de 723 demandas de prendas de roupa, todas elas atendidas. O pasado ano, debido ás dificultades económicas polas que están pasando moitas familias amienses este servizo recibiu un gran cantidade de solicitudes de roupa. Iso provocou que houbera que dobregar os esforzos das voluntarias ampliando o seu número ata nove voluntarias. O ano pasado houbo 203 demandas máis que en 2009. Outras accións que levan a cabo é a recollida de gafas e medicamentos para o Sáhara, recollendo no 2010 450 gafas e 11 quilos de medicamentos.

Por último, dende a OVA tamén se realizan cursos impartidos por voluntarios, como poden ser o curso de español para estranxeiros que se desenvolven tanto en Bertamiráns coma no Milladoiro. No Milladoiro, participaron 11 mulleres de orixe marroquí e en Bertamiráns participaron 8 persoas de diferentes nacionalidades. Este cursos está organizado en colaboración co SAMI. Ademais realizáronse outro tipo de cursos como o de viticultura no que participaron 31 alumnos/as ou o curso de corte, confección e patronaxe ao que asistiron 22 alumnas.

Proxecto Adames

O taller ocupacional Adames tamén forma parte deste programa de inserción social, que supón un custo de 25.000 euros. Este proxecto céntrase na posta en funcionamento dun programa prelaboral para persoas con algún tipo de discapacidade residentes no concello de Ames. Todas as actividades desta aula están dirixidas a aumentar a calidade de vida das persoas con discapacidades gravemente afectadas do concello de Ames.

Este servizo ten por finalidade a habilitación social e a promoción profesional das persoas con discapacidade tendo en conta as súas necesidades e as posibilidades existentes na súa zona de residencia, de forma que lles permita superar os obstáculos que lles supón a súa minusvalía de cara a conseguir a integración laboral e social. A participación destas persoas nas diferentes actividades que se desenvolverán na aula, supón, ó mesmo tempo, unha situación de respiro familiar, na medida en que ofrece a posibilidade de ocupar o seu tempo á marxe do ámbito doméstico.

ADAMES non parte de cero neste proxecto, xa que dende o ano 1999, promovida polos Servizos Sociais Municipais, se está a traballar na mellora da calidade de vida das persoas con discapacidade e os seus familiares. Accións desenvolvidas durante este tempo e que avalan a experiencia desta entidade neste campo son: información e asesoramento tanto ós usuarios coma ás súas familias, sensibilización social, programas de rehabilitación psicosocial, adestramento en habilidades e hábitos laborais, formación en habilidades sociais, habilidades da comunicación, autodirección, ocio e tempo libre, etc.

Todos os anos, con motivo do día internacional da Discapacidade, o Concello de Ames organiza unhas xornadas de postas abertas para dar a coñecer os traballos realizados polo alumnado da aula ocupacional Adames e pór en valor a súa contribución á sociedade. Normalmente organízase unha exposición cos produtos creados polos asistentes a este taller de ocupacional. Dende produtos de papelaría elaborados á man con elementos naturais e deseños orixinais ata bandexas de cristal, son algúns dos produtos que elaboran os alumnos desta aula ocupacional nos diferentes obradoiros que realizan.

Transporte adaptado

Outros dos proxectos levados a cabo pola concellaría é o proxecto de transporte adaptado, que supuxo no 2010 un custo de 80.576,78 euros. Este servizo, que está dirixido ás persoas con dificultades de mobilidade, persoas maiores que viven soas, inclúe os servizos dunha condutora e un auxiliar de transporte que recollen aos usuarios na súa casa e os trasladan aos lugares aos que necesiten ir: ao médico, á administración para realizar os seus trámites, a eventos sociais, etc. O microbús dispón dun total de 11 prazas, 9 prazas para persoas sentadas e 2 para cadeira de rodas.

A través do programa de transporte adaptado, do que se beneficiaron o ano pasado arredor de 250 usuarios, as persoas con problemas de mobilidade teñen a posibilidade de realizar tarefas diarias, tales como acudir aos servizos médicos, realizar xestións administrativas ou asistir a eventos sociais (escola de maiores, cursos, xornadas, actos deportivos, etc.), que doutro xeito non poderían desenvolver. Este programa está xestionado e sufragado integramente pola Administración local.

