[11-08-2015] Esta mañá a sala de xuntanzas do departamento de Urbanismo acolleu unha reunión entre o concelleiro de Educación, David Santomil, o concelleiro de Obras, Blas García, e a aparelladora municipal. Neste primeiro encontro de traballo aprobáronse unha serie de actuacións xerais, que se realizarán co obxectivo de que todos os colexios estean en perfectas condicións de cara ao 10 de setembro, momento no que dará inicio o curso escolar 2015-2016. Deste xeito, dáse cumprimento ao compromiso electoral dos tres grupos políticos, que forman o grupo de goberno, de poñer a brigada municipal de obras á disposición dos centros de ensino públicos de Ames.
Durante as últimas semanas o goberno municipal estivo realizando varias visitas aos centros educativos públicos de Ames, para ver os traballos de acondicionamento que hai que realizar antes de comezo do curso escolar. O concelleiro de Educación, David Santomil, explicou que “mantivemos un contacto directo cos directores e directoras dos centros, así como coas ANPAS para coñecer de primeira man as actuación que son necesarias realizar antes do comezo do curso”.
Ademais, Santomil, destaca que “este primeiro plan de mantemento dos centros escolares encádrase dentro do Observatorio municipal de educación, a través do cal se vai facer un seguimento das necesidades que presenta cada centro educativo”.
Na xuntanza desta mañá acordouse que durante as vindeiras semanas a brigada municipal de obras vai a levar a cabo unha serie de actuacións xerais nos centros de ensino públicos de Ames de cara ao inicio o curso escolar 2015-2016. Estas actuacións vanse a desenvolver en 10 centros de ensino (CEIP A Maía, CEIP Agro do Muíño, CEIP de Barouta, CEP de Ventín, EEI Milladoiro, nas escolas unitarias de Covas e Ortoño, nas escolas infantís municipais A Madalena e O Bosque, e na escola infantil As Figueiras, que depende da Xunta de Galicia). Ademais, vaise incluír neste plan a Escola Municipal de Música de Ames (EMMA), que ten as súas instalacións no Centro multiusos de Aldea Nova.
Deste xeito, acordouse que en todos os centros de ensino vaise realizar unha revisión e reparación dos sistemas eléctricos prestándolle unha especial atención aos cadros eléctricos e diferenciais; limpeza interior e exterior de todos os centros educativos antes do comezo do curso; revisión e mantemento das caldeiras de gasoil; revisión e mantemento dos sistemas contra os incendios; e acondicionamento dos xardíns, parques infantís e zonas verdes dos colexios. Ademais destes traballos xerais vanse a realizar actuacións puntuais en todos os centros escolares amesáns.
Nas aulas da Escola Municipal de Música de Ames tamén se van realizar traballos de acondicionamento que fundamentalmente estarán centrados en reparacións puntuais das instalacións de fontanería, traballos de pintado, revisión das instalacións eléctricas e de conexión a Internet.
Contido relacionado

El Correo Gallego: "Ames diseña el primer plan de mantenimiento de los centros escolares"
La Voz de Galicia: "Ames diseña el primer plan integral de mantenimiento de los centros escolares"




