[04-09-2014] O alcalde de Ames, Santiago Amor, e a concelleira de Benestar Social, María Eugenia Martín, recibiron na Casa do Concello aos nenos/as saharauís que pasaron o verán en Ames. Este sábado, 6 de setembro, regresarán as súas casas. Un ano máis o Concello de Ames mantivo o compromiso e a colaboración co programa Vacacións en Paz, que desenvolve a Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí, para que catro nenos saharauís puideran pasar os meses de xullo e agosto en terras amienses. O alcalde e a concelleira de Benestar Social entregáronlle un bolsa de agasallos e manifestáronlle aos representantes da Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí a súa intención de seguir colaborando o próximo ano con este programa solidario.

Chaabbab, Fatma, Mrabih e Hafdala son os nomes dos dous nenos e das dúas nenas que pasaron o verán en Ames. Os nenos/as saharauís chegaron a Galicia o 7 de xullo e volverán para as súas casas este sábado 6 de setembro. Este ano, unha familia acolleu por primeira vez a un neno saharauí, mentres que as outras tres familias xa participaron nesta iniciativa noutras ocasións.
Pero antes o alcalde de Ames, Santiago Amor, e a concelleira de Benestar Social, María Eugenia Martín, recibiron na Casa do Concello aos nenos/as saharauís que pasaron o verán en Ames. Ademais de falar con eles para coñecer de primeira man a súa experiencia en Ames, o alcalde e a concelleira entregáronlle unha bolsa de agasallos.
A concelleira de Benestar Social, María Eugenia Martín, destacou “a importancia que ten este programa para que os nenos e nenas do Sáhara poidan pasar unhas vacacións tranquilas e divertidas en diferentes localidades galegas”. A edil amiense tamén explicou que “o Concello de Ames mantén o compromiso adquirido coa Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí para que as familias amienses, que así o desexen, poidan acoller todos os anos un neno/a saharauí”.
O Concello de Ames, a través da concellaría de Benestar Social, colaborou un ano máis co programa Vacacións en paz, que leva a cabo a asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí. Este programa preséntase nun marco de solidariedade e axuda desinteresada co fin de propiciarlles unha estancia agradable e humanamente rica aos nenos e nenas saharauís. Trátase de ofrecerlles a estes cativos, que naceron nun clima de guerra, a posibilidade de coñecer outros xeitos de vida, de maneira que iso contribúa, a súa formación.
O goberno municipal asinou de novo este ano un convenio de colaboración coa asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí a través do cal durante os meses de xullo e agosto catro nenos saharauís pasaron as súas vacacións en Ames. O Concello actuou de mediador entre as familias amienses e esta asociación para xestionar a estadía dos nenos/as saharauís en Ames. A Administración local encargouse de pagar o billete de avión (ida e volta) de cada neno/a.