Programa de educación familiar

A través do asesoramento dunha educadora familiar ofrécese un servizo de educación familiar e social para axudar e orientar a todos aqueles usuarios/as que reclamen axuda para buscar unha saída aos problemas ocasionados no núcleo familiar. Durante o 2010 un total de 38 familias acolléronse ao programa de educación familiar, entre as cales 13 foron novos usuarios, sendo as restantes familias xa atendidas no ano 2009.

O seguimento das familias realizase con visitas semanais ou diarias segundo as necesidades, para ver se cumpren os obxectivos do programa de educación familiar personalizado para cada caso. Para cada unha destas familias fíxose un programa axeitado ás súas necesidades, e realizouse un seguimento e unhas actuacións específicas para cada familia ou usuario/a.

Axudas para as familias

A concellaría de Benestar Social e Igualdade tamén ofrece un programa básico de axuda para as familias con menos recursos. A través do programa de axuda a domicilio préstase servizo a todas aquelas persoas que necesitan da axuda doutra para realizar actos tan cotiás como levantarse e deitarse. Así tamén se ofrece apoio no coidado e na hixiene persoal, así como para vestirse, no control do seu réxime alimentario, na administración de fármacos, no mantemento da salubridade e hixiene da vivenda e sobre os coidados básicos da mesma. Inclúe ademais actividades de acompañamento e socialización do beneficiario, atención a distancia mediante dispositivos de teleasistencia ou adaptacións funcionais do fogar ás súas necesidades. Durante o 2010 atendéronse un total de 85 casos. Estas prestacións tiveron a un custo de 258.225,41 euros.

Tamén se leva a cabo dende a concellaría o servizo de axudas de emerxencia social municipal, co que se pretende que todas as persoas que o necesiten reciban unha cobertura inmediata de necesidades primarias. Así, no 2010 atendéronse 42 familias en situación de emerxencia social. As atención prestada a estas atendidas supuxo un gasto de 26.903,68 euros. Con elo axúdase a familias en dificultades para sacar adiante aos seus fillos aportándolles unha determinada cantidade económica coa que pagar gastos derivados de alimentación, vestido, educación, etc.

Dende o Concello tamén se proporcionan axudas económicas para 74 familias numerosas, o que supuxeron 88.800 euros de gasto. A finalidade destas axudas é proporcionar apoio económico a todas aquelas familias cualificadas como numerosas pola Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia. Ademais aplícanse unhas bonificacións sobre os servizos complementarios (Rede municipal de comedores escolares, programas "Bos días cole" e "Tardes divertidas", exencións no pago das escolas infantís municipais e casos de emerxencia social) das que se poden beneficiar as familias amienses que teñas nenos/as nestes servizos. As bonificacións que se aplican son do 50% ou do 100%. En 2010 aplicáronselle bonificacións a 270 nenos/as. Isto tivo un custo para o Concello de 113.202,34 euros.

Cos nosos maiores

O bonobús destinado a xubilados, pensionistas, persoas con algún tipo de discapacidade e casos de emerxencia social, para os traxectos de ida e volta entre Ames e Santiago, é outros dos gastos sufragados pola Administración local. No 2010 foron 500 os usuarios/as que empregaron este servizo, o que supuxo un gato total de 126.998,94 euros. Todos os beneficiarios puideron adquirir un talón de desconto do 100% do custo para 20 viaxes ao mes.

Amessan, é un programa de atención á terceira idade mediante o que se realizan distintas actividades co fin de conseguir a integración social dos anciáns, así como evitar o seu illamento favorecendo as relacións persoais e sociais. A este programa asistiron arredor de 400 persoas que participaron en actividades de ximnasia terapéutica, expresión a través das mans, expresión musical, baile de salón e nos obradoiro de memoria. O desenvolvemento deste servizo supuxo un custo de 81.332 euros.

