[31-03-2012] Para que as nais e pais que teñen fillos/as en idade escolar poidan conciliar a vida laboral e familiar durante as vacacións de Semana Santa, o Concello de Ames desenvolverá a próxima semana o programa Primavera Lúdica, que nesta edición contará coa participación dun total de 168 nenos/as. Trátase dun conxunto de actividades culturais e formativas que manterán ocupados aos rapaces e rapazas durante as horas nas que as súas familias teñen que acudir a traballar.
Nesta edición participarán un total de 100 nenos/as do Milladoiro e 68 de Bertamiráns. Esta cifra é unha clara mostra do éxito que teñen os programas de conciliación da vida laboral e familiar no Concello de Ames. As actividades da Primavera Lúdica realizaranse durante os días 2, 3, 4 e 9 de abril, dende as 7:30 ata as 16:00 horas. O horario comprende os tramos Bos días, de 7:30 a 9:00 horas (con opción de almorzo); lúdicos, de 9:00 a 14:30 horas; e comedor e xogo libre, de 14:30 a 16:00 horas.
Este programa está dirixido aos nenos e nenas escolarizados no 2º ciclo de Educación Infantil e en Educación Primaria e que estean empadroados no concello de Ames. Aínda así, puideron acceder tamén a esta oferta lúdica e educativa os fillos e fillas de persoas que, estando empadroadas noutro concello, teñan os seus postos de traballo neste municipio.




