Pestanas principais

O Concello de Ames destina máis de 36.900 euros á realización das obras de mellora da rede de saneamento de Oca

Luns, 21 de xaneiro de 2013

[21-01-2013] O Concello de Ames vén de levar a cabo os traballos que permitiron introducir melloras na rede de saneamento do lugar de Oca, na parroquia de Ames. Estas obras, financiadas en parte grazas a unha subvención concedida pola Xunta de Galicia, tiveron un orzamento superior aos 36.900 euros. O obxectivo destas obras foi dar solución a unha serie de deficiencias que impedían o correcto funcionamento desta rede. Ademais, as obras en Oca complementan a outras xa realizadas no municipio amiense para continuar mellorando a rede de saneamento.

Os principais problemas que existían nesta rede de saneamento de Oca eran que o pozo de bombeo existente non era capaz de asumir grandes caudais cando se producían importantes chuvias e que as fosas sépticas non foron correctamente tapadas e seladas no seu momento.

Por estas razóns, e despois de levar a cabo un estudo detallado da situación actual do saneamento, o Concello de Ames detectou a necesidade de acometer unha serie de traballos tendentes a mellorar a situación. Así, en virtude desta axuda enmarcada na liña de subvencións en concorrencia competitiva do Fondo de Compensación Ambiental, levouse a cabo a substitución do pozo de bombeo actual por un pozo de tormentas (de medidas interiores 6,50x6,10x3,00) que permite absorber os caudais derivados de abundantes chuvias.

Ademais, acometeuse a demolición e tapado das fosas sépticas existentes, mellorando a anulación dos colectores que lle daban servizo mediante un dado de formigón que cega a entrada dos mesmos nos pozos correspondentes.


Contido relacionado


El Correo Gallego: "Ames destina máis de 36.900 euros á realización das obras de mellora da rede de saneamento de Oca"