Ademais desenvólvese o programa Sanauga que se presenta como unha alternativa de deporte saudable destinado a un colectivo que conta cunhas necesidades de coidado e mantemento moi específicas. Este programa encamíñase sobre todo a atender as necesidades da terceira idade e de xente con algún tipo de discapacidade física, indo máis alá do simple exercicio na auga. Trata de favorecer o benestar físico dos e das participantes, minorando as dores de doenzas nos ósos ou na musculatura por medio de actividades que non requiran un gran esforzo e tendentes á relaxación corporal. O ano pasado un total de 55 persoas participaron nestas actividades. Este programa tivo un custo de 4.800 euros.

Plan municipal de infravivenda

O obxectivo deste plan é arranxar as vivendas ou infravivendas das persoas máis necesitadas do concello que carezan da posibilidade económica de pagar os custos das reformas que necesita nos seus fogares seguindo uns estritos criterios de habitabilidade. A seguridade física das persoas que habitan estas vivendas así como unhas boas condicións hixiénico-sanitarias, os metros cadrados necesarios para ser habitable e unha boa instalación dos servizos de auga e electricidade son algúns dos factores incluídos nos criterios de habitabilidade. O ano pasado o Concello executou obras de mellora en cinco infravivendas. Estes traballos tiveron un custo de 56.818 euros.

Inserción laboral

Este programa ten como finalidade favorecer a incorporación laboral daquelas mulleres que como maltratadas forman parte dun colectivo en risco de exclusión social, polo que se establece a súa preferencia á hora de acceder a contratos de traballo de 12 meses de duración, á participación en escolas obradoiro, á orientación profesional ou ás axudas ao autoemprego. En 2010 contratáronse 13 persoas. Isto supuxo un gato de 282.307,25 euros.

Todos estes programas conforman unha gran variedade de servizos, co mesmo obxectivo de axudar aos grupos máis necesitados e con menos recursos da sociedade amiense, facilitando deste xeito unha mellora da calidade de vida e da integración e interacción social.

Iniciativas solidarias

Pero as achegas do departamento de servizos sociais non remata aí porque ademais ten marcha unha serie de iniciativas solidarias como son o programa "Vacacións en Paz" a través do que a asociación galega Solidariedade co Pobo Saharauí trae ao concello a 5 rapaces/as para que gocen durante xullo e agosto de dous meses de paz inmersos noutra cultura, ao tempo que se lle ofrece unha atención sanitaria de calidade á que non teñen acceso nos campamentos de refuxiados. Os rapaces foron acollidos por 5 familias de Ames que os coidaron durante estes dous meses de verán lonxe das altas temperaturas e da violencia que sofren no seu país. A este programa en 2010 adicáronselle 3.450 euros.

O Concello de Ames tamén é membro do Fondo Galego de Cooperación para a Paz. Deste xeito colabora achegando algunhas contías económicas para determinados proxectos de axuda, reconstrución ou mellora da situación de lugares do terceiro mundo con especiais necesidades desenvolvemento de servizos básicos como alimentación, atención médica, proxecto de mellora da salubridade e condicións de vida dos habitantes das zonas escollidas, etc. En 2010 o Concello de Ames destinou 3.335,45 euros a proxectos que se desenvolveron na vila de Balei, en Cabo Verde, e en Haití, país arrasado por un terremoto hai algo máis dun ano.

Colaboración con JUPEMI

Tamén o largo do ano 2010 se colaborou co Club de Jubilados e Pensionistas de Milladoiro a través do cal o Concello lle abonou a cantidade de 1.000 euros mensuais para o pagamento do aluguer local da asociación. Por último cómpre salientar outro convenio que mantén o Concello, neste caso coa asociación Arcea Adames, a través do cal a Administración local sufraga as actividades que desenvolven os alumnos/as da aula ocupacional que esta asociación ten no Milladoiro. En 2010 aportouse a contía de 6.500 euros para financiar o transporte das pequenas pezas de ferralla que os alumnos da aula ocupacional do Milladoiro realizan e coas que aprovisionaron a diferentes empresas de Galicia. Deste xeito sufragouse o 100% do gasto declarado por esta asociación en concepto de transporte.