Pestanas principais

O Concello de Ames destaca o investimento da Xunta en infraestruturas educativas e solicita novas actuacións noutros centros do concello

Venres, 23 de xaneiro de 2026

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, visitou hoxe o CEIP de Barouta para ver o remate das obras de renovación da cuberta deste centro educativo, no que están matriculados preto de 200 alumnos e alumnas.

Durante a visita, na que participaron por parte do goberno municipal a tenente de alcalde, Susana Señorís, e a concelleira de Educación, Beatriz Martínez, así como outros concelleiros e concelleiras da Corporación municipal, púxose de manifesto o compromiso da Xunta de Galicia coa mellora das infraestruturas educativas no Concello de Ames, cun conxunto de actuacións en marcha que superan os 15 millóns de euros de investimento.

Neste senso, o conselleiro destacou a construción do novo CEIP do Milladoiro, cuxas obras avanzan segundo o previsto e que cualificou como “un dos proxectos educativos de maior envergadura que temos nestes momentos en Galicia”. Así mesmo, salientou o remate doutra actuación relevante como foi a ampliación do Colexio Agro do Muíño, cun investimento de preto de 3,4 millóns de euros.

No que atinxe á intervención no CEIP de Barouta, Román Rodríguez subliñou a importancia da renovación da cuberta para a mellora da eficiencia enerxética do centro e do confort do alumnado e do profesorado no seu día a día.

Pola súa banda, a concelleira de Educación, Beatriz Martínez, agradeceu a implicación da Consellería con Ames, destacando actuacións como a ampliación do colexio Agro do Muíño, a construción do novo CEIP do Milladoiro e a reparación da cuberta do CEIP de Barouta. Martínez desculpou a ausencia do alcalde por motivos de saúde e trasladou ao conselleiro novas demandas do Concello en materia educativa.

En concreto, solicitou a intervención do ente autonómico nos centros de Barouta, A Maía e Ventín para dar solución a diversas deficiencias relacionadas coa accesibilidade, os servizos de conciliación e a impermeabilización e aclimatación das instalacións. “Somos un dos poucos concellos que medran en Galicia e o máis novo de toda a comunidade. Agradecemos a colaboración da Consellería, pero tamén solicitamos axuda para manter unha educación de calidade”, sinalou.

Detalles da intervención
A obra consistiu na substitución da cuberta existente por unha nova de paneis sándwich de 30 milímetros de espesor, incorporando illamento tanto na cubrición como no forxado. En total, actuouse sobre 1.430 metros cadrados de cuberta inclinada de panel metálico e realizouse a impermeabilización de 392 metros cadrados de cubertas planas. Ademais, instaláronse novos canlóns e baixantes, conectados á rede existente.

Estas actuacións enmárcanse no Plan de nova arquitectura pedagóxica da Xunta de Galicia, orientado á modernización dos centros educativos e á creación de novas prazas escolares en concellos con crecemento demográfico, como é o caso de Ames.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Educación resalta su apuesta por Ames en una visita al colegio de Barouta"

El Correo Gallego: "Doscientos alumnos de Ames dicen fin a las humedades tras sustituirse el tejado del Colexio de Barouta"

CEIP Barouta