Pestanas principais

O Concello de Ames destaca a boa acollida e participación de hostaleiros e comerciantes na Festa do comercio e no Roteiro dos petiscos de Bertamiráns

Venres, 02 de novembro de 2012

[02-11-2012] Os empresarios e hostaleiros de Bertamiráns estanse implicando activamente coa Festa do comercio e o Roteiro dos petiscos, que organiza a Concellaría de Comercio e Promoción Económica do Concello de Ames en colaboración coa Asociación de Comerciantes de Bertamiráns (ACB). Un total de 40 comercios e 15 locais hostaleiros participarán nestas iniciativas, que se desenvolverán entre o 9 e o 18 de novembro.

O concelleiro de Comercio e Promoción Económica, Bernardo Moar, subliña que “o Concello está detectando unha moi boa acollida desta iniciativa entre o sector” e fixo fincapé na “grande participación rexistrada, tendo en conta que se trata da primeira edición tanto da festa como do roteiro”. O concelleiro, que agradeceu o apoio dos colaboradores e patrocinadores, animou aos cidadáns a participar nas dúas actividades, que incluirán sorpresas, descontos, atractivas promocións e sorteos.

Por unha banda, desenvolverase un Roteiro de petiscos durante dúas fins de semana (os venres 9 e 16, os sábados 10 e 17 e os domingos 11 e 18 de novembro) nos locais hostaleiros de Bertamiráns. Ademais, desenvolverase a Festa do comercio dende o venres 9 ata o sábado 17, de xeito ininterrompido, nos comercios desta mesma localidade.

Esta iniciativa realizarase, de forma conxunta, entre os sectores hostaleiro e comercial de Bertamiráns. O Roteiro dos petiscos, que se desenvolve durante a segunda e terceira fin de semana de novembro, estará ligado á Festa do comercio, que se celebrará dende o venres 9 ata o sábado 17, de xeito ininterrompido. Con esta actuación, que está aberta a todos os establecementos situados en Bertamiráns, preténdese impulsar o sector hostaleiro e comercial local.

Os petiscos presentados ao concurso deberan figurar na oferta habitual do establecemento participante e serán servidos de forma gratuíta. Os establecementos participantes deberán servir os petiscos, como mínimo, entre as 13:00 h. e as 15:00 horas, e entre as 20:30 h. e as 23:30 horas.

Os veciños e veciñas que participen no Roteiro poderán puntuar os petiscos que consuman. Deste xeito, será a clientela a que decida o petisco e establecemento gañador. O prazo de votación dará comezo o día 9 e rematará o 18 de novembro, coincidindo coas datas de inicio e final do concurso. Ademais, haberá un sorteo de premios especiais para o público participante. Entre os premios, atópase un televisor, unha estancia nunha casa de turismo rural, un vale dun euro diario nunha panadería durante un mes, vales de compra ou cursos de personal shopper e inglés.

De forma paralela ao Roteiro dos petiscos vaise celebrar a Festa do comercio. O concelleiro de Comercio e Promoción Económica destaca que “o obxectivo desta actividade é dinamizar o comercio de Bertamiráns, que ofrecerá descontos e promocións especiais durante eses días”.


Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Cincuenta y cinco locales participarán en la feria comercial de Bertamiráns"
El Correo Gallego: "Ames destaca a boa acollida e participación de hostaleiros e comerciantes na Festa do comercio e no Roteiro dos petiscos de Bertamiráns"