Pestanas principais

O Concello de Ames destina 119.600 euros á promoción de actividades culturais e deportivas e organización de festexos

Martes, 19 de maio de 2015

[19-05-2015] O Concello de Ames vén de aprobar en Xunta de Goberno Local a concesión das axudas destinadas á promoción das actividades culturais e deportivas e á organización de festexos municipais, correspondentes ao 2015. A contía total acada os 119.600 euros, dos que 50.000 destinaranse aos clubs deportivos, 40.000 ás asociacións culturais e 29.600 euros serán para a promoción de festas populares.

O alcalde de Ames, Santiago Amor, indica que a participación social e cidadá é un “gran valor” para o Concello. “Deporte, festas populares e veciños implicados son sinais de identidade deste pobo, dinámico, activo e en permanente crecemento, así que para este goberno municipal é unha obriga respaldar todo o que se poida este tipo de agrupacións e entidades; e así o facemos”, segundo explica o rexedor.  

A finalidade destas achegas son, principalmente, potenciar as actividades deportivas e culturais fomentando a convivencia e a participación veciñal. Ademais, servirán de ferramenta para promover a inclusión da veciñanza dentro das entidades locais, favorecer o autofinanciamento e servir de complemento aos obxectivos perseguidos polas concellarías.  

O importe destinado aos clubs e asociacións deportivas nunca deberá superar os 8.000 euros individuais. No apartado cultural, a cifra máxima por entidade será de 7.500 euros. E no referido á promoción de festexos, o importe individual das axudas dependerá dos habitantes censados en cada parroquia. Así, os lugares con menos de 150 veciños recibirán 500 euros mentres que os que superen os 3.000 obterán 7.000 euros.  

Os colectivos veciñais deberán presentar as súas solicitudes acudindo ao rexistro xeral do Concello de Ames ou a través da sede electrónica. O prazo será dun mes dende a publicación destas bases no Boletín Oficial da Provincial. Á hora de valorar as peticións terase en conta o número de socios, o orzamento estimado para as actividades propostas ou a promoción da lingua galega